1/30/2012

A XIII Asemblea da Polis


Dos centos de minúsculos papeliños cheos de frases e debuxos que deixou o xenial Erik Satie nun baúl do apartamento parisiense no que transcorreron os seus días, había un que dicía: "Chámome Erik Satie, como todo o mundo". Esta sorte de cosmogonía fractal que considera que a parte non é senón unha repetición do todo tivo especial predicación na nosa terra. Así, o Vicente Risco que dixera aquilo de: "Galiza é un mundo... Pode ela ser pequena en extensión; en fondura, en entidade é tan grande como queiras...» ou o Celso Emilio que cantaba ao lugar onde o mundo se chama Celanova, non estarían máis que a actualizar o pensamento satieano. E algo desta lóxica fractal percibín eu na XIII asemblea nacional do BNG. Non en van a propia arquitectura da fronte imita, en realidade, á arquitectura dun estado, cos seus militantes a modo de pobo soberano, o seu consello nacional a modo de parlamento e a súa executiva a modo de goberno; no que interactúan, coma ponte entre eses militantes e os órganos da fronte, un sistema partidario que repite bastante fielmente a lóxica tripartita da sociedade galega no seu conxunto.
E é que a configuración de correntes no seo do Bloque coincide tremendamente coa configuración do mapa político galego, algo que se podería xulgar como unha virtude dun BNG que sería fiel reflexo da sociedade á que se dirixe pero que tamén pode ser entendido como unha eiva cando do que se trata é de transformar á sociedade, non de mimetizala. Así, a UPG, partido que cementa a súa hexemonía (bastante xusta tras os resultados desta asemblea) no seu control do micro aparato de estado, acudía ao cónclave como bastión da "unidade na pluralidade" (lema que, paradoxalmente, encaixa á perfección coa retórica anexa á doutrina do café para todos no estado autonómico), como aquela que tiña un proxecto "compacto, coherente, sen divisións" (palabras adoito usadas polo PPdG para deslexitimar ao exército de Pancho Villa que sería a entente BNG-PSdG) e como gardiana da tradición do nacionalismo galego fronte a outras correntes modernizadoras, promiscuas, impuras. Esta reprodución do antagonismo entre tradicionalismo vs. renovación, e a súa propia posición nese antagonismo, non debería estrañar aos militantes dun partido de raigaña marxista-leninista pois está escrito nos seus clásicos que toda organización acaba desenvolvendo o seu propio conservadurismo, a súa propia esclerose a súa propia constitución nun fin en si mesmo, de aí que, malia o paradoxal que poida parecer, no BNG actual o conservadurismo e os lemas aparentemente máis revolucionarios coincidan.
No fractal BNG, a corrente +Gz viría representar ao PSdG. Un segmento que busca conectar cos estratos urbanos de clase media, profesionais liberais e pequenos empresarios a base de homologarse organizativa e ideoloxicamente co que se espera que sexa un partido socialdemócrata hoxe en día e de evitar calquera postura estridente que impida centrar os esforzos na tarefa da xestión nas institucións.
Sería o EI quen mellor encarnase ao propio BNG dentro do BNG. Non só pola súa condición de corrente minoritaria fronte as outras dúas ou pola presencia de Beiras, imaxe popular do BNG durante tantos anos, nas súas filas, senón tamén pola súa insistencia en recuperar o Proxecto Común, auténtica alma do BNG, e, sobre todo, porque nesta asamblea a gran achega do EI foi facer fincapé en cuestións orgánicas como a da supresión da figura dos delegados (problema, o do ensimesmamento na organización, que desde fóra se asocia como recurrente no BNG) e moito menos nas propostas de estratexia política.
Mesmo o caso do MGS tería un paragón no mapa político galego, se cadra non no mapa presente a nivel nacional, pero si nunha figura frecuente no mapa a nivel municipal: a dos pequenos partidos independentes que compartindo as ideas e as formas do partido hexemónico prefiren actuar desde fóra del pero que sempre retoman a disciplina cando as circunstancias así o esixen.
Nas leas internas da polis-BNG quen isto escribe apostou por Antígona-Beiras e pola súa vontade de levar a ética da fidelidade ao Proxecto Común-Polinices até as últimas consecuencias (haberá que ver se tamén á derradeira, que consistiría en abandonar a polis e fundar outra nova). Porén, o que máis botei en falta na cidade estado chamada BNG é a cuestión da "política exterior", é dicir, como se fai política e con que estratexia nun mundo como o actual no que o acceso ás institucións non é sinónimo de acceso ao poder, no que adoptar o comportamento
do ourizo só contribúe a afastarse da sociedade que queres mudar, no que é necesario incorporar a cuestión dos límites ecolóxicos en lugar de limitarse a demandar capacidades abstractas para producir e no que as propias polis-organizacións como o BNG son postas en cuestión por unha sociedade que as percibe como inútiles e sen unha alternativa viable ao neoliberalismo fóra da retórica, da liturxia e das máximas para autoconsumo.

4 comentários:

cossimo disse...

Entón Esparta escacha ou non escacha?

O Fuco disse...

Esparta non sei, moitos espartanos si.

Willy S. O administrador disse...

E a base electoral simpatizante-pero-non-militante coma min, que vai facer de aquí en adiante?

O Fuco disse...

É unha pregunta retórica, non?