7/23/2012

Textos escollidos para ler o presente (V)



Que estamos nun momento —este nos que según moitos o Estado español está a piques de engrosar a lista de rogue states pola vía da intervención directa da Troika— no que se vai decidir como será a feitura deste estado para as próximas décadas, o mesmo que na chamada Transición se decidiu como habería ser o Estado español de fins do século XX, é algo que xa non nega ninguén. Que hai cada vez máis movementos que aventuran o regreso dos “grandes consensos” de elites, como a finais do franquismo, parece tamén evidente. Nos últimos días, diversos artigos, editoriais e declaracións do partido oficial da oposición así o testemuñan. Semella pois acaído lembrar un pouco como foron e para que se xestaron aqueles grandes consensos de hai corenta anos que baleiraron de contido as demandas populares do antifranquismo e que forxaron as estadas institucionais e políticas que hoxe vemos apoderecer por toda parte. Os herdeiros directos daquela operación, por máis que Felipe González queira endilgarlle todos os males que hoxe sufre o Estado español aos anos de goberno de Aznar, son a deostada casta política bipartidista que vai camiño de reeditar outra Gross Koalition de espúreos intereses. Velaí vai, logo, un estracto dese libro imprescindible de Joan E. Garcés chamado Soberanos e intervenidos. Estrategias globales, americanos y españoles.

Enumeremos algúns dos medios instrumentais da reforma política. En primeiro lugar, a reducción-recondución das pugnas socio-políticas á súa vertente parlamentaria, entre os equipos cooptados a este fin e disociando loitas políticas e dinámica social. Para isto converteuse aos equipos políticos protexidos en asociacións paraestatais distanciadas da súa base social específica, actual ou potencial. Financiados en parte desde os centros de decisión da Coalición da Guerra Fría, vía fundacións e outras mediacións económicas, e en parte desde os Orzamentos do Estado, os partidos da reforma na práctica funcionaron coma órganos do Estado.
En segundo lugar, adaptouse a experiencia da RFA posterior a 1958 (Congreso de Bad-Godesberg do Partido Socialdemócrata), e a de Italia despois de 1963 (onesto compromesso entre o Partido Socialista e a Democracia Cristiá). Os grupos que pactaron a reforma en 1976-77, en particular os que a protagnizaron
os de Fraga (AP), Suárez (CDS), González Márquez, Carrillo, nacionalistas vascos e cataláns, operaron como grupos socialmente autónomos illados en parcelas do Estado, como compoñentes sociais do mesmo con intereses e necesidades propias.
[…]
Foi un proceso denominado de consenso. Deste xeito a internacionalización do capital avanzou en España simultaneamente á súa estabilización económica, militar e política dentro das estruturas creadas durante a Guerra Fría en Europa.
En terceiro lugar, o entramado de equipos políticos consensuados actuou como órgano de conservación do statu quo socioeconómico. Son equipos que recoñecen non tanto a existencia de clases como a de individuos ou sectores sociais cuxas contradicións ou antagonismos se tapan con referencias modernizadoras, tecnocráticas, que adaptaron a experiencia da RFA que describía O.K. Fletchtheim:


«Nos últimos anos anúnciase unha transformación interna dos partidos. Parecen evolucionar por momentos do tipo de agrupación democrática de afiliados, fortemente impregnada de ideoloxía, a aquel dunha institución case estatal, dirixida en grande medida xerárquicamente, que –en forma de todo análoga ao Estado moderno en xeral- ostenta tanto os rasgos dunha organización de prestación de servizos, que trata de satisfacer diversos desexos dos consumidores, como tamén os dunha institución de dominación. Esta “obxectivación” e “desideoloxización” da política dos partidos, que moitos celebran, vai hoxe en día causalmente da man, en todos os partidos, cunha renuncia progresiva á realización de reformas estruturais profundas na sociedade e na economía.»

En cuarto lugar, en 1977 os equipos cooptados foron legalizados como partidos políticos previa garantía da súa oligarquización interna. Non xa só comprometida senón constitutivamente consolidada, requisito sine qua non para seren aceptados no consenso e percibiren a súa parte alícuota con cargo aos orzamentos do Estado. A orde cronolóxica de legalización dos equipos políticos a partir de 1976, de maior a menor protección, mostra a programación da que aqueles foron parte, até lograr que se conformara unha unidade oligárquica concentrada en torno dunha persoa con plenos poderes no seo de cada partido, que mediatizara aos seus adherentes e os convertira en instrumentos executores de plans e compromisos a miúdo secretos.
En quinto lugar, a actuación independente da cúpula de semellantes partidos respecto dos seus membros e electores facilitou a súa actuación á marxe de referencias de clase, ou de relacións de dominación socio-cultural-nacional.
En sexto lugar os equipos constituíntes de 1977-78, en particular os centrados en torno de Adolfo Suárez e Felipe González, ofreceron programas políticos só en apariencia distintos. A súa analoxía e comunidade de obxectivos fíxoos adoptar os métodos de mercadeo propios da venda de bens de consumo, a “oferta” axuntándose ás expectativas das equisas sobre a “demanda” –esta última á súa vez promovida pola publicidade-propaganda. E aínda que os partidos parecían pelexar por conquistaren posicións de poder, eran parte dunha unidade simbiótica. O partido único do réxime franquista, o Movemento Nacional –do que fora último secretario xeral precisamente Adolfo Suárez
, foi na práctica reconvertido despois de 1975 nunha versión plural dun partido dominante subxacente. A pluralidade de núcleos políticos consensuados do posfranquismo, a diferenza do que limitou á unificada Unión Patriótica durante a ditadura do xeneral Primo de Rivera (1923-1930), puido asegurarse reciprocamente o xogo electoral para distribuírse o acceso aos postos públicos –función principal para eles dunha Constitución, ao tempo que se garantizaban que quenqueira que gañase non introduciría mudanzas substanciais respectos dos outros. A lóxica de tal sistema tende á depauperación da renda política dos máis débiles ou incertos (como o Partido Comunista, ou os núcleos das nacionalidades periféricas), en proveito da concentración dos recursos nun bipartidismo imperfecto volcado sobre o “centro”, é dicir, sobre o mantemento do statu quo ante.
Por último, obxectivo capital, tratouse de agachar as contradicións entre capital e traballo mediante sindicatos integrados no sistema. Complemento indispensable da manipulación parlamentaria, en paralelo co illamento da oposición “fundamental” ao réxime franquista, a neutralización ou destrución da dimensión de clase nos sindicatos foi buscada pola vía da súa integración en pactos como o da Moncloa
1977 ou o Acordo Nacional sobre o emprego 1981. Co apoio da Patronal e do Goberno a instrumentación dos recén legalizados sindicatos perseguía arrinconar aos núcleos sindicais que con maior conciencia sobreviviron á represión da ditadura. Era o contrapunto da secuencia política que describía o deputado de González por Barcelona –Juli Busquets:

«Hoxe, grazas fundamentalmente á responsabilidade, prudencia e moderación dos socialistas, e máis concretamente de Felipe González, o PSOE […] practica unha política baseada no consenso, na concertación e no pacto social, e en consecuencia a sociedade non só non está enfrontada, senón que está cada vez máis integrada.»

Sem comentários: