5/24/2012

Pequenos comentarios a unha proposta política


Os grupos políticos +Gz, Acción Galega e Ecogaleguistas, disconformes co ritmo adoptado polo EI e coa súa proposta de facer as cousas "de abaixo a arriba" a través de asembleas territoriais, acordaron, o pasado 15 de maio, facer público un documento conxunto coas súas propostas políticas e programáticas. Onte ese documento viu a luz pública. O que seguen son algúns comentarios rápidos que a lectura do documento Bases políticas, proposta final, suscitou en quen isto escribe.

* * *

"O abandono das regulacións e controis necesarios conduce a un modelo de crecemento económico aparentemente sen límites, que externaliza os custos da produción sobre as costas do planeta enteiro poñendo en perigo a nosa propia supervivencia ecolóxica." (pax.1)

Na miña opinión isto é falso pois non é o capitalismo desregulado o que cre nun crecemento económico aparentemente sen límites senón o capitalismo a secas. Un capitalismo regulado é igual, ou mesmo máis antiecolóxico, ca o capitalismo financeiro. O capitalismo financeiro pode ser máis antihumano pero non é máis antiecolóxico. Esta contradición non é menor, pois é obvia en todo o documento a vontade de apostar por un capitalismo digamos que keynesiano ao tempo que se fala de ecoloxía e sustentabilidade. Un pode comprender perfectamente que se propoñan medidas keynesianas como xeito de saír da crise e de combatir o neoliberalismo o que un non pode aceptar de ningún xeito é que non se advirta de que o programa ecoloxista choca frontalmente, no longo prazo, co programa keynesiano. Esta ausencia de crítica ao capitalismo en tanto que sistema insustentable per se, mesmo que esta tivese efectos políticos concretos no longo prazo, fai que o documento adoeza dunha contradición importante.
 
"Pola súa banda, a forza que vén representando o nacionalismo galego nas institucións tamén renunciou dende hai varios anos a ser un instrumento útil para cambiar a realidade de Galicia, optando por converterse nunha forza política antisistema." (Pax. 4)

Non pretendo aquí facer ningunha defensa do BNG, nin moito menos. Teño tantas razóns (aínda que parece obvio que son razóns distintas) como os asinantes do documento para criticar a esa organización. Só quero dicir que usar nun documento dun grupo de partidos que se din transformadores xerga propia da prensa de dereitas non me parece o máis atinado. Para saber quen é antisistema hai que ter moi claro que é o "sistema" (algo que non se define no texto) e, sobre todo, para criticar a alguén por ser antisistema hai que ter moi asumidas as bondades do sistema. Na miña opinión, no contexto actual, calquera forza que se pretenda anovadora se non fai seu o afortunado lema do 15m que aseguraba que os cidadáns que se mobilizaban "non eran antisistema senón que o sistema era antieles" está a caer nunha postura conformista ademais de, en termos de Lakoff, dar por bos os marcos ideolóxicos dos oponentes que tenden a tildar postura propia como a razonable, a coherente, a sistémica e a dos outros como as posturas "anti".

"Unha forza política de base plural, pois abrangue un amplo espectro desde o centro progresista ata a esquerda renovadora, galeguista/ nacionalista e transformadora." (Pax. 4)

Eu o que me pregunto ao ler isto é: que é o "centro progresista"? E, se existe de xeito absoluto, tamén me pregunto, existe no caso concreto da sociedade galega? Hai un segmento social o suficientemente relevante que responda á descrición de centro progresista como para reflectilo deste xeito no abano chamado a conformar o NPC?

"O proxecto político da nova forza debe contemplar retos de futuro, pero sen esquecer que o prioritario é darlle resposta ás necesidades dos galegos e das galegas neste momento concreto en que nos tocou vivir. Tratarase por tanto de pór en marcha políticas transformadoras, pero á vez prácticas e pensadas para dar solución ás necesidades máis primarias do pobo galego." (Pax. 5)

Isto é un parágrafo que anula a perspectiva de que calquera política transformadora ambiciosa sexa levado a cabo. Tal e como está redactado parece claro que sempre se supeditarán o que aí se chaman "retos de futuro" ás políticas "prácticas" do presente. E cando se pode romper esa preferencia? Como saberemos que xa estamos no momento de poder abordar os "retos de futuro"?

"Por iso, a nova forza declárase como un proxecto político con clara vocación de goberno, que non renuncia á mobilización social cando sexa preciso e as circunstancias o aconsellen, pero que nace coa firme vocación de conquistar democraticamente o goberno das institucións. Porén, o exercicio auténtico do poder debe radicar na propia cidadanía, única depositaria da lexitimidade das institucións, polo que a nova forza contribuirá ao “empoderamento” da sociedade civil. Igualmente, entendemos que o exercicio do goberno deberá contar coa participación, na xestión administrativa, desta sociedade civil organizada en redes colaborativas." (Pax. 5)

Neste parágrafo abórdase o problema sempre presente entre a institución e a sociedade civil. Pero faise de xeito ambigüo pois non se explicitan cales serán os mecanismos concretos para que a sociedade civil se "empodere" e para que participe na "xestión administrativa" (e política non?) en "redes colaborativas" (como se constitúen esas redes? como se participa nelas? con que mecanismos?). Ademais, para que vale un partido que goberne nas institucións pero que non sexa hexemónico na sociedade civil? Pénsase que gobernar é ter o poder? Aínda non se aprendeu da experiencia do bipartito que gobernar e ter o poder son cousas moi diferentes que requiren tamén de estratexias diferentes?
 
"Como forza política nova e permeable ás demandas da cidadanía, a nova forza comprométese firmemente coa rexeneración democrática e co impulso á participación cidadá na vida pública e na actividade política, asumindo como principios básicos a responsabilidade, a transparencia e a esixencia ética no desempeño de cargos públicos, un réxime estrito de incompatibilidades e a eliminación de privilexios para estes cargos, a limitación de mandatos tanto no partido coma nas institucións, as listas abertas e a celebración de eleccións primarias para a proclamación de candidatos/as ás alcaldías e á Presidencia da Xunta, abertas á participación de afiliados/as e simpatizantes." (Pax. 6)


Este parágrafo parece despexar as inconcrecións do parágrafo que comentei antes pero, na miña opinión, faino achegando solucións ben pobres. Pois exixir un réxime de incompatibilidades, a limitación de mandatos, as listas abertas ou a celebración de eleccións primarias son cousas que xa se teñen feito noutros lugares sen que se poida dicir que contribuísen a facer da política ese algo diferente que todos dicimos desexar.

"Para acadar este obxectivo a nova forza elaborará propostas políticas destinadas ao conxunto da sociedade galega, sen exclusións, independentemente da clase social ou do colectivo." (Pax. 6)

Lendo isto venme á cabeza unha frase que Xosé Manuel Beiras pronuncia a miúdo: a sociedade non é un saco de area informe. Non é un agregado de individuos sen máis. A sociedade está composta por clases con cadansúa lectura da realidade e con cadanseus intereses. Un pode ofrecer políticas ao conxunto da sociedade pero non pode facelo "independentemente da clase social ou do colectivo". Calquera política afecta a unhas clases sociais e perxudica a outras. Obviar isto é, ou ben cínico, ou ben inxénuo.

Por último, un comentario non ao que di o texto, senón ao que non di. Soprende nun documento que fai moito fincapé en pór os pés na terra e en partir do concreto, que non haxa mención ningunha a que procedemento se enxerga para casar este programa co programa que sairá do proceso asamblear impulsado polo EI. E en como se pensa sortear o "choque" de lexitimidades entre este texto e o texto que saia despois dun proceso de decantación no que estarán involucradas (directamente, non mediante representación) centos de persoas.

Sem comentários: