2/06/2010

Lecturas da actualidade



Lectura nº 1.

Susan George. O pensamento secuestrado. (2007)

[Ou de por que Obama e ZP rezaron e citaron a biblia no “Almorzo Nacional da Oración” celebrado en Washington.]


«Antonio Gramsci empregaba o termo hexemonía cultural para contrastar o exercicio do poder por medio de métodos tradicionais, ás veces abertamente represivos, cos medios máis sutís de obter o que se desexa. Calquera aspirante a clase dominante debe exercer ambas clases de poder, pero, cómo chegar a ese poder para comezar? Gramsci ofrece a resposta. O odio e a brutalidade son inútiles: para lograr a hexemonía cultural e, polo tanto, un poder político duradeiro, os gobernantes en potencia deben someterse á disciplina da “longa marcha a través das institucións”.
Pode que o camiño que deben percorrer estes marchadores sexa arduo, pero o premio final é a conquista do cinema, dos xornais, da radio e da televisión, das escolas e das universidades, dos tribunais e das igrexas; mesmo da familia e da propia linguaxe. Cando se teñan aseguradas as institucións sociais irán as políticas. [...] A partir deste punto, as institucións políticas sociais e culturais reforzarán mutuamente a influencia sobre a poboación. Co tempo, sen darse de conta sequera, o pobo, coma un peixe que non sabe que nada na auga, terá perdido unha parte importante da súa liberdade de pensamento e de actuación.»
«O actual século estadounidense presenciou o triunfo da dereita porque a dereita xa está infiltrada en grande medida na cultura, ata o punto de que case que non importa que partido político está no poder.»
«A tarefa política para todos os que se opoñen a estas tendencias, sexan ou non estadounidenses, é aprender das leccións da “longa marcha a través das institucións” da dereita estadounidense.»

Lectura nº 2


Eric Hobsbawn. As perspectivas da democracia. Conferencia impartida en Londres o ano 2000.

[Ou de por que as declaraci
óns de Adolfo Domínguez son totalitarias.]

«O ideal da soberanía do mercado non é un complemento da democracia liberal, senón unha alternativa a este sistema. De feito, é unha alternativa a todo tipo de política, xa que nega a necesidade de tomar decisións políticas, que son precisamente decisións relacionadas cos intereses comúns ou de grupo en tanto que intereses distintos da suma de opcións, racionais ou doutra clase, duns individuos dedicados á procura das súas preferencias privadas. [...] En calquera caso, o mencionado ideal sostén que o constante proceso de averiguación que conduce a descubrir que é o que a xente quere, averiguación que proporciona o mercado (canda os estudos de mercado), é necesariamente máis eficaz que o ocasional recurso ao burdo reconto de papeletas electorais. A participación no mercado substitúe a participación en política. O consumidor ocupa o lugar do cidadán. Neste sentido, o señor Fukuyama argumentou que o feito de optar por non votar, como o de preferir comprar nun supermercado en lugar de nun pequeno comercio local, é reflexo de que a poboación realiza unha elección democrática. Os cidadáns desexan a soberanía do consumidor. Non hai dúbida de que así é, pero, é esta preferencia compatible co que se veu considerando un sistema político liberal demócrata?»

Lectura nº 3


Jean Baudrillard. Á sombra das maiorías silenciosas. Cultura e simulacro (1978)

[Ou de por que o nixonián
Anxo Lorenzo é un simulacro de Secretario Xeral de Política Lingüística]

Xa non queda significado social que dea forza a un significante político.
O único referente que funciona aínda é o da maioría silenciosa. Todos os sistemas actuais funcionan sobre esa entidade nebulosa, sobre esa substancia flotante cuxa existencia xa non é social, senón estatística e cuxo único modelo de aparición é a sondaxe.
[...]
As masas xa non son un referente porque xa non son da orde da representación. Non se expresan, sondéaselles. Non se reflicten, sométeselles a test. O referéndum (e os media son un referéndum perpetuo de preguntas/respostas dirixidas) substitúe ao referente político. Agora ben, sondaxes, tests, referéndum, media son dispositivos que non responden xa a unha dimensión representativa senón simulativa.

Lectura
nº 4

León Trotsky. Dos soviets e do partido na revolución proletaria. (1924)

[Ou de por que hai xente no BNG que é incapaz de comprender a Rolda de rebeldía.]


«Calquera partido, aínda o máis revolucionario, elabora inevitablemente o seu conservadorismo orgánico. De non facelo, carecería da estabilidade necesaria. Pero todo é cuestión de graos a este respecto. Nun partido revolucionario debe considerarse a dose necesaria de conservadorismo coa ausencia total de rutina, a flexibilidade de orientación e a audacia práctica. Compróbanse mellor tais calidades nos viraxes históricos. Vimos xa cómo dicía Lenin que, cando sobreviña unha mudanza brusca de situación e, polo tanto, de tarefas, os partidos, aínda os máis revolucionarios, continuaban a miúdo na súa posición anterior, e de aí que se tornaran ou ameazaran tornarse un freo para o desenvolvemento revolucionario.»

4 comentários:

AFP disse...

Umha excelente entrada, ainda que vendo o nível geral do teu blogue nom é nada novo. Infelizmente nom lim nengum desses livros, polo que quanto tenha tempo será o primeiro que faga. De certo que desfrutarei com eles. Umha aperta irmandinha

Oscar de Lis disse...
Este comentário foi removido pelo autor.
Anónimo disse...

Pode resultar especialmente interessante um cruze entre a leitura de Trotski e a de Baudrillard. No fundo, vêm a ser a continuação uma da outra. Primeiro está Baudrillard a dizer que o sujeito social, chame-se-lhe como se lhe chamar, sofre um processo de passivização capaz de convertê-lo em processo de estudo. Por outro lado está Trotski a suster que o partido costuma ser uma maquinaria pouco ágil. Mas o partido é constituído, de facto, por um setor social. Às vezes, nem o mais formado politicamente (em especial a nível teórico). Isso debilita a sua capacidade de reagir, em consonância com o resto do caldo social. E ainda, não é isso justamente o que descreve Hobsbawn a respeito da substituição da sociedade política pola sociedade consumidora? E - já me lanço - se a sociedade deixa de ser política (social), segue sendo sociedade?

Obrigado polos textos e, como sempre, parabéns.

O Fuco disse...

Agora que o dis si é certo que existe un certo nexo entre estes textos: o da crise da política. Trotski fálanos dun partido esclerotizado, isto é, dun deses partidos que contribuíron á deslexitimacion da política. Hobsbawn de como o fundamentalismo de mercado tamén contribúe a borrar do mapa a política. Baudrillard parece falarnos xa do estadio posterior, o dunha sociedade que xa non se expresa politicamente, e que é sondeada por políticos que xa non son políticos senón simulacros de políticos. Pola súa banda Susan George tenta procurar un camiño. Parece indicarnos que o campo de acción nun estado de cousas no que o cambio pola via da loita partidaria semella coutado, atópase no campo da loita ideoloxico-cultural. Mecanismo último para trazar aos que mandan un campo do posible e do imposible.
En canto a se hai sociedade cando non hai política, eu diría que non. Por iso Baudrillard fala de "masa" e por iso para Adolfo Domínguez a sociedade non é máis ca suma de individuos "emprendedores" egoístas.