A doutrina do shock de Naomi Klein mostra pormenorizadamente a expansión polo globo todo da lóxica neoliberal e o seu apetito insaciable por penetrar en cada recanto non mercantilizado da vida económica. A tese de Klein é que a tendencia máis vangardista da economía do shock está conseguindo evitar os intervalos de estabilidade e paz que —noutros períodos históricos— se supuñan imprescindibles para calquera tipo de desenvolvemento económico. A economía do shock fai negocio do desastre. Transforma o estado de excepción no seu hábitat preferido. Golpes de estado, guerras, fenómenos metereolóxicos adversos, atentados terroristas... Calquera episodio catastrófico vólvese o escenario ideal para este asoballante sector económico baseado na industria da guerra, da reconstrución e do expolio.
As orixes deste capitalismo do desastre hai que buscalos no Chile de Pinochet, lugar no que as teses de Milton Friedman —o responsable intelectual destes «xenocidios económicos»— foron levados á práctica a través do grupo de estudantes chilenos da universidade de Chicago —casa matriz do pensamento friedmanita— que, co tempo, haberían ocupar destacados postos no goberno do ditador. Tras o golpe de estado e ante o aboiar das primeiras consecuencias das políticas laissez-faire, Orlando Letelier, embaixador nos EEUU do derrocado goberno de Allende, escribía para o semanario The Nation un extenso artigo titulado Os Chicago Boys en Chile. No mesmo destapaba —o artigo habería costarlle a vida, un mes despois de escrito o seu coche estouraba nas rúas de Washington— os perniciosos efectos a longo prazo dunha violencia económica que pasaba desapercibida baixo a máis explícita violencia militar. Klein transcribe varias citas deste artigo de Letelier, porén, para lelo enteiro cómpre procuralo en internet.
Aproveitando que hoxe o presidente Zapatero andou por Wall Street rendendo contas a quen realmente manda, aproveitando, así mesmo, que os galegos/as gozamos desde hai un ano e pico dun goberno organizado en comando para desmantelar toda institución pública que se poña por diante e aproveitando tamén que en breve terá lugar unha folga xeral convocada tarde mal e arrastro por uns sindicatos cómplices co bipartito reinante, comparto algúns parágrafos que parecen corroborar —á vista das enormes similitudes entre as medidas económicas implantadas en Chile polos Chicago Boys e as políticas que se levaron a cabo no Estado Español non só nos últimos trinta anos senón tamén no noso presente de crise financeira— o que calquera podería deducir da lectura do libro de canadiana: que a actual crise económica nos países do centro do sistema tamén está a cumplir o papel de evento traumático necesario para impoñer novos recurtes sociais e para privilexiar a colonización por parte do sector privado do que queda de sector público e de mecanismos de protección social —especialmente en Europa onde estes son/eran máis fortes .
Sen estar no meu ánimo comparar as prácticas represoras dos gobernos europeos coa cruel ditadura pinochetista (polo de agora aquí as cousas fanse "doutra maneira"), si parece evidente que a falta de transparencia e debate sobre as chamadas políticas de austeridade, sobre a precarización do mercado de traballo, sobre o aumento do paro, sobre a quen beneficiará a reforma laboral, sobre o finanzamento con cartos públicos aos "grandes de máis para caer", sobre a concentradora e privatizadora Lei de caixas ou sobre o sospeitoso consenso xeral despregado arredor destes temas nos medios de comunicación, permiten temer (porque non vai traer consigo nada bo) unha abafante expansión do pensamento único.
Vaiamos, logo, co que escribía Orlando Letelier en 1976:
«Pero a clave da receita de Friedman, como a Junta [referencia á Junta Militar que gobernaba Chile tras o golpe de estado] nunca deixa de enfatizar é o control da inflacción. Debería, dacordo coa Junta, unir os "vigorosos esforzos de todos os chilenos". O profesor [da universidade de Chicago] Harberger declarou categoricamente en abril de 1975: "non podo ver ningunha excusa para non deter a inflacción: as súas orixes son ben coñecidas; os déficits fiscais e a expansión monetaria deben terminar. Sei que me preguntarán sobre o desemprego; se os déficits fiscais fosen reducidos á metade, aínda así a taxa de desemprego non aumentaría máis ca un 1%". Dacordo coas cifras oficiais da Junta, entre abril e decembro de 1975, o déficit fiscal reduciuse en aproximadamente o 50% recomendado por Harberger. No mesmo período, o desemprego subiu seis veces máis do que predeciu. O remedio que continúa recomendando consiste en reducir o gasto fiscal que reducirá o circulante. Isto significará unha contracción na demanda, que á súa vez provocará unha reducción xeral de prezos. Así a inflacción sería derrotada. O profesor Harberger non di explicitamente quen tería que disminuír o seu nivel de vida para soportar os costos da curación [...] Os seguidores da Escola de Chicago parecen esquecer, por exemplo, que a estrutura monopólica da economía chilena permite ás firmas dominantes manteren os prezos fronte unha demanda en decadencia. Esquecen tamén o rol que as así chamadas expectativas inflaccionarias xogan en xerar alzas de prezos.»
«Pasaron tres anos desde que o experimento comezou en Chile e existe suficiente información dispoñible para concluír que os discípulos chilenos de Friedman fracasaron —polo menos nos seus obxectivos explícitos e mensurables— e particularmente nas súas tentativas de controlar a inflacción. Pero tiveron éxito, polo menos temporalmente, no seu propósito máis xeral: asegurar o poder político e económico a unha pequena clase dominante mediante unha trasnferencia masiva de riqueza das clases baixas e medias a un selecto grupo de monopolistas e especuladores financeiros.»
«Aínda que as políticas económicas afectaron con maior impiedade ás clases traballadoras, a debacle xeral afectou tamén ás clases medias. Ao mesmo tempo, empresas nacionais de tamaño mediano viron destruídas as súas expectativas pola reducción da demanda e foron absorvidas e destruídas polos monopolios contra os cales se supuña debían competir. Debido ao colapso da industria automobilística, centos de comercios e de pequenas industrias que actuaban como subcontratistas quebraron. Tres importantes firmas textiles traballan só tres días á semana; varias compañías produtoras de zapatos tiveron que pechar. Un dos principais produtores de bens duradoiros de consumo declarou recentemente a súa quebra. Enfrontando esa situación, Raúl Sahli, o novo presidente da asociación dos industriais chilenos e el persoalmente ligado aos grandes monopolios, declarou a comezos deste ano: "a economía social de mercado debería ser aplicada en toda a súa extensión. Se hai industriales que se queixan por iso que vaian para o inferno. Non os defenderei".»
«A natureza da receita económica e os seus resultados poden ser moi vividamente establecidos observando o padrón da distribución do ingreso. En 1972, durante o goberno da Unidade Popular, os empregados e obreiros recibiron o 62,9% do total do ingreso nacional; 37,1% foi para o sector propietario. En 1974 a participación dos asalariados fora reducida ao 38,2%, mentres que a participación da propiedade aumentara ao 61,8%. [...] Isto significa que durante os últimos tres anos, varios miles de millóns de dólares foron sacados dos petos dos asalariados e colocados nos dos capitalistas e latifundistas.»
«As políticas económicas da Junta chilena e os seus resultados deben ser colocadas no contexto dun amplo proceso contrarrevolucionario que persegue restituír a unha pequena minoría o control económico, social e político que perdeu gradualmente durante os últimos trinta anos.»
«Represión para as maiorías e "liberdade económica" para pequenos grupos privilexiados son en Chile dúas caras da mesma moeda.»
No mesmo libro de Naomi Klein —e no mesmo capítulo sobre o caso chileno— a autora cita algunha pasaxe das dúas cartas abertas que Andre Gunder Frank —alumno desenganado da Escola de Chicago e posteriormente creador, canda outros, da teoría do sistema-mundo— dirixiu a Milton Friedman e máis a Arnold Harberger. Da segunda das cartas escritas no ano 1976 (dispoñible tamén en internet) extraio algúns parágrafos igualmente pertinentes. Varios dos temas desenvolvidos por Frank coínciden cos de Letelier, porén, outros como a observación de movementos contrarios ás políticas neoliberais na pequena burguesía nacional ideoloxicamente fascista resultan especialmente esclarecedores hoxe que tanto Europa (Lepenismo, auxe de partidos neofascistas en Holanda ou Suecia, persecución étnica en Francia ou Alemaña, berlusconismo, etc.) como os EEUU (Tea Party, Lei antiinmigración de Arizona, etc.) parecen revivir experiencias nas que o descontento co sistema económico se canalizaba erroneamente a través do racismo e a xenofobia.
Velaí vai, logo, o que dicía daquela Gunder Frank:
«Un mercado libre de capitais que, ademais de concentrar o capital nos conglomerados crea, así mesmo, os seus propios instrumentos financeiros por riba e á marxe do control e incluso da contabilidade do Estado, ao mesmo tempo, incrementa a cantidade de medios monetarios de pago e a súa velocidade de circulación. Estas dúas "liberdades" [á vista do que sucedeu con certas palabras pasado o tempo, Frank fai un uso especialmente agudo das comiñas] xeran unha inflacción galopante cuxas consecuencias e efectos previstos son tamén con toda seguridade transvasar a renda e a riqueza do traballo ao capital e do pequeno ao gran capital.»
«Nunha palabra, reducir drasticamente os salarios reais coa estrataxema de situar os prezos e non os salarios a niveis "mundiais". Ao mesmo tempo, o Estado se desposúe a si mesmo das empresas do sector público a prezos de quebra en favor do capital chileno e en especial do gran capital estranxeiro. E isto faino [...] con empresas que foron financiadas con inversión públicas durante máis dunha xeración.»
«Bloquea non só os salarios senón tamén o emprego e o gasto público e convirte a maior parte do sistema máis avanzado de Seguridade Social e Saúde pública de América Latina nunha xungla privada de negocios "pague vostede como poida e como lle saia". No sector "exterior", devalúa repetidamente, reduce aranceles e outras restriccións á importación, amplía toda clase de favorecementos ao capital exranxeiro...»
«Pero este incremento de exportacións é tamén o resultado e o reflexo de negar estas manufacturas ao consumidor chileno, cuxos ingresos e poder de compra foron reducidos tan drasticamente, e de negarllo tamén como imputs á industria chilena, para cuxa produción foi eliminada a demanda doméstica de modo que está obrigada a exportar a súa produción.»
«Os fascistas Pablo Rodríguez Grez líder da organización fascista Patria y libertad e terrorista contra o presidente Allende e Orlando Sáenz, antigo presidente da Sociedad de Fomento Fabril, provocaron unha corrente constante de crítica da política económica da Chicago-Junta desde hai aproximadamente un ano, argumentando en defensa do mediano e pequeno capital.»
«Estes cabaleiros e os seus portavoces políticos e ideolóxicos poden ter prestado o seu pleno apoio á política da Chicago-Junta mentres o seu xenocidio económico cortaba "simplemente" os salarios dos seus traballadores pola metade cunha baioneta, pero foron perdendo progresivamente o seu entusiasmo cando a continuación e pola intensificación desa mesma política co tratamento de choque danaba as gorxas dos seus propios negocios ou polo menos as súas arterias industriais, ben directamente mediante a baixa do poder de compra ben indirectamente cortadas polas mesmas baionetas.»
«Un tratameno de choque que reducira o gasto público un 25% máis dun golpe seco, de modo que reducira os soldos aínda máis drasticamente, emparellado ca súa expectativa de incremento de desemprego; e como un "antídoto" para "manexar" ao paciente no seu anticipado estado de conmoción, a Junta [dedicábase a fomentar] un desemprego "mínimo" de "emerxencia" polo Estado e os Municipios sen a seguridade nin os bonos do ordinario emprego público e en "crear" "novos" postos de traballo nas empresas privadas, permitíndolles non pagar as cuotas normais da Seguridade Social e ofrecéndolles outros subsidios. O resultado foi naturalmente que as axencias públicas, os Municipios e os empresarios botaron á rúa progresivamente aos seus antigos empregados, quen tiñan dereito a certos bonos, Seguridade Social, servizos de sanidade, etc.; e os reemprazaron parcialmente con "novos" empregados que frecuentemente eran as mesmas persoas, facían o mesmo traballo aínda que, iso si, se lles pagaba menos e os seus beneficios sociais ficaran disminuídos.»
«Así, este "antídoto" serve realmente para fortalecer [...] a sobreexplotación do traballo.»
Sem comentários:
Enviar um comentário