9/12/2010

Medios de comunicación/ Medos e comunicación (e III)




Se para vós o voso tempo
é algo que paga a pena
entón é mellor que comecedes a nadar
ou vos afundiredes coma unha pedra

Porque os tempos están a mudar


Bob Dylan

No libro Uma sociedade à deriva. Entrevistas e debates, 1974-1997, leo a seguinte afirmación de Cornelius Castoriadis:

«A posição en questao da instituição da sociedade, da representação do mundo e das significações imaginárias sociais que ela veicula equivale à criação daquilo a que chamamos democracia e filosofia.»

Afirmación da que se poden inferir dúas cousas: a primeira é que todas as sociedades do mundo tecnoloxicamente desenvolvido, sociedades nas que a inmensa maioría das súas institucións (políticas, empresariais, eclesiásticas, mediáticas, etc.) reproducen en toda a parte e sen oposición creible un único discurso, unha única representación do mundo, non se poden chamar sociedades democráticas. A segunda di que ante a evidente incapacidade das institucións creadas por aqueles que pretenden rematar con esta situación (partidos, sindicatos, medios alternativos, etc.) para espallaren con eficacia un discurso, e unhas prácticas asociadas a ese discurso, distinto ao hexemónico e susceptible de ser el mesmo hexemónico, semella urxente a invención de novas institucións —novas formas de organización que promovan novas significacións e novas prácticas— para levar a bo porto as ideas democráticas. Afirma tamén Castoriadis:

«A partir desta ruptura com a clausura absoluta que até então prevalecia, surge uma sociedade que contém os germes da autonomia, a saber, de uma auto-instituição explícita da sociedade. E iso caminha a par da criação de indivíduos capazes também de uma certa autonomia, quer dizer de porem en questão a lei social, mas ao mesmo tempo, também, de se porem en questão a si proprios, de porem en questão as suas propias normas. Esta posição en questao faz-se através de uma luta com e contra a velha ordem, a ordem heterónoma.»

Así, nesta loita de interpretacións e significacións o obxectivo de toda sociedade e de todo individuo debería ser o de acceder ao máximo grao de autonomía, isto é, á maior capacidade de creación de institucións dedicadas a promover comportamentos e valores autofundados e decididos por esa sociedade. Todo o que non sexa isto vai conducir á asunción pasiva e acrítica das interpretacións heterónomas vindas do pasado, do costume ou, engado eu, dun sistema mediático-cultural non controlado polo conxunto da sociedade e ás ordes de determinados intereses económicos. Este problema ven dado, na actualidade, pola penetración total, e sen apenas freos, do discurso dominante en todos os espazos da vida, fenómeno que non só está pechando a difusión e o crecemento do discurso autónomo senón que mesmo está a impedir a pura existencia de individuos autónomos.
Se transladamos todas estas reflexións ao caso galego, os conceptos de autonomía e heteronomía reduplican a súa potencia, toda vez que no noso país asistimos, por unha banda, a unha imposición de significados por parte dun sector da sociedade galega sobre o outro e, por outra banda, á imposición dunha representación do mundo que aliena á sociedade galega —tamén a boa parte das súas clases dirixentes— no seu conxunto; para decatármonos do que supón non poder facer fronte ás significacións dominantes, pensemos no baleiramento e o reenchemento de contido que se lle ten dado desde hai poucos anos á palabra liberdade. Así, a nosa necesidade do que me atreverei a definir
se cadra cun bocado de redundanciacomo autodeterminación interpretativa (paso imprescindible para calquera tipo de autoderminación política) é aínda máis acuciante.
A desaparición, nos últimos tempos, de varios medios de comunicación (Vieiros, Chuza, ANT, A Peneira) que non só informaban en galego senón que procuraban informar cunha visión galega é unha nova, tanto máis grave, canto que mesmo existindo eses medios a súa capacidade para interviren na configuración da realidade fóra do "noso mundo" era limitada; como ben se puido comprobar nas últimas eleccións autonómicas cando a artillaría pesada do sistema de medios da dereita gañou a batalla para o Partido Popular. A incapacidade do nacionalismo galego (ao que eu preferiría chamar esquerda soberanista galega) para manter eses medios de comunicación (sen negar o que hai de erros propios na estratexia dalgúns deses medios) así como a incapacidade non só de crear outros medios de comunicación capaces de transcender a lóxica dos dous mundos retratada por X.M Beiras, senón tamén, e sobre todo, de arriscarse a aplicar novas formas de organización e socialización nas que a difusión de ideas e a imbricación na vida cotiá da xente e no seu comportamento diario puidesen reprimir a uniformización ideolóxica é de igual calado histórico que outras incapacidades do pasado. Así, se por causa da autodisolución do Partido Galeguista nos anos cincuenta achacable á cegueira dun grupo de persoas que non puideron ou non quixeron ver a importancia de non rachar a continuidade histórica coa organización que impulsara o Estatuto de 1936, o conxunto do proxecto autodeterminista galego encarou a chamada Transición cunha debilidade que aínda hoxe pagamos —e aquí tamén hai un fracaso histórico directamente imputable aos que pensaron e aínda pensan que o galeguismo (da economía de esquerdas mellor nin falar) se pode desenvolver politicamente no seo de forzas de obediencia estatal—, a cegueira daqueles que, hoxe en día, seguen a pensar en modos de organización e en visións da sociedade que nada teñen que ver coa realidade, cometerán un erro de consecuencias históricas moito máis importantes que o erro do piñeirismo.
Dito isto, cómpre tamén repartir responsabilidades. Pois se os que vemos insuficientes e anquilosadas as formas de organización política do nacionalismo galego soubesemos exactamente como solventalas, xa o teriamos feito.
Os problemas do nacionalismo galego non son diferentes dos da esquerda en todo o mundo. A sensación de que as ferramentas dispoñibles ata o de agora semellan xoguetes de plástico en comparación cos xigantescos engranaxes invisibles que parecen mover a maquinaria social é compartida. Porén, dado o grave do panorama, deixarse levar pola inercia ou pola comodidade que supón non remover as estruturas herdadas (e isto só pode levarse a cabo por medio dun replantexamento global das ferramentas organizativas creadas) pode significar a morte, por pura inanición, do proxecto todo.
Tanto para a esquerda internacional como para a súa expresión na Galiza a posibilidade de que desapareza un tipo de ser humano que sabía discernir porque xulgaba o mundo a partir dos pensamentos que xeraba a súa propia experiencia inmediata estase a converter nunha hipótese plausible. A formalización final disto último terá como consecuencia, para as clases populares galegas, a condena á resignación de ver como as súas prácticas culturais son baleiradas de contido e vendidas co atuendo do pintoresquismo no mercado turístico global ou, o que é case que o mesmo, a asistir á súa progresiva erosión ata o exterminio en favor do sincretismo banal e alienante da cultura global de masas. Ademais, por suposto, de que en paralelo a toda esta desposesión na esfera cultural continuará a desposesión na esfera económica.

Polo tanto, nestes momentos, a pregunta pertinente para a esquerda nacionalista galega xa non é se hai que facer algo. A pregunta é que e como podemos facer, cara onde debemos mudar para convencer á xente de que mellor que seren meros espectadores pasivos de eventos supostamente globais o é seren protagonistas activos de eventos locais; ou, por pólo nas palabras de Guerra da Cal, como conseguirmos que os habitantes do noso país prefiran ser galegos de primeira que españois (ou súbditos de Disneylandia) de cuarta clase.
Pór as nosas enerxías en desvelar a existencia da caverna (alguén falou acertadamente da caverna mediática) e en revelar o carácter ficticio da súas sombras, baixar á area da interpretación e da difusión das ideas, contribuír á descolonización mental, conseguir penetrar na vida emocional e cotiá da xente, revalorizar a experiencia directa como criterio para o xuizo e a acción... todos estes
e ben seguro que moitos outros imaxinados pola nosa intelixencia colectiva son camiños que haberá que percorrer o día en que, ben por madureza e responsabilidade, ou ben por mor dos sucesivos e previsibles fracasos electorais, se encete a refundación que, inevitablemente, se há levar a cabo.

Sem comentários: