8/09/2011

De mortos vivintes e de tempos de mudanza


O nó temático da obriña de teatro radiofónico que escribín hai anos baixo o título de O Bambán consistía nalgo que me interesa desde sempre: o derradeiro aceno dun morto, o intre máxico no que aínda permanece aceso o espírito dalguén que xa non vive. Na obra descríbese con detalle o suicidio dunha muller. Ela e a súa parella adoitaban abalarse en dous bambáns situados ao pé dun precipicio. Un día, de súpeto, a muller salta ao baleiro e o seu rapaz, incapaz de facer nada, permanece sentado no seu bambán fitando como o outro bambán, o bambán da morta, aínda segue a abalarse, de vagar, até que, pasado un tempo, se detén de vez. Só nese intre é que o home acepta a morte da muller. Veume isto á cabeza despois de ler un artigo de David Harvie e Keir Milburn no Guardian titulado The zombie of neoliberalism can be beaten – through mass direct action no que tildaban ao neoliberalismo de morto vivinte. E explicaban:

"Calquera forma máis ou menos estable de capitalismo precisa tamén algún tipo de acordo coa maioría da poboación, ou, polo menos, dunha parte decisiva dela. Mentres que o acordo do keynesianismo de posguerra explicitaba un pacto no que os salarios reais subían en concordancia co aumento da produción, o neoliberalismo mantiña un acordo implícito baseado no acceso ao crédito barato. En tanto os salarios reais permaneceron estancados desde finais dos 70s, os mecanísmos da débeda mantiveron o nivel de vida da maior parte da xente."

O truco da débeda para manter o nivel de vida e, polo tanto, o consenso ideolóxico arredor do estado de cousas imperante funcionou até o de agora. Pero nestes momentos de crise nos que as billas do crédito están pechadas seguir a aplicar as mesmas receitas económicas é, como escribiu recentemente Paul Krugman, como pretender curar un enfermo co método medieval das sangrías: o enfermo non só non cura senón que ben pode morrer desangrado. Mais que significado ten o momento histórico que estamos a vivir no que as sociedades enfermas están a seren directamente desangradas? Acaso non estamos xa instalados no intre crucial no que, en termos gramscianos, o bloque hexemónico dos últimos corenta anos está a dar os seus últimos estertores, está a camiñar a tombos sen saber que xa é un cadaver? Non é agora que vemos disturbios e protestas masivas por todas partes, tamén nos países máis poderosos e ricos, (Winsconsin, Atenas, O Cairo, Tunicia, Tel Aviv, Londres, decenas de cidades do Estado Español...) que se terá que producir a emerxencia dun novo bloque hexemónico? E non é, no caso da Galiza e do Estado español, a fin da vixencia do pacto da chamada Transición (o Partido Popular xa cuestiona abertamente o estado autonómico, a forma que adoptou entre nós o exiguo Estado do Benestar que nos ofreceron os oligarcas do réxime franquista para nos impór unha amnesia colectiva que esquecese os corenta anos de ditadura) a traslación a estes lares dese esboroamento do vello bloque hexemónico que rachou co keynesianismo de posguerra?
Da capacidade que teña a esquerda mundial para resistir a vaga destrutiva e para impór a súa axenda política dependerá moito máis que as conquistas sociais puntuais que, mal que ben (máis mal que ben), se podían ir gañando. O suor das loitas do presente ha ser a tinta coa que se escriba o pacto social do futuro, a nova hexemonía, que tanto pode bascular para un lado como para o outro. O neoliberalismo está morto pero aínda non o sabe. Salvo que vaiamos pensando en que facer para domar a besta de pouco nos serve celebrar esa morte anunciada e máis nos vale pensar se o que ha vir despois do neoliberalismo non será algo peor. O pacto social baseado no consumo a crédito xa non está vixente, a volta ao keynesianismo de posguerra nun mundo globalizado, de recursos limitados e con novos actores emerxentes non semella unha opción viable se se pretende evitar un contínuo estado de guerra rexional polas materias primas. Salvo que se atope o novo cemento que consiga cohesionar ás sociedades a través dalgún mecanismo redistributivo, o máis probable é que outro tipo de cementos enchan o baleiro
o cemento da violencia cega que xeran as fidelidades raciais, relixiosas ou chauvinistas e que dá coma produto o fascismo brutal que bateu en Noruega nas que un integrante das forzas de choque chamado Breivik acabou coa vida de case que un cento de persoas. E é que neste noso presente estanse a xogar cambios de gran calado. Os tempos están a mudar. O que non sabemos é se teremos a forza suficiente como para conseguir encauzar as mudanzas cara onde nós desexamos.




1 comentário:

Torcinho disse...

O que nos espera é o des-crédito.