3/18/2013

Apuntamento sobre a XIV A.N. do BNG


Onte celebrouse a XIV Asamblea Nacional do BNG na que unha palabra foi a grande protagonista do día: soberanía. E porén, se o discurso do recén electo Portavoz Nacional é indicativo do proxecto que se pretende poñer a andar un ten a impresión de que, malia ser a palabra soberanía citada unha e outra vez, o problema real da soberanía non se debateu a fondo preferíndose camiñar, en todo momento, pola afirmación independendista a respecto de Madrid (ante a cal quen isto escribe non ten o maior reparo, distinto será calibrar se iso é, como dicía Vence citando a Lenin, ir un pasiño por diante do pobo ou ir a un ano luz do mesmo) ao tempo que se era máis ambiguo a respecto do que o propio Vence chamou o eixe: Bruxelas-Frankfurt-Berlín. E é que malia recoñecerse que "en realidade España desapareceu coa peseta" e que "están agora entregando servilmente a capacidade de decisión a institucións para-democráticas da Eurozona" a única proposta estratéxica que se albisca na folla de rota do BNG é a confrontación Galiza-España (entendidas ambas realidades coma dous todos indivisos) deixando a cuestión europea, polo menos nese discurso do Portavoz Nacional, no limbo da indefinición cando non presentándoa, implicitamente, como a terra prometida á que están conseguindo acceder outros procesos independentistas coma o catalán, o vasco ou o escocés (nacións todas elas nas que, a diferenza da nosa, si hai burguesías autóctonas ás que o espírito neoliberal da eurozona lles puidese interesar moito). Vence relatou no seu discurso unha listaxe de agresións centralistas. Pero se un as analiza ben, pode ver que, salvo pequenas excepcións, só nas que teñen que ver co aparato institucional e coa esfera cultural non está detrás o diktat da Troika. Un aparato institucional e cultural, o da Transición, que preparou ao Estado para a financiarización, para o ingreso na UE e para a asunción de Maastricht e Lisboa, e que, agora que o sistema financeiro quebrou, entrou en crise tamén en España e está a servir para agredir, ademais de ás clases populares galegas, tamén ás clases populares españolas. 
Xusto porque neste momento a política económica xa non depende desa España que morreu coa peseta algúns pensamos que é necesaria unha estratexia política para outros niveis que sobardan o estado- nación (e non creo que isto sexa troskismo enaxenado nin toninegrismo flower power como ironizou Vence). Poderase debatir se o que compre é formular directamente a saída da eurozona con todos os males e apocalipsis que disque provocaría ou artellar unha política de alianzas para tratar de reformala. Unha eurozona, por certo, na cal o eixo esquerda-dereita tamén está fortemente imbricado no eixo centro-periferia e na que o Estado Español no seu conxunto -coma Portugal ou Grecia- é periferia; aparecendo os seu movementos emancipadores, polo tanto, máis coma potenciais aliados nesta conxuntura que coma inimigos a batir.
O que desde logo entendo que non se pode é eludir o tema dicindo que iniciar un proceso como o que está a iniciar Escocia ou Catalunya xa chega para acadar a arelada soberanía, porque a teimuda realidade estanos a dicir que iso non é certo.
Na mesma Asamblea de onte, un dos momentos máis emotivos foi o da intervención de Joana Mortágua, delegada do Bloco de Esquerdas. Polo que puiden seguir nos medios e redes sociais -non sei se antes ou despois da convidada falar- a militancia do BNG comezou a entoar o Grândola Vila Morena. Algo que debeu resultar ben emocionante. Pero para min o verdadeiramente significativo de todo o acontecido nesta intervención da dirixente do Bloco de Esquerdas foi a súa afirmación de que "Portugal é hoje um país colonizado. Nós não temos apenas uma dívida que pagar mais temos um regente, um colonizador que nos diz quando pagar essa dívida (...) e portanto o povo portugués tambem luta hoje pela sua soberania". Isto é, veu dicir Mortágua, Portugal é hoxe unha nación que, malia contar formalmente cun aparato de Estado (o mesmo ca Chipre, Grecia, España e Italia) está a ver como as súas elites desangran o país (tal como fai, por certo, CIU en Catalunya co apoio de ERC) e a comprobar que tampouco é soberana no económico; o cal, estaremos de acordo, é a cerna de calquera caste de soberanía.
Persoalmente penso que o estado das autonomías colapsou. Comprendo logo que o soberanismo (termo que prefiro con moito a nacionalismo) sexa o camiño a seguir. Pero porque entendo que o colapso é do Estado Español en conxunto considero que hai marxe de manobra para establecer alianzas coa esquerda española tanto na procura dun proceso constituínte que inclúa o dereito a decidir das nacións sen estado e que deixe aberta a forma final que democraticamente tomará ese estado (é dicir, que recupere o que era o proxecto da ruptura democrática previo á Transición), como na procura de crear un gran polo europeo antineoliberal e soberanista que ou ben reforme a eurozona -se é que esa proeza é posible- ou ben devolva aos pobos a capacidade de decisión sobre as cuestións económicas.

Sem comentários: