2/01/2010

Rolda de rebeldía




O Foro Social Galego e a nova fraternidade
. Así titulei un dos artigos que escribín no 2008 para resaltar o sentimento que se enxergaba entre os membros da «comisión dinamizadora do foro» encargada de recoller o mandato daquela grande asemblea celebrada na Facultade de Historia de Compostela, sentimento que quería ser a filosofía que impregnase o evento todo. Pasados dous anos desde entón, aquel mesmo espírito de fraternidade tan caro á tradición republicana volvía inspirar a outra comisión plural e de funcionamento autónomo ―esta encargada de organizar a Rolda de Rebeldía― impulsada polo Encontro Irmandiño cunha ausencia de sectarismo digna de louvanza.
Se no foro se trataba de reunir aos movementos sociais para facer un exercicio de auto-recoñecemento e reflexión, na Rolda o obxectivo era máis ambicioso. Tratábase de pensar colectivamente sobre as causas do afastamento entre os dous polos da esquerda (o social e o institucional) e sobre as posibles solucións a este divorcio.
Celebrado o acto, e coa satisfacción de ver as expectativas de participación e interese máis que cumpridas, é hora de facer os primeiros balances do que alí se dixo.
Como primeiro punto a salientar, un que fala da madurez desta esquerda insatisfeita e verdadeiramente transformadora: os asistentes xulgaron que a importancia do evento non radicaba só na derradeira das mesas propostas (a dos políticos) senón que as outras mesas (a dos movementos sociais) tamén merecían, e así a obtiveron, o mesmo respecto e interese en forma de copiosa asistencia.
Do moito que se expuxo (imposible glosalo todo) destacaría algunhas ideas que me pareceron especialmente suxestivas pola súa capacidade de mostrarnos de onde vimos, onde estamos e cara onde debemos ir.
Así, e como método para superar os «sectarismos» que denunciaba Xoán Hermida, a reivindicación de Xabier Macías do sentido do humor ―ferramenta utilísima para tomar consciencia do (pouco) que somos e do maximalistas que nos poñemos ás veces nos nosos posicionamentos políticos― pareceume un punto de partida perfecto para construír esta nova esquerda plural que precisamos. Unida a esta vontade de pensar a esquerda como suma de individuos concretos de Macías destacar a intervención de Goretti Sanmartín e a súa reflexión arredor da necesidade de engarzar o individual e o colectivo, a minoría e a maioría, para que unha non anule á outra; así como a súa posta en valor do pensamento feminista que soubo ver, como ningún outro, o papel central da ética persoal na acción colectiva.
En canto aos movementos sociais destacar a reinvindicación por parte de Xosé María García da autonomía dos mesmos e tamén a interesante contraposición de ideas que se produciu entre o mesmo Xosé María García (cando denunciaba a certos políticos que venden fume aos movementos sociais para utilizalos electoralmente) e unha Alba Nogueira que, desde o público, pedía tamén autocrítica a uns movementos sociais incapaces moitas veces de deseñar accións políticas concretas partindo dos principios xerais que postulan.
Entre aqueles que desenvolveron reflexións sobre o momento histórico presente cabe destacar o fincapé de varios intervintes (recordo agora ao representante de Movemento pola Base) na incidencia social que terá, máis cedo do que se pensa, a fin da era das enerxías baratas; ou a lembranza continuada de que a evidencia da mudanza climática fai que o tempo para reaccionarmos corra na nosa contra. Posto que estes novos fenómenos provocarán grandes inxustizas e a ameaza dun novo totalitarismo que leve ao extremo a sensación apuntada por Xosé Manuel Beiras de encontrármonos xa nun grande campo de concentración onde os cidadáns están volvendo a ser tratados coma súbditos, semella de vital importancia incorporar a un programa de esquerdas anovado ideas como a do decrecemento e a da superación do modelo de desenvolvemento industrial por un novo paradigma de civilización.
Tamén en relación co marco en que nos movemos, pero en claves distintas, cómpre salientar a volta de porca que Beiras lle deu ao debate cando, alén de cuestionar a forma partido, pasou a cuestionar a mesma forma do Estado, un Estado que de «Providencia pasou a ser de Penitencia» e que delegou o Poder en superestruturas sen control democrático e en transnacionais privadas. Así mesmo, e outravolta desde o público, Xavier Vence chamou a atención ao momento de recentralización política e económica do Estado Español e de como textos legais como a constitución ou o estatuto de autonomía, que a todas luces nos parecían insuficientes, están sendo socavados e incumpridos por parte dos mesmos centralistas ―e os seus aparatos mediáticos― que os impuxeran.
Xa como parte das posibles liñas de acción, e alén do claro chamado de Mariano Abalo a construír unha nova forza política e da necesidade mencionada por Goretti Sanmartín de revalorizar o político, destacar, a partir da consideración de Manolo Barreiro da política como intercambio de discursos, a posible pertinencia da creación dun
think tank (en palabras do propio Barreiro), ou dun lobby (que diría Xoán Hermida), capaz de producir pensamento estratéxico para a esquerda galega, contradiscurso ao discurso dominante e de exercer presión sobre as forzas políticas existentes. Así mesmo, cumpriría non perder de vista a insistencia de Casal Lodeiro no potencial das novas tecnoloxías e, sobre todo, a sabia recomendación por parte dun intervinte do público, cuxo nome non lembro, de paciencia á hora de pensar que os trocos que pretendemos levar a cabo van ser rápidos.
Esta Rolda, xa que logo, pretendeu dar conta do momento de orfandade da esquerda transformadora galega nun intre en que o capitalismo ven de producir outra das súas crises intrínsecas. Pero non para fustigármonos e resignármonos senón para analizarmos as causas e crearmos as solucións. A Rolda non é máis ca primeira pedra do camiño, unha reunión que, como dixo Mónica Alzate do Foro Galego de Inmigración, era en si mesma «un acto de empoderamento». Outras pedras han vir, pois isto é un proceso, e xuntas contribuirán a trazar un novo camiño transitable.

3 comentários:

AFP disse...

Jeiras para a esperança se se convertem num processo permanente para atingir a utopia desde o local. Umha aperta irmandinha e à revolta!

lavesedo disse...

bo resumo, fuco. Válenos de moito aos que non estivemos

O Fuco disse...

Apertas a ambos.