3/07/2011

Restauración



Nunha recensión, na London Review of Books, do libro How to change the world: Marx and Marxism 1840-2011, Terry Eagleton recolle a seguinte frase do autor do libro, Eric Hobsbawm, a propósito do de Treveris: "se un pensador deixou unha marca indeleble no século XX, ese foi el". E é que, afastados xa no tempo da debacle de 1989, mesmo visións tan pouco sospeitosas de radicalismos como a de Tony Judt no seu Posguerra —percorrido histórico pola Europa de 1945 ata a actualidade— deixan entrever, por máis atención que este historiador preste ás aberracións (reais e execrables) que se tivesen cometido na Europa do leste en nome de Marx, que a prometida felicidade universal da utopía capitalista está ben lonxe de ser unha realidade (tanto máis naqueles países ao leste do telón de aceiro que devecían por entrar no paraíso consumista) e que os logros do estado do benestar están, hoxe que o capitalismo xa non se enfronta, no chamado occidente, a ese polo de contrapoder simbólico e material que eran as esquerdas fillas do pensamento marxista, a seren desmantelados sen contemplacións. Mesmo a idea de Europa como superestrutura de gobernanza baseada na redistribución das rendas, na educación e no benestar, esa outra utopía light tan loada por Judt como horizonte ideolóxico substitutivo das vellas utopías polarizantes, está de capa caída desde o momento en que a crise económica volveu situar os intereses dos estados nación (en realidade dos poderes económicos de Alemaña) como única base territorial e humana para a toma de decisións.
Atendendo ao que sucede arredor semella que o que se está a debullar é unha grande elipse: aquela que quere borrar para sempre o século XX, un século marcado polo que Badiou chamaba a "paixón polo real", é dicir, a vontade das clases baixas de pór en práctica as ideas de xustiza social; para regresarmos, espiritual e materialmente, ao século XIX.
Acaso non regresaron ao século XIX, tanto nas súas relacións laborais coma no aspecto simbólico, os países todos do leste e especialmente a Rusia dos oligarcas? Non encaixaba perfectamente o ultraliberalismo económico coa recuperación de estandartes, brasóns e dinastías das súas respectivas aristocracias e igrexas? Se ben se podería pensar que a intención das autoridades checas de prohibir sen máis o Partido Comunista podería estar máis ou menos xustificado pola súa historia, cómpre non enganarse na profundidade e motivación auténtica deste tipo de iniciativas. Se tomamos o caso de Inglaterra que, tal como mostra Judt, foi, malia que poida abraiarnos hoxe, o país pioneiro en aplicar as políticas do estado de benestar tras a segunda guerra mundial, vemos como neste 2011 o goberno tory dos grandes recortes sociais decide, con toda coherencia, reivindicar tamén os valores... victorianos! Outro episodio da mesma serie pódese ver no que está a suceder nos estados ianquis de Winconsin e Ohio epílogo do que hai poucos anos contara Thomas Frank en Que pasa con Kansas? Como os ultraconservadores conquistaron o corazón dos EEUU. Tal como escribe Jeffrey Sommers en Californícate! : o plan dos irmáns Koch para destruiren os sindicatos obreiros en Wisconsin, trátase, agora que xa se eliminaron todas as políticas sociais que encirraban a relación da clase media traballadora americana cos excluídos sociais (o mito da "raiña da beneficiencia" reaganita), de inventar un novo bode expiatorio que desvíe a xenreira dos vapuleados traballadores do sector privado dos auténticos culpables das súas condicións de vida. Ese bode expiatorio non é outro que a figura do "funcionario privilexiado". A finalidade desta forma de guerra de clases alienada é obvia: suprimir o que quedaba de movemento obreiro organizado nos EEUU eliminando totalmente a existencia dos sindicatos. Esta é, en palabras de Sommers, a «vitoria final» (imposible non percibir os ecos da solución final hitleriana) das clases altas estadounidenses contra o mundo do traballo.
Se nos achegamos ao que sucede no noso país a sensación de estarmos a rebobinar no tempo é semellante. Pero no noso caso non será necesario retrotraerse ao século XIX pois as condicións sociais daquel século duraron, aquí e en todo o Estado Español, ata o final do século XX. Será polo tanto o franquismo, un réxime nacido dun golpe de estado feito para restaurar vellos privilexios, o paradigma a seguir. Esta axenda restauradora é cada día máis evidente. Que o mesmo PP que promove unha lei que converte en autoridade (non en autoritas) aos mestres aplauda coas orellas ao simpatizante, seica profesor de Ciencias Políticas, que avogaba por sacar da cabeza dos alumnos "a esquerdallada" que lles inculcan os profesores, lembra moito ao "mueran los malos intelectuales" de tempos pasados. Outro tanto se pode dicir da misa-mitin de Poio ou da insistencia na mentira dos neoseñoritos de Galicia Bilingüe en Vigo. Exemplos estes todos dos últimos días!
Esta vella/nova dereita autoritaria, hipócrita e con moito papo, lembra de máis á dereita golpista que habería restaurar a orde tras o periodo de expansión de dereitos e xustiza social da república. De feito, se un le o libro de Gonzalo Amoedo que ven de saír do prelo baixo o título A memoria e o esquecemento. O franquismo na provincida de Pontevedra poderá comprobar como os apelidos son en moitos casos os mesmos (incluída algunha que outra sorpresa como a do noso alcalde seudosocialista Caballero). Entre nós, auténticas castas familiares (das cales as vinculadas á industria conserveira son paradigmáticas) ocupan postos de poder polo menos desde tempos de Alfonso XIII. Estes influentes segmentos sociais, tras un tempo de hibernación (e negocios, claro), volven saír das toupeiras para impór o modelo de sociedade que sempre lles prestou. Un modelo de sociedade que a memoria fotográfica galega mostra con todo detalle a quen o queira ver: por unha banda as humildes clases populares dos retratos de carné de Virxilio Vieitez ou das esceas de emigrantes de Manuel Ferrol, pola outra, e ben afastados dos primeiros, os escollidos "fillos de papá que se divirten" do arquivo Massó.
Cara aí imos.

5 comentários:

willy disse...

Non coñecía ese arquivo fotográfico Massó, onde se pode ver?

A expo de Virxilio Vieitez merecería como mínimo un post colectivo!

O Fuco disse...

Penso que fisicamente non está exposto. Pero hai algo editado:

http://www.cefvigo.com/galego/libreria_ficha_masso.htm

A expo de Vieitez é un tratado de antropoloxía galega.

willy disse...

Impresiona contrapoñer esas fotos do arquivo Massó coas de Virxilio!!! Fermoso par dialéctico sen síntese posible. O antagonismo inherente á constitución das sociedades -a loita de clases- expresado en crú. Grazas polo enlace, como descubriu que existía tal documento?

O Fuco disse...

Culturilla xeral que ten un, hehe

willy disse...

as fotos de massó son dos anos 20!!! xa había pijos por aquel entón!!!