5/11/2012

A evolución do movemento 15M



O xornal Praza Pública preguntou a varias persoas sobre a evolución do movemento 15M nas vésperas da mobilización convocada para este 12 de maio. Velaquí as miñas respostas:

Cal cres que vai ser a resposta da cidadanía, perante o agravamento da crise e a intensificación dos recortes?

Por falar en vellos termos marxistas ;) poderíase dicir que as condicións obxectivas para que as mobilizacións do 12M sexan un éxito están aí. En poucos meses, a acción do goberno de Rajoy -que, cómpre non esquecelo, está a continuar a senda marcada polas últimas decisións do goberno ZP co apoio do PSOE rubalcabiano ao completo (exemplo: pacto constitucional contra o déficit)- está a destruír, no estado español, os mecanismos de redistribución social dos que se dotaron as sociedades europeas, con anos de loitas e sacrificios, desde a segunda guerra mundial.
Cousa diferente será ver como están as condicións subxectivas. Se atendemos á última enquisa do CIS, que tampouco é palabra revelada, parece que o bipartidismo non acaba de sufrir unha merma insuperable e continúa a obter uns índices de apoio considerables. A mobilización do 12M servirá para saber se o que sucedeu hai un ano foi froito dunha conxuntura na que o efecto novidade xogou un papel moi importante ou se hai unha corrente de fondo na cidadanía capaz de vencer ao medo e á incertidume que toda situación de crise xera na poboación.

O movemento evolucionou, foi mutando no último ano; que función debe ter hoxe en día?

 Eu a sensación que teño é que o 15M como tal, sen ter en conta os colectivos organizados que se moven no seu seo, segue a ser o que foi: un movemento social que mostraba de xeito inarticulado o fartazgo cun estado de cousas. O que é moi probable é que neste ano se dese un proceso de aprendizaxe en moitos e moitas das participantes no mesmo. No sentido de que moitos dos que aí participaron hai un ano desde posicións utópicas, cidadanistas, etc. hoxe teñan unha concepción das cousas moito máis crúa e máis acaída á realidade.
Se isto provocará que o movemento se articule creando estruturas que permitan a loita polo poder ou, cando menos, pola hexemonía ideolóxica -ben creándoas ex-novo, ben converxendo con cousas preexistentes- está por ver. Probablemente os tempos dun movemento como o 15m son moito máis lentos do que sería necesario no momento histórico no que estamos. Pero as cousas son as que son.

Como foi e como debe ser a relación entre o 15M e outros movementos sociais con visións transformadoras?

A relación foi complicada. E aínda a é se temos en conta cousas como que 12M vai haber en Vigo unha mobilización de traballadores do naval independente da do 15M. Na miña opinión, esta falta de entendemento está causada por motivos que teñen que ver coa derrota histórica da esquerda despois do fracaso soviético (un estertor desa derrota histórica é o fracaso actual da socialdemocracia que, literalmente, quedou sen discurso e sen capacidade de levar a cabo os seus programas). Esta derrota histórica provocou un descrédito, case sempre fundado, das organizacións tradicionais da esquerda e dos seus discursos e valores e propiciou a penetración absoluta na sociedade dos valores capitalistas, até o punto de que, mesmo os sectores golpeados polo capitalismo, utilizan argumentos espallados polos medios de comunicación capitalistas (os políticos son todos iguais, os sindicatos están subvencionados, etc.) e parten dun individualismo recalcitrante propio da ideoloxía liberal.
Se a tradición da esquerda está chamada a revisar moitas cousas (a tradición comunista as súas inercias teleolóxicas e vangardistas, a socialdemocracia a crenza de que se pode transformar o mundo usando os marcos ideolóxicos do capital para limitarse a xestionalo) estes novos movementos deberían, con toda a actitude crítica que queiran pois están totalmente lexitimados para iso, redescubrir ou, nalgúns casos descubrir, a tradición de esquerdas da que, por moito que non sexan conscientes, proveñen. E non por unha cuestión estética o nostálxica, senón porque só coñecendo esa tradición, esas experiencias de anos e anos, evítase perder o tempo percorrendo camiños inútiles que outros xa percorreron e pódese, verdadeiramente, innovar na procura dun novo camiño para todos os que desexen ser donos das súas vidas.

Cales son os retos e as tarefas que debe abordar o 99% nos vindeiros meses?

 O maior triunfo dos indignados e dos seus semellantes no mundo foi situar na axenda algúns temas que estaban desaparecidos. Nese sentido, o movemento indignado foi o máis eficaz, en moito tempo, para disputar ao establishment neoliberal a hexemonía ideolóxica. O reto debería ser converter ese éxito parcial, fráxil e momentáneo, nunha corrente aínda máis potente que acabe por vencer de vez no plano da hexemonía ideolóxica á apisoadora mediática neoliberal. Así mesmo compre que o movemento, ou as individualidades que o integran, comecen a se propoñer a tarefa máis importante que calquera movemento político debe ter presente: cal é a estratexia que se debe seguir para disputar o poder. Un movemento cuxo obxectivo sexa unicamente o de erixirse en consciencia crítica, sen vontade de loitar polo poder, acaba por diluírse e ten, a longo prazo, a batalla perdida.

Sem comentários: