1/20/2011

Coma en Letonia




As repúblicas fundadas tras o esboroamento da Unión Soviética foron, durante a belle epoque do neoliberalismo, un cabalo de troia norteamericano chamado a cercenar o sistema de protección social europeo. Durante anos, países como Polonia ou as repúblicas Bálticas eran presentadas como alumnas aventaxadas das políticas de privatización, desregulación e adelgazamento do estado. Nun artigo titulado
The Myth of the Baltic Tigers. The Death of «Social Europe», Michael Hudson e Jeffrey Sommers escribían sobre o caso concreto de Letonia. Segundo os autores, os banqueiros e a prensa financeira están conminando a distintos gobernos (Grecia, Irlanda e tamén España) a «seren como Letonia», isto é, a sacrificaren a economía para pagaren as débedas contraídas durante a burbulla financeira. Pero, a que outras razóns, ademais das económicas, pode responder que Letonia sexa un exemplo a seguir na opinión destas persoas? O motivo ben pode ser que nas eleccións do pasado outubro o presidente conseguiu saír reelixido malia ter imposto o plan de austeridade máis severo nunca aplicado nese país en tempos de paz. A explicación naif que deron os medios oficiais a propósito deste comportamento electoral é que o pobo letón se comportara de xeito «maduro» ao comprender as causas das drásticas medidas e ao dar o seu apoio a tan responsable presidente. Fronte esta versión, os autores do artigo expoñen outros motivos menos poéticos para explicar tales resultados, motivos como ser Letonia un país sen movemento sindical ademais de tradicionalmente pobre en canto a activismo social salvo polo que se refire ao tema étnico. As eleccións letoas, escriben, «xiraron en torno a cuestións étnicas, non foron un referendum sobre política económica». A maioría, de etnia letoa, votou a partidos letóns (neoliberais na súa maior parte) mentres que o trinta por cen de rusófonos votaron polo partido pro-ruso (disque máis ou menos keynesián).
É posible sacar algunha conclusión, desde este noso finisterrae suroccidental, partíndomos do que Hudson e Jefferey escriben sobre aqueloutra perifería do norte europeo?
Coa sentenza sobre o Estatut de Catalunya como pistoletazo de saída, véñense sucedendo declaracións, titulares e propostas tendentes todas elas a cuestionar o Estado das autonomías proclamado na Constitución do 1978. Do documento que a Fundación Everis presentara a Juan Carlos [o modelo vixente de España está esgotado], pasando polas declaracións dese eterno poli malo chamado Aznar [o estado das autonomías é inviable] así como do eterno candidato Rajoy [é necesaria unha lei de unidade de mercado fronte ás «17 normas distintas»] ou ás reincidentes portadas da prensa madrileña máis conservadora [ABC abría en portada co titular «Fortalecer España» estampado sobre o escudo e a bandeira nacionais], ás declaracións dalgún ministro socialista [Jáuregui cuestionando as televisións públicas autonómicas], ás do presidente do goberno cando asegurou que o goberno ha intervir se as autonomías se endebedan, panorama ao que hai que engadir todo o clima que se está a construír intencionadamente arredor da, segundo parece, inevitable bancarización das caixas de aforros, unha medida que pode deixar a Galiza aínda máis á intemperie do que xa estaba. Así, todo parece indicar que o cuestionamento da forma do estado
algúns medios xa falan dunha nova LOHAPA será un tema que encherá a axenda nos próximos tempos. Se ben non é novo que este tipo de temas colonicen os debates políticos do estado español, e posto que en tempos de crise todo se enxerga con moita máis claridade, do presente é fácil colexir o seguinte: por unha banda, que no estado español descentralización e políticas progresistas (e por extensión centralización e políticas reaccionarias) van da man xa que a descentralización, na medida en que redistribúe e achega á xente os centros de poder, tamén favorece a redistribución económica. Así mesmo, pola outra banda, a situación presente parece indicar que a solución do «café para todos» a multiplicación forzada de autonomías en lugares onde nunca foran demandadas para evitar o soberanismo daqueles outros sitios que si se caracterizaran, historicamente, por esixir o autogoberno imposta tras o golpe de estado do 23F, é a responsable tanto da proliferación de entes innecesarios en moitas das autonomías creadas como da frustración das ansias autodeterministas, especialmente en Cataluña, pero tamén nun País Vasco que pode perder unha oportunidade valiosa para a paz ou para a nosa terra, irmán pobre para a cal estes novos aires recentralizadores poden, sinxelamente, facela desaparecer do mapa transformándoa nunha provincia madrileña, nun xeriátrico ou námbalas dúas cousas.
Agora ben, malia isto ser así, a esquerda ten as de perder se permite que a cuestión territorial se deslinde do resto de asuntos políticos e económicos que a condicionan. O mesmo que en Letonia, facer fincapé ―no que atinxe á cuestión nacional española― unicamente no que esta poida ter de pura confrontación étnico-cultural fertiliza o terreo máis favorable para que triunfen as teses económicas da dereita. Nun momento en que o sistema económico semella abalar ante os nosos propios ollos e no que aparece como unha solución ideal botar as culpas da carencia de recursos aos supostos desbaldes autonómicos (véxase a barafunda arredor da interpretación das linguas estatais no senado), nesta situación, digo, entrar na contraposición cultural entre galegos, vascos, cataláns por unha banda e españois pola outra só vai contribuír a transformar aos tres primeiros nunhas eternas minorías aritméticas, ademais de converter a estas tres nacións (ou a aqueles cidadáns que as consideran como tais) nos perfectos bodes expiatorios aos que culpar de todos os males; nada mellor para unir, baixo unha mesma bandeira, a vítimas e verdugos dos auténticos desbaldes dignos de tal nome que ten habido por estes lares: falta de control aos bancos, permisividade coa burbulla inmobiliaria, rescates bancarios polo risco de quebra, endebedamento público subseguinte, entrega de soberanía aos mercados financeiros, nun primeiro momento e, previsiblemente, ao FMI no futuro, ademais de recortes salvaxes en dereitos sociais e en benestar.
Esta é, entendo eu, a lección que podemos tirar da experiencia letoa. Neste mundo ao revés no que vivimos, non se nos convida a imitar aos países que máis loitan pola súa soberanía, antes ben, son aqueles que se entregan máis mansamente ao futuro escrito polos mercados financeiros globais os que se elevan á categoría de modelos. Se para o mellor da nosa tradición política a Irlanda que loitaba denodadamente pola súa independencia de Inglaterra (nada que ver coa Irlanda con resaca neoliberal actual) representaba o exemplo de pobo a imitar, para os poderes económicos, políticos e mediáticos do presente Letonia parece ser espello no que queren que nos miremos co fin de evitar que a xenreira popular se focalice alá onde debe focalizarse: no fracaso do neoliberalismo e no inxusto da xestión da crise.
Se se me permite a brincadeira e a transgresión a conta da poesía de Alfredo Brañas que invitaba aos galegos a imitar a Irlanda («Ergue, labrego! Érguete e anda! Coma en Irlanda! Coma en Irlanda!»), ocórreseme que unha posible versión neoliberalizada da mesma ben podería adquirir, hogano, estoutra fasquía: Distráete galego! Distráete e non nos fodas! Coma en Letonia! Coma en Letonia!

3 comentários:

cossimo disse...

E se Letonia fose Galiza e visto que alí ninguén fala esperanto, vostede a quén votaría? Aos rusófonos socialnacionalistas ou aos letófilos liberalminoritarios?

O Fuco disse...

Se Letonia fose Galiza, en lugar de ir votar comería un cocido de reno e escribiría un post sobre os resultados.

xOse dorrío disse...

Coma en Irlanda, Coma en Letonia,... Galiza segue en "coma"