1/21/2010

O país que deixou de existir



Laiábase o recén finado Daniel Bensaïd no seu derradeiro e excelente libro Eloxio da política profana da transformación —experimentada nesta época nosa— do antagonismo político en disquisición moral. Así, a do presente sería unha política castrada por causa da procura obsesiva dun consenso imposible na que o conflito (e calquera desafío a ese consenso falaz) é concibido en termos de loita do Ben contra do Mal. Debido a isto, o ámbito do político dexeneraría nunha actividade policial na que os posuidores do Ben se verían a si mesmos coa autorización moral para eliminaren a uns opoñentes considerados como elementos estraños ao sistema, delincuentes ou simplemente non humanos.
Como revela a cita do Imperio de Negri e Hardt recollida no libro de Bensaïd:


«A resurrección dos discursos sobre o ben e o mal é o síntoma dunha transformación da guerra [e por guerra eu aquí entendería toda violencia] que libera a esta dos limites que lle tentara impor a modernidade.»

Deste xeito, a «xustiza infinita» que Bush estreou no Iraq e que Obama continúa en Afganistán por unha banda e os distintos episodios de guerra santa xurdidos tras o ataque ás torres xemelgas do 11 de setembro de 2001, actuarían coma o anverso e o reverso dunha mesma lóxica na que o antagonista non é xa un inimigo senón un infiel.
Bensaïd, o mesmo que Carl Schmidt, pensa que «a humanidade non é un concepto político
» xa que ese universal que algúns queren privatizar non se encontra amparado por ningunha institución internacional, dereito ou Estado:

«Este reino absoluto e inmediato do “home”, sen mediacións xurídicas nin territoriais, destrúe a política en proveito dos automatismos mercantís e o individualismo ético.»

A continua apelación a unha humanidade mistificada pero non regulada actuaría, polo tanto, como a vulgar xustificación última de todo tipo de barbarie (invasións, inxerencias en países soberanos, guerras preventivas...). En suma, na desculpa do forte para esmagar con elegancia o débil.
Tendo en conta o anterior, as clases medias dos países ricos —un «pobo anulado como poder constituínte» e «atomizado»— veríase reducido, segundo Bensaïd, a «público de consumidores e enquisados [canto nos soa isto aos galegos] a quen se invita a chiscar o ollo con aire de entendidos e a tomar parte de forma folclórica na opereta mercantil ou no baile de disfraces das vaidades mediáticas.»
Para os menos afortunados destas sociedades nas que os cidadáns deviron consumidores e as clases deviron masas (pensemos nos afectados polo Katrina nos EEUU, nos inmigrantes de Vic —aos que se lles quere extirpar todo status político— ou nos da Calabria —tratados literalmente como pezas de caza) e, sobre todo, para as grandes multitudes dos países pobres, o papel asignado non é outro que o de eterna vítima humanitaria: o homo sacer animalizado de Agamben a propósito de cuxos padecementos Bensaïd escribe que:


«Por un sinistro xogo de espellos, a despolitización do conflito produce a cambio unha despolitización da “vítima humanitaria”. Negada como actor político, vese reducida a nudez pasiva dos corpos sufrintes e martirizados.»

* * * * *

«Haití xa non existe» titulaba, o pasado sábado 16, a primeira páxina o diario El Pais despois de que un terremoto provocase o caos naquela metade do que fora a illa La Española. Pero se ben dunha primeira lectura literal do titular se podía inferir que o país caribeño ficara tan afectado pola “catástrofe natural” que mesmo se podería falar dunha desaparición física do mesmo, a lectura profunda que en verdade cumpría sacar –e independentemente da intención do redactor– é que Haití, o Estado de Haití, acababa de conseguir facer realidade a maior fantasía dos falcóns do Pentágono: ser un rogue state, un estado fallido.
Previamente a ese titular, a prensa escrita e a televisión nutrírannos de imaxes atroces (por que os medios nunca se autocensuran cando os mortos son pobres?) de xente atrapada entre cascotes, operacións cirúrxicas sen anestesia, cadáveres abandoados nas rúas, loita felina pola comida; en definitiva, turbas de corpos desubxectivizados e amoreamentos de carne informe. Unha autentica «crise humanitaria» (non habería tardar en aparecer a palabra) na que Haití, o país mais pobre de America (nada é casual), ficara reducido á condición de lugar inhóspito, incivilizado e torturado onde xunto ás precarias casas e ás obsoletas infraestruturas tamén as institucións estatais se esboroaran coma un castelo de naipes.
Uns días despois, era o xornal Público quen abría dicindo que «A ONU pide mais soldados para impor a orde». Un titular escrito case que á medida de Bensaïd, do que se sobreentendía que este organismo internacional –o único capaz de actuar como unha sorte de territorio xurídico para esa humanidade sen entidade política á que tanto se alude e á que tanto se castiga– se limitaba a demandar disciplina policial e a abrirlle as portas da finca aos marines enviados polo premio nobel da paz.
Así as cousas, aquel anaco de terra antigamente chamado Haití, agora poboado unicamente por animais feridos e famentos sen status de cidadanía, pasará a integrar en breve —despois da conquista recente de Honduras e a maior gloria da Humanidade— no club das outras trece bases norteamericanas que, segundo Ignacio Ramonet, vixían e rodean
dun tempo a esta parte a unha república de Venezuela díscola. E mala, moi moi mala.

1/05/2010

Verbas na auga (revisitadas)



Despois de que os derradeiros fríos de 2009 conseguisen tronzar o fráxil corpo de Vic Chesnutt, un 2010 que se promete igual de despiadado era quen de quebrar a persoal voz doutra creadora de cancións belas, intensas e duradoiras: Lhasa de Sela. Un cancer de mama precipitou a súa desaparición cando contaba só con 37 anos. A modo de homenaxe decidín rescatar un artigo escrito por min en maio de 2005 no que se falaba de morte, a dun dos meus avós; de esperanza , a de non sermos simples verbas escritas na auga; e de felicidade, a que me producira o concerto que Lhasa viña de dar en Compostela. E aínda que vai no propio feito de escribir (de conservar conxelados retalliños de tempo) que sucedan cousas así, quen me ía dicir a min que aquel artigo, pasados os anos, acabaría tamén facendo as veces de obituario para a propia cantante.


Verbas na auga

Soon this place will be too small
all my veins and bones
will be burned to dust
You can throw me into
a black iron pot
and my dust will tell
what my flesh would not


Segundo Bergman, no seu filme O sétimo selo, a morte é un xadrecista encarapuchado, lampo e de ollada sinistra, que cando é chegado o noso momento inicia a cadea de movementos que desembocarán, irremediablemente, nun xaque mate. A tarde do 30 de abril, tras varias semanas facéndome compaña, rematei a lectura desa epopeia que é Os Miserables, asistindo á morte do seu protagonista principal, Jean Valjean.
«Cando un ser querido vai morrer mirámolo cunha ollada fixa nel, como se quixeramos retelo». Coa cursilería que lle caracteriza, Victor Hugo vai describindo o momento en que Jean Valjean, arrodeado pola filla e mailo seu marido, despide este mundo.
«Os dous mozos, mudos de angustia, sen saberen que dicirlle á morte, desesperados e trementes, estaban de pé diante del, Cosette collida da man de Marius.»
Non teño claro se a literatura é unha continuación da vida ou se sucede ao revés pero, curiosamente, no final dese mesmo 30 de abril en que asistín á representación dunha morte de ficción recibín a noticia doutra morte, esta moi real: o xadrecista encarapuchado fixéralle un xaque mate a alguén próximo a min.

«Somos verbas escritas na auga», así fala a letra dunha canción libanesa que Lhasa versionou o seguinte día un de maio en Compostela. Esta mexicana de personalidade singular e falar pausado fíxome levitar coa súa música estraña na que o espíritu roqueiro dunha P.J. Harvey se dá a man con desgarradas historias de desamor a ritmo de rancheira ou coa sofisticación francesa vinda do Canadá, país onde ela mora.
Na presentación do tema Soon this place will be too small, Lhasa contounos a teoría que ten o seu pai sobre a nosa existencia: cando estamos no ventre da nosa nai somos só un puntiño de luz infinitamente pequeno. Pouco a pouco imos crecendo, sentindo os estímulos exteriores, ata que un día nos decatamos de que aquel lugar é cativo de máis para nós. Entón prodúcese o parto. Todo o noso mundo coñecido, cos seus límites, convértese nun caos e nese momento de cambio, onde todo é novo, pensamos con incocencia
«xa está, é a fin, xa todo rematou». Ese día nacemos.
E vai pasando o tempo, e imos crecendo, e imos viaxando, coñecendo este amplo novo mundo aberto ante os nosos ollos. Ata que chega un día en que somos vellos e ese mundo outrora inmenso volve ficar cativo. E entón vennos a hora de morrer, e novamente voltamos a pensar «xa está, esta si que é a fin, xa todo acabou». E ese día...
Lhasa saudounos ao comezar o concerto desexándonos un feliz día dos traballadores e eu sain convencido de que polo menos durante as dúas horas que durou a súa actuación fun feliz.

1/03/2010

Largar redes



«Somos seres culturais» dicía Joaquín Miras nun divertido pero clarificador artigo titulado A dificultade de desnaturalizar a nosa forma de vida (ou sobre a aseidade da vasoira). E continuaba: «vivimos conforme a principios e expectativas, actuamos conforme a saberes de actuación. Producimos o mundo obxectivo a partir da materia, pero segundo normas, segundo pensamentos nos que se determinan ou coagulan os saberes; saber facer, saber producir, saber empregar, saber planear, saber dos fins. O ser humano obxectívase. Se partimos desta idea, a saber, a de que a cultura humana é obxectivación nosa, esperamos que sexa fácil deliberar colectivamente sobre o como mudar de cultura.» E é que moitas veces, mergullados como estamos na realidade que nos circunda, esquecemos que toda ela (e isto sábeno moi ben os semiólogos), desde a mera forma dos obxectos aos movementos globais de capital, da retórica publicitaria aos pequenos comportamentos das nosas vidas cotiás, do deseño das nosas cidades aos valores morais dominantes nun periodo histórico determinado, está a falarnos de nós mesmos. Nada é natural. Todo é creación nosa, artificial, e, polo tanto, todo é modificable segundo a nosa vontade.

Máis ou menos ata finais dos sesenta e principios dos setenta do século XX, a esquerda suplía a súa falta de control sobre o capital económico hexemonizando o outro capital: o capital cultural. A maior parte dos e das grandes novelistas, cineastas, dramaturgos, filósofos, pintoras, etc. eran ou ben esquerdistas declarados, ou, cando menos, tiñan difícil escapar do clima predominantemente progresista que impreganaba os ámbitos culturais. A caza de bruxas macarthista nos EEUU dos anos 50 foi a primeira toma de consciencia —e a primeira reacción— por parte da dereita ante esta realidade. Pero non sería ata despois da década dos 60, e como resposta ao nacemento da contracultura, ao estourido revolucionario en Francia, ás revoltas estudiantís en media Europa, á revolución de veludo na República Checa, ao movemento polos dereitos civís dos negros norteamericanos e ao clima de efervescencia que se vivía nuns países do sur en pleno proceso de descolonización, que a dereita norteamericana, actuando como vangarda da dereita de todo o mundo, comezaría a tomar de verdade cartas no asunto. Desta época datan os grandes investimentos en think tanks, as fundacións de orzamentos desorbitados dedicadas á reflexión política para conseguir o que parecía imposible: que a dereita non só gozase do capital económico senón que ademais fose quen de producir, espallar e multiplicar o seu propio capital cultural. Libros como o de Thomas Frank, Que pasa con Kansas. Como os ultraconservadores conquistaron o corazón dos Estado Unidos explican como da conxunción do poder económico e do control da produción de discursos nos medios de comunicación de masas, a dereita conseguiu introducir nas clases populares e traballadoras valores e intereses que non só eran totalmente alleos a estes segmentos da poboación senón que tamén resultarían contraproducentes para os seus propios intereses. Algo que, para o ámbito do estado español, tamén observa Vicenç Navarro cando, no seu O subdesenvolvemento social en España, di que «existen grosso modo, polo menos dúas Españas. Unha construída polo 30-35% da poboación, coas rentas superiores e unha enorme influencia á hora de configurar a cultura mediática e política do país […] Os grandes temas que se debaten nos medios, son polo xeral, os que interesan máis a esta España […] A outra España é a España popular, que inclúe aproximadamente o outro 60-65% da poboación […] A súa influencia no Estado foi historicamente menor, o que explica o escaso desenvolvemento do Estado do benestar en España.»

Segundo escribe Manuel Castells —o grande experto na chamada sociedade da información— no seu último libro Comunicación e poder: «a institucionalización do recurso á violencia no estado e os seus derivados establece o contexto de dominación no que a produción cultural de significado pode despregar a súa eficacia.»
Este contexto de dominación, que é o contexto en que nos movemos nós, ten nos medios de comunicación a súa grande ferramenta, toda vez que, como di o propio Castells, «os medios de comunicación non son o Cuarto Poder. Son moito máis importantes: son o espazo onde se crea o poder.» Para crear este poder, os medios de comunicación de masas utilizan, segundo o autor, as tres técnicas que comento a seguir:
1. Establecemento de axenda (Agenda setting): consiste na asignación dunha especial relevancia a un asunto particular ou a un conxunto de informacións por parte da fonte da mensaxe coa espectativa de que o público prestará unha maior atención ao contido e formato da mensaxe. Un bo exemplo de agenda setting, tomado dun medio galego, o daba hai tempo o blog Calidonia cando, nun gráfico post, mostraba o número de veces que a Voz de Galicia tiña denunciado os desfases orzamentarios da Cidade da Cultura (1746 veces) e do Porto Exterior da Coruña (248). Sendo razonable colexir, pola disparidade de atención a dous asuntos homologables, a suposta existencia dalgún tipo de interese dos propietarios do xornal no éxito desta última obra.
2. Priorización (Primming): é unha especie de extensión do establecemento da axenda mediante o que se suxire ás audiencias a utilización de determinados asuntos como referencia para evaluar a actuación dos líderes e dos gobernos. A polémica artificial arredor da compra duns Audis por parte do goberno BNG-PSOE durante a pasada campaña electoral galega é un bo exemplo de primming.
3. Enmarcado: consiste en «seleccionar e resaltar algúns aspectos dos acontecementos ou asuntos e establecer relacións entre eles co fin de promover unha determinada interpretación, evaluación e/ou solución». O enmarcado, algo ben estudiado por científicos cognitivos como George Lakoff, «é un mecanismo fundamental de activación da mente porque relaciona directamente a estrutura dunha narración transmitida polos medios coas redes neuronais do cerebro», xa que «só os marcos que son capaces de conectar a mensaxe cos marcos mentais preexistentes se convirten en activadores da conducta.». No debate político galego actual, un exemplo de enmarcado creado polos medios de comunicación é aquel que conseguiu relacionar «promoción da lingua galega» con «imposición». Introducindo así na xente o cuestionable rexeitamento á lingua galega a través do razonable rexeitamento a algo a priori tan negativo como é o concepto abstracto de imposición.
Con estes vimbios os medios de comunicación de masas deseñan produtos de infoentretemento cos que abouxar —empregando o que Castells denomina «política do escándalo»— a unhas audiencias que, a base de naturalizar a información destes medios (e qué maior naturalización que a metonimia, extendida ata non hai moito na área de Vigo, mediante a cal o nome dun xornal, o Faro, se utilizaba tamén para nomear o concepto de xornal xenérico), acaban convertidas en simples consumidores pasivos e moldeables.

«Síntome tentado a xogar coas palabras —di Castells noutro lugar do seu libro— e caracterizar a transformación do poder na sociedade rede como o cambio desde a propiedade dos medios de produción cara a propiedade dos medios de comunicación.» Se cadra isto sexa unha esaxeración e os medios de comunicación representen só unha parte, entre outras, dos mecanismos que ten o poder para perpetuarse. En todo caso, é unha parte substancial. Na sociedade rede analizada por Castells unha nova realidade abriu camiño a raíz da implantación e popularización da Internet e da telefonía móbil: o que o catalán denomina a emerxencia dos «medios de autocomunicación de masas». A través destas novas posibilidades de comunicación baseadas non só na recepción de información, senón tamén na súa emisión, unha ferramenta poderosa está a disposición de todos aqueles que desexen ou ben «reprogramar as redes» xa existentes dos grandes medios de comunicación ou ben crear redes alternativas que contraprogramen e contraenmarquen (que desnaturalicen, diría Joaquín Miras) os medios sistémicos. Poderiamos dicir que se no pasado a esquerda adoptou un modelo dividido en partido + organizacións de masas, a esquerda horizontal do presente debería estruturarse
sen atender a xerarquías en tanto que movemento social + organización encargada de acceder á instancia política + estrutura produtora de información. Prestar atención a este fenómeno da autocomunicación de masas, centrar as enerxías, mediante a potenciación da reflexión intelectual, na produción de discursos alternativos aos hexemónicos é, na miña opinión, unha das tarefas máis importantes que ten ante si calquera tentativa de repensar a esquerda.
Porque se cadra, nunca como neste momento, interpretar e transformar o mundo significaron, tan claramente, unha mesma cousa.


Este artigo é parte da miña achega ao debate político xerado no marco da Rolda de rebeldía.