Segundo a análise marxista clásica a superestrutura
política e cultural dunha sociedade muda cando así o fai a estrutura
económica. Sen entrar agora en cuestións de se isto é así de automático
ou se existe unha relativa autonomía da superestrutura, podemos dicir,
botando man das categorías de Marx, que hoxe, ano catro da crise
económica do capitalismo mundial, e para o contexto do Estado Español,
ese conglomerado ideolóxico bautizado como CT (Cultura da Transición)
polos autores do recente libro colectivo CT o la Cultura de la Transición. Crítica a 35 años de cultura española, está morto. En opinión de Guillem Martínez, un dos autores do libro, a CT é
«A cultura española actual, que non debe nada á
Guerra Civil e que llo debe todo á Transición. Basicamente, e explicada
nun plis-plas, consiste nunha cultura vertical, na que o Estado -e en
ocasións a empresa, que polo que sexa se identifica co proxecto ou os
negocios do Estado- xestiona a axenda de accesos á realidade. Marca o
que debe de aparecer nun artigo, nun libro, nunha peli, para ser
recoñecidos como obxectos culturais e non como a obra dun colgado. É
unha cultura que, basicamente, oculta todo o que sexa problemático. Ou
decide o que é ou non problemático.»
E prosegue Martínez:
«Cando calquera obxecto se sae dos marcos da CT,
deixa de ser percibido como obxecto cultural, para pasar a ser outra
cousa. Un produto marxinal, por exemplo. O cal é para pensalo dúas
veces. Os límites do posible son por outra parte máis pequenos que en
calquera outra cultura europea, polo que é moi fácil saír do marco. Nese
diminuto espazo do marco da CT vive o groso dos profesionais da cultura
local, un colectivo obrigado a practicar un máximo común divisor das
mesmas ideas, os mesmos posicionamentos, as mesmas tendencias, as mesmas
opinións, nunha competencia extraordinaria sen apenas diferenzas na súa
produción, o que convida a pensar que o traballo, neste tipo de
traballos, é un premio. Posiblemente, máis que á obra, á conduta. É o
premio a non crear problemas.»
Naturalmente a xestación deste panorama que
describe o libro citado só foi posible pola peculiar historia recente do
Estado Español. Un estado que, despois de corenta anos de ditadura
fascista, ve como as elites deciden que é o momento de homologarse co
marco político imperante no resto de Europa e comezan a trazar, co
beneplácito, salvo honrosas excepcións, das organizacións de esquerdas
máis importantes da época, un plan que permita modernizar
epidermicamente o Estado sen que os postos de poder sufran alteracións
importantes. A primeira maioría absoluta do PSOE en 1982 marcará o
verdadeiro inicio desta nova cultura empeñada en crear unha España
vangardista e moderna practicamente da nada. Para iso, e como apuntaba
Guillem Martínez, o papel do Estado será determinante. Probablemente foi
1992, e en especial a cerimonia dos xogos olímpicos de Barcelona o
cénit da CT. Antes, a pseudrotransgresión da Movida madrileña (e a súa
émula viguesa). As pelis de Almodovar. A pintura potenciada
polas institucións: do antecedente do grupo El Paso ao archimimado
Miquel Barceló. Mariscal. A literatura tipicamente consensual editada
por Alfaguara e publicitada por Babelia en El País. A febre da haute
cuisine e dos cociñeiros-celebrities. Despois, o agromar de
museos de arte contemporánea en cada curruncho do Estado e a crenza
ilusa de que se podían indagar novas maneiras de ver o mundo (pois iso é
finalmente crear arte) retomando a figura do pintor de corte propio do
século XVII. Hoxe todo isto rematou, e rematou basicamente (de aí
comezarmos con Marx), porque rematou o carto fácil co que a banca alemá
financiou o crecemento económico experimentado polo Estado Español a
través da hoxe pinchada burbulla inmobiliaria. Coa seca das billas
alemás todas as industrias culturais crecidas baixo as ás do Estado, da
empresa ou da obra social das extintas caixas de aforro están a morrer
de inanición demostrando como de feble e artificial era todo ese sistema
cultural pouco enraizado na sociedade concreta (unha sociedade, en boa
medida, de albaneis e camareiros) sobre a que se edificara. Así, non é
de estrañar que dun tempo a esta parte, e xa falando do noso país,
Galicia, esteamos a ver, día si e día tamén, como abrollan iniciativas
(a comunidade de artistas sita na parroquia viguesa de Valadares Al-Ga, o FAC-Peregrina de Compostela ou a residencia de escritores
da editora Axóuxeres, por citar só algunhas), estas si creadas desde o
máis abaixo da sociedade civil, que procuran tecer unha nova rede
cultural menos dependente, menos artificiosa, probablemente máis pobre,
pero seguro que máis creativa e libre, que o vello entramado cultural
dedicado a honrar os consensos da defunta Transición que nos conduciron á
desastrosa situación actual.
Sem comentários:
Enviar um comentário