11/29/2011

Soberanía


Pois, aínda que non están os tempos para andar a citar a un nazi, o certo é que o xurista alemán Carl Schmitt deu unha definición do concepto de sobernía do máis acaído: "soberano é aquel con capacidade para ditar o estado de excepción". Que quere dicir isto? Quere dicir que o verdadeiro soberano é aquel con poder suficiente para suspender a legalidade vixente e que —nun acto que en termos do Derrida de Forza de lei está alén do legal ou do ilegal— establece unha nova legalidade autofundada chamada a substituír á vella. Esta substitución dun estado de cousas por outro sería, nos termos de Jacques Rancière, a substitución da mera orde do existente (que el denomina "policía") por unha nova orde que atenda ao principio da igualdade. Esta loita entre policía e igualdade é o que para Rancière merece o nome de "política".

O que propoño, de feito, é opor dúas opcións. A noción de "policía", entendida non só no sentido de represión, de control social, senón de actividade que organiza a reunión dos seres humanos nunha comunidade e que ordena a sociedade en termos de funcións, de lugares e títulos que se deben ocupar. E hai, despois, outro proceso, o da igualdade. Este consiste no xogo de prácticas guiadas pola presuposición da igualdade de calquera e pola preocupación de o verificar: o nome máis propio para o designar é o de "emancipación". O que chamamos política é, de feito, o enfrontamento constante destes dous procesos, unha loita para dicir que cousa é a situación mesma.
[El tiempo de la igualdad. Diálogos sobre política y estética. Barcelona, 2011]

Así, o réxime democrático-liberal no que vivimos nos últimos 40 anos, sería, aplicando a terminoloxía de Rancière, a nosa policía. No momento presente, en que este marco legal está a saltar polos aires a todos os niveis, vemos como a única política digna de tal nome de novo entendida como a irrupción, ben que desta volta nada igualitaria, que desafía á policía é a das ofensivas da banca e dos grandes operadores financeiros que actúan, no caso europeo, a través dese novo Golem chamado Merkozy. Esta política do shock, como a definiu Naomi Klein, ten as súas metástases nos países vasalos do eixo franco-alemán na periferia europea, metástase resumida, con suma claridade, por Manuel Conthe, expresidente da Comisión Nacional do Mercado de Valores, quen recomendaba a Mariano Rajoy ler a Maquiavelo e aprender do italiano que "os actos de rigor téñense que facer ao comezo e de golpe". Velaí, doutrina do shock en estado puro.
En troques, non hai, polo menos de momento, auténtica política da esquerda con capacidade para transformar a vella policía nun novo ordenamento legal. Se cadra por esta evidencia, Terry Eagleton moléstase a explicar no seu último libro titulado, ben descriptivamente, Por que Marx tiña razón, un concepto tan demodé como o de ditadura do proletariado. Escribe Eagleton:


Dificilmente haberá outra das súas coñecidas frases e expresións que provocase máis calafríos entre os seus críticos. Pero o que Marx entendía por ese termo de resonancias tan sinistras non era outra cousa que a democracia popular. A ditadura do proletariado significaba sinxelamente o goberno da maioría. Ademais, e en calquera caso, a palabra "ditadura" non suxería necesariamente o mesmo en tempos de Marx que na actualidade. Naquel entón, significaba unha contravención extralegal dunha constitución política.

Contravención extralegal dunha constitución política. É importante isto último que escribe Eagleton porque volve entroncar coa idea de política que expuña Rancière. O que Marx denominaba ditadura do proletariado non era outra cousa que a irrupción dos máis coa forza suficiente para suspender a orde legal e para instaurar unhas novas regras do xogo. Non pretendo dicir con isto que a esquerda do século XXI teña que recuperar sen máis palabras e conceptos do pasado como poida ser o de proletariado tal como era entendido na época de Marx, pero si cumpriría non perder de vista esta noción profunda do que é a política. Unha esquerda conforme coa administración do existente, cando o existente non é un campo neutro senón sesgado, é unha esquerda tolleita que nunca fará máis que colecionar derrotas. Estamos a ver como os que mandan, que si teñen un proxecto político, non amosan reparos en dinamitar o pouco de neutral que puidese aniñar aínda na democracia liberal e en deixala suspensa cada vez que o precisan, como se viu coa introdución da cláusula de déficit cero na constitución española ou como se está a ver cos sucesivos golpes de estado de salón en Grecia e Italia nos que os políticos son substituídos por tecnócratas da peor ralea que niguén escolle en eleccións e que aplican un programa político non escrutado pola cidadanía. Que eles son os únicos soberanos hoxe en día, e que os máis, ese 99% do que se fala nos EEUU, non o son demóstrao, precisamente, esa capacidade para impoñer novos marcos aos marcos legais existentes; para revolucionar, pois eles son neste momento os únicos revolucionarios, todo aquilo que se daba por sentado.
Mentres isto sucede na banda dos poderosos vemos como a maltreita socialdemocracia española (á que xa lle fago un favor de carallo tirándoa do saco dos poderosos) anda preocupada
polo nivel de casticismo que debe posuír o novo líder (no debate sobre o futuro do PSOE José Bono sostén que ese partido precisa dun líder que sexa un "español sen complexos"), como se non fosen outro tipo de atributos, e non o quilo de bandeira que carga ás costas, o que determinan, hoxe en día, que cousa é aquilo que chamabamos ser presidente electo dun estado soberano.

Sem comentários: