7/15/2012

Breves comentarios á Asemblea Constituínte de Anova


Onte, aniversario da toma da Bastilla, constituíuse, despois dun día enteiro de esgotadores, caóticos e, por veces moi tensos debates, a nova organización política Anova. Fun moi crítico con como se levou a cabo a maior parte do proceso que desembocou na creación desta nova organización. Fun especialmente crítico co funcionamento da Asemblea de Vigo, na que participei e participo, pola súa falta de horizontalidade e a súa contínua recurrencia á "cociña creativa" previa a cada unha das asembleas. Nos días anteriores á celebración da Asemblea constituínte e nalgunha das miñas intervencións na propia Asemblea fun moi crítico co dirixismo encuberto que se percibía en numerosos momentos. Dirixismo que se sustanciaba nas accións e omisións dunha Mesa na que era evidente o pánico a perder o control da Asemblea; na ambigúidade calculada, case que até o mesmo momento de votar, no que ten que ver coas listas abertas; na falta publicidade previa das mesmas de xeito que non se puidese coñecer con antelación quen era quen entre os que se autopostulaban fóra da lista oficial; na co-existencia dunha lista oficial disfrazada de "lista de consenso" (feita pública, por certo, de xeito que non houbese tempo a articular outra lista alternativa) canda un pequeno excedente de autopostulantes aos que se lles permitiu pugnar, a título individual, en clara desigualdade de condicións; etc.
Na asemblea de onte, a fontanería, da que eu tanto refugo, funcionou no que tiña que funcionar
a aprobación da lista oficial. Agora ben, onte, nas longas horas que durou o cónclave puidemos comprobar que, por moi imperfecto que sexa, por moi manipulable que sexa, o asemblearismo é o máis parecido que existe á Democracia, así, con maiúsculas. E digo Democracia entendida como o proceso político no que a incertidume, é dicir, a emerxencia do inesperado, do non calculado, é posible. Pois por moito que se pretenda atar todo antes dunha asemblea, a propia dinámica da mesma fai que sempre se creen fendas nas que o incontrolable apareza. Na de onte, á que moita xente si foi con ganas de debater de todo, sen dar nada por suposto, e onde as votacións de non poucas enmendas evidenciaron unha aritmética variable e non o cansino rodillo que se podía experimentar noutras organizacións, mostraron que a participación en igualdade e a horizontalidade é o mellor camiño para que as costras burocráticas nunca cheguen a un grao de solidificación tal que impida a súa rexeneración. Onte foi posta unha pimeira pedra, e como é a praxe a que determina a validez ou invalidez de calquera proxecto político, deámoslle unha marxe de creto antes de sacar conclusións precipitadas. Nada me gustaría máis que ter a certeza de que estamos a acertar no reto de inventar unha nova forma de entender ás organizacións políticas e á propia política. O tempo diráo con maior claridade.

4 comentários:

Paula Verao disse...

Falo en primeira persoa e auto-responsabilizándome da miña conducta: non sempre se pode achacar a dirixismo ao que é simple incompetencia e improvisación. Creo que cunha mesa máis pequena onde as persoas integrantes desta nos puidésemos comunicar tería facilitado o curso da asemblea dende o inicio. Precisamente se houbese máis "cociña" da Mesa (no sentido de preparar o debate: "non hai liberdade sen orde nin orde sen liberdade") quizais todo se resolvera mellor, entendendo por mellor non ter tido menos debate, senón un mellor clima, con máis empatía (por min como se quedásemos até as 2 da mañá, que se debatise de todo, pero sen desconfianzas recíprocas, e non falo por min nin por ti, senón en xenérico: desconfianzas, creo, entre varias, moitas, culturas políticas moi diversas; por exemplo, a mesa, foi tida por "aparato" dende o inicio, e a min ben que me gustaría poder estar abaixo e non ter que levar o traballazo da acta). Aínda así, coincido na beleza da "emerxencia do inesperado", producíronse debates moi interesantes e a "aritmética variable" ratifica que estabamos nun marco de participación individual. Teño moito que pensar sobre o de onte e todo este proceso para sacar conclusións, pero a horizontalidade, asemblearismo e cultura de movemento son o camiño cara outra forma de política (outra no sentido de diferente de moitas cousas).

O Fuco disse...

Paula. Antes de máis separemos dúas cousas: eu agradezo á xente da mesa o esforzo físico e mental que unha actividade como esa conleva. O mesmo que llo agradezo á xente de Santiago que se volcou na organización práctica da Asemblea. Unha vez recoñecido isto, eu só trato de facer algunha crítica a certos momentos vividos onte, que se cadra non vén ao caso explicitar aquí, pero que non estiveron motivados precisamente polo ambiente caótico e improvisado que se respiraba en certos intres pois isto -a frescura amateur- na miña escala de valores particular non é unha cousa necesariamente mala. Se a miña crítica pretendía ser xeral e para nada quería individualizar en ninguén os problemas que lle vin á mesa, moito menos o quería facer en ti pois te teño por persoa eficaz e de criterio.

Tamén concordo contigo en que non hai liberdade sen orde nin orde sen liberdade. Por iso digo que unha das cousas que menos me gustaron de onte foi que parte da orde (que habería listas abertas) foi mantida en sordina, foi pouco publicitada e foi trampeada coa presentación dunha chamada "lista de consenso", que en verdade era unha lista pechada cuxo criterio para ser elaborada é cuestionable.

LupeCes disse...

Grazas David polo teu escrito e pola tua generosidade. Estamos aprendendo. A assembleia de onte tivo luzes e sombras. Esta apredizagem, coma todas, vai ter erros. Cheguei a casa coa sensaçom de que nom tinhamos mais que comezado um caminho muito longo.Eu só aguardo poder contar coa tua olhada crítica. Umha aperta em irmandade.

O Fuco disse...

Concordo Lupe,isto non fixo máis que comezar. Unha aperta e grazas polo teu comentario.