11/16/2010

Que fan agora en Londres?




¡Aquí la BBC con lo último de lo último,
lo muy, muy y lo más, más
y lo tope de lo tope muñequitos!
Si en Londres les pica un huevo, aquí todo el mundo se arrasca.
Si allí tienen a la Thatcher, aquí tenemos a Ardanza.
Si no funcionan los teléfonos, se preocupan y espantados
preguntan al viajero ¿qué hacen ahora en Londres?

En Londres.
La polla records


Hai unhas semanas, penso que era no diario The Guardian, aparecía unha viñeta que pretendía mostrar as diferentes reaccións da sociedade francesa e inglesa aos recortes sociais que están levando a cabo os seus respectivos gobernos. Na metade esquerda da mesma podíase ver a reacción do inglés ―preparar o té igual que todos os días― ante o negro panorama en materia de política social que anunciaba a radio. A reacción do francés ante o mesmo anuncio, na metade dereita da viñeta, era ben distinta: preparar un cóctel molotov. Malia se tratar dunha caricatura da realidade, esta visión estereotipada encerraba a súa parte de verdade.
Se ben todas as sociedades europeas viron debilitado o seu tecido social desde finais dos anos 70 do pasado século, a sociedade inglesa asistiu a un desmantelamento especialmente virulento. Coa derrota dos sindicatos mineiros nos anos 80 a cargo de Thatcher, a inglesa foi unha sociedade privada de toda capacidade de resistencia. É por iso que David Cameron, ese thatcherista redivivo, pensou ter vía libre para implementar uns recortes durísimos. Porén, a recente ocupación da sede Tory en Londres por parte duns estudantes pouco dispostos a aceptaren os recortes no eido educativo ben pode ser indicativo de que algo do que retrataba a caricatura do xornal inglés está a mudar.
Ollando o mundo desde a nosa terra podemos dicir que se para mellorar a capacidade mobilizadora e organizativa nós, que aínda pagamos as consecuencias de corenta anos de ditadura e case que outros tantos de esquecemento e pactismo, debemos aprender de Francia; para coñecermos cal pode ser o futuro da economía do Estado Español nun futuro próximo debemos mirar a Grecia, a Irlanda (ese referente, até non hai tanto, para La Voz de Galicia) e, desde que o seu ministro de finanzas fixese pública a posible quebra de Portugal, tamén aos irmáns do sur. Pero se o que queremos é coñecer con que receitas políticas (e vendidas con que adubíos) pretenden superar a crise os que mandan, o que debemos é mirar ao Reino Unido. Inglaterra sempre foi un laboratorio de ideas e conceptos que en pouco tempo se espallan por toda parte. Do There is no alternative de Margaret Thatcher ao New Labour e á Terceira Vía de Tony Blair, conceptos como Big Society ou Welfare to work hanse converter, máis cedo que tarde, en baleiros fetiches semánticos a repetir unha e outra vez polo mundo todo. Se o primeiro dos conceptos pretende ―a base de loar o papel da sociedade civil― desmontar calquera tipo de asistencia pública, o segundo pretende ―a base de reivindicar a noción abstracta da
«oportunidade para traballar» (non o dereito a un traballo seguro e baixo unhas condicións decentes)― finiquitar dereitos laborais como é o dereito a percibir unha prestación por desemprego digna, adquiridos polas clases traballadoras tras moita loita e sacrificio.
Máis perto de nós, e despois duns meses de demagoxia a costa do xiro neoliberal de Zapatero, Rajoy tivo que adiantar cal sería a súa receita económica para sacar ao Estado Español da crise. A resposta estaba cantada: o seu era o modelo Cameron. Un modelo que está a sumir ao Reino Unido nos maiores recortes sociais desde a Primeira Guerra Mundial e que, de non impedilo a sociedade británica, fará que o seu estado de benestar se convirta nunha reliqua do pasado. A reacción de ZP ás querencias cameronitas de Rajoy non se fixo esperar: a prensa de medio mundo puido fotografalo en Seúl mentres facía footing co primeiro ministro británico, para ambos poderen demostrar aos poderes económicos, se cadra, que son homes con capacidade para a autoinmolación.
E é que malia os reiterados chamamentos a mudar de lóxica por parte de economistas keynesiáns coma Krugman ou Stiglitz todo parece indicar que non hai intención de abandonar os dogmas do consenso de Washington. Porén, estes xa non son os anos 90 do pasado século e a economía a crédito non pode seguir actuando coma un cristal embozado que impida tomar consciencia da miseria real. Que nas mobilizacións francesas primeiro e agora tamén nas inglesas, a xente nova estea tomando a iniciativa ben pode ser proba de que a belle epoque de finais do s. XX rematou.
Canto ha tardar en reaccionar a
«xeración ni, ni» do Estado Español, esa que malia non poder nin siquera emanciparse dos pais aínda é reacia a considerarse a si mesma como de clase traballadora?

Sem comentários: