7/31/2011

Por unha terceira via na crítica ao BNG


Critiquei e critico até fartar á Terceira Vía social-liberal e, ironicamente, sosteño que ten que haber unha terceira vía —exclusivamente no que esta ten de metáfora dun camiño novo, non do que a "xenialidade" de Giddens tiña de deriva ideolóxica— diferente á expresada por xente coma Suso de Toro en El País para aqueles que vemos erros de vulto na dirección que está a tomar o BNG actual. Ten razón Suso de Toro en boa parte das cousas que di. Pero hai algo sempre, nos seus artigos, que boto en falta. A súa concepción da política é madura cando critica no BNG a incapacidade para presentar un proxecto alén do resistencialismo e das consignas substitutivas da realidade pero a lectura de de Toro é inmadura cando esquece que no contexto concreto da esquerda en Galiza, criticar furibundamente, e en exclusiva, ao BNG é, de facto, dar un apoio implícito á outra forza da "esquerda", o PSdG, que aparece asi como impoluta e libre de toda crítica. Para min non ten valor ningunha crítica ao BNG que non reflexione tamén sobre o que haxa que criticar ao PSdG. Como se pode criticar a falta de visión do BNG sen ter consciencia de que o refuxio do BNG no resitencialismo é totalmente dialéctica cun status quo no que o PSdG é o que é? Hai tamén, na reinvindicación que de Toro fai da UE algo desa falta de profundidade de análise. Aceptemos que o BNG sempre vai lento á hora de aceptar os campos do posible (a Constitución, o Estatuto de autonomía, a UE) pero dun intelectual coma de Toro, tamén se espera algo máis de reflexión arredor dun momento histórico no que asistimos ao baleiramento dos lugares de soberanía popular (estatais) sen que nazan novos espazos de soberanía popular que substitúan ese baleiramento (sexa por debaixo dos estados-nación sexa en instancias superiores como a UE). Esta incapacidade para constituírse nun novo espazo de soberanía popular é o gran fracaso da UE. A UE é hoxe unha superestrutura de gobernanza incontrolable democraticamente que actuou como engado co que permitir o baleiramento de soberanía estatal. Agora, neste contexto da UE, asistimos á impotencia de ver como estados sen soberanía en materia monetaria non poden máis que asistir impávidos ao empobrecemento dos seus cidadáns por non teren as pancas mínimas para poderen facer política económica, por exemplo devaluando a moeda, ou que non poden asumir políticas de endebedamento contracíclicas porque Merkel, é dicir a banca alemana, é dicir, o Banco Central Europeo, é dicir a superestrutura da UE, impide calquera actuación nese sentido (veño de ler, despois de escribir este post, un bo resumo escrito por Ignacio Ramonet sobre que papel xogou a UE para impór a lóxica neoliberal, que paga a pena ler). No caso concreto da UE, a postura historica do nacionalismo galego ao respecto, estase a demostrar acertada. Neste sentido, o nacionalismo galego do "mercado común europeo ruína do pobo galego" está máis próximo ás certezas dos que pasan por seren a esperanza dunha nova esquerda que está por nacer, os Indignados do "non ao pacto do euro" do que o está a postura dos que ofrecen solucións, moitas veces acertadas, pero outras non tanto xa que confunden a UE-realmente-existente coa utopía europeísta-realmente-necesaria. Falaba ao principio dunha terceira vía na crítica ao BNG, e penso que é imprescindible. Non caiamos na crítica pola crítica. Sexamos intelixentes e non esquezamos un fenómeno propio da ciencia sociolóxica, que xente coma Fermín Bouza nomea a cotío nas súas análises: o efecto underdog, a simpatía que xeran e o apoio imprevisto que recaban aquelas posicións que son esmagadas inclementemente sen recoñecérenlle ningún dos méritos que de cando en vez posúen. O efecto underdog non é máis ca un repregamento autodefensivo instintivo, algo moi contraproducente para os que preferimos a análise racional para guiar a corrección de rumo que se precisa.

2 comentários:

Sr. J disse...

Moi atinado artigo, parabens!

O Fuco disse...

Graciñas