6/02/2012

Textos escollidos para ler o presente (II)



Extracto do libro A mirada republicana de Andrés de Francisco.

«É necesario sobardar o estreito horizonte do sistema convencional partidista de representación política e abrir novos espazos de participación extraparlamentaria. E iso nun dobre sentido. No sentido, primeiro, de que as decisións e as políticas poidan ser contestadas e, segundo, no sentido de que as decisións e as políticas poidan ser participadas. O primeiro significa que a sociedade civil ten a suficiente capacidade de reacción para resistir ás leis políticas emanadas do parlamento e forzar a súa modificación ou impedir a súa execución. Sobra dicir que esa contestación implica que a sociedade civil non está estática nin parada, senón en movemento (social), que é dinámica, activa, que ten voz propia, voz libre —non secuestradas polos mass media, que xa sabemos os señores aos que serven—, e capacidade organizativa para armar a confrontación co Estado e o goberno. A contestación implica a existencia dun rico tecido asociativo, de fortes redes autónomas de capital social, nun escenario tan plural e heteroxéneo como plurais e heteroxéneas sexan as necesidades e as preferencias. Pola súa parte, a segunda dimensión —a participación nas decisións— significa que a sociedade civil ten instrumentos para coxestionar a cousa pública e participar no seu control. En xeral, isto implica a fusión de dous horizontes: o horizonte da descentralización —e relativa desburocratización— do Estado e o horizonte da democracia de base, que non ten por que ser democracia directa —aínda que tamén—, senón que pode realizarse dentro dun marco profundizado de representación popular, ao estilo da tradición democrático-radical da Comuna de París. En calquera caso, este é un ámbito de experimentación aberto á imaxinación e ás iniciativas populares. Valan como exemplo os orzamentos participativos de Porto Alegre, os consellos veciñais de Chicago, o sistema de democracia Pachayat en Bengala occidental ou os consellos comunais da actual Venezuela. O campo está aberto á experimentación política e tamén á reflexión teórica.»

Sem comentários: