2/11/2011

Praza Tahrir, un novo símbolo para a humanidade



Moitas cousas teñen cambiado nos últimos tempos. Atópome na miña casa, nunha cidade pequena encravada nunha rexión europea ata non hai moito considerada como ultraperiférica. Pero hoxe, ás cinco da tarde, asisto en tempo real, grazas a Al Jazzira, ao estourido de alegría do pobo exipcio despois de que o vicepresidente do país, Suleiman, anunciase con rostro grave e de xeito lacónico que Hosni Mubarak deixaba a xefatura do estado que ocupara nas últimas e longas décadas. O exército tomará agora o poder do país e haberá que estar atentos aos movementos lampedusianos que se produzan nos vindeiros días para evitar que as mudanzas que os exipcios demandan excedan o epidérmico.
Agora ben, do acontecido nestes dezaoito días de mobilización no país norteafricano hai que sacar, polo menos, tres grandes ensinanzas:
A primeira é que a xustificación da opresión de occidente ao mundo árabe por medio dese conglomerado de ideas conformado a base de medo (ao terrorismo, ao islam) e de estupidez (a suposta incompatibilidade das sociedades árabes coa democracia), está obsoleta.
A segunda é que a hipocrisía coa que occidente potenciaba e toleraba aos pequenos tiranos do que Chomsky chamaría o patio traseiro africano para dispór ao seu antollo dos recursos enerxéticos da zona ou para manter baixo a bota israelí ao pobo palestino, vén de quedar totalmente deslixitimada (neste sentido a advertencia que Ramón Lobo daba a José Bono despois de que o político do PSOE seguise a considerar ao ditador de Guinea Ecuatorial coma socio preferente é totalmente pertinente).
A terceira é que agora que a democracia semella estar a ser dezmada en todo o globo, agora que a apelación á suposta inevitabilidade das decisións unilaterais do stablishment político é o mantra máis entoado en toda parte, agora que o desprezo ao papel da cidadanía como suxeito político é a moeda corrente tamén nos países con máis pedigrí democrático, a praza Tahrir ha quedar para a historia como outro deses lugares máxicos da xeografía da dignidade ―ao mesmo nivel que o autobús de Rosa Parks no sur racista americano ou o pazo da moeda de Chile o día que o presidente Allende se comprometeu ata a morte co mandato popular― e encarnará, a partir de hoxe, unha nova mostra de que calquera pobo mobilizado arredor dos vellos valores de liberdade, igualdade e fraternidade pode conseguir todo o que se propoña.

3 comentários:

willy disse...

Esperemos que toda esta nova enerxía cidadá posta en xogo non cristalice en vellas formas de seudodemocracia. Como di Alan Badiou (máis ou menos), sen un proxecto os automatismos do lucro serán os encargados de poñer as cousas en marcha.

E a vella Europa mirando pasmada para o norte de Africa, igualiño a como os veciños de ben observan á rapazada que toma o espazo público nos botellóns, recuperando sen sabelo o vello pracer de xuntarse con calquera en calquera sitio.

miriño disse...

Asistimos á revolución 2.0.

É tremendamente emocionante vivir en directo o proceso de cambio do mundo.

Internet e as redes sociais non poden ser minusvaloradas. A comunicación globalízase e xa non hai volta atrás. Esta é outra das ensinanzas.

Foi incrible poder seguir en directo ao directivo de google que secuestraron nun principio, un dos causantes, entre outros moitos, de darse conta que todos xuntos podían.

http://twitter.com/#!/Ghonim (Wael Ghonim)

Hoxe entendín como 140 caracteres son tremendamente comunicativos.

O Fuco disse...

Os riscos de componendas existen. As tecnoloxías son útiles pero non deixan de seren ferramentas.
O importante é que haxa unha poboación disposta a tomar a rúa -a vella ágora- coa decisión de participar plenamente na vida pública.