Por enésima vez pretendíase –ca fastuosa celebración do trinta aniversario da caída do muro de Berlín– utilizar aqueles feitos como ariete contra calquera tentativa de oposición á pax americana. E porén, desta volta a cousa non callou. Dar leccións de historia nuns momentos de crise financeira, segregación planetaria e multiplicación dos conflitos semellaba máis difícil do que nunca.
Se algúns diagnosticaran a “fin da fin da historia” –fin da historia decretada precisamente coa caída do muro de Berlín– o día en que foron atacadas as torres xemelgas, máis razoable sería atribuír tal protagonismo a un feito que, xa na altura de 1999, denunciaba a onde nos levaba o neoliberalismo: a batalla de Seattle entre activistas de medio mundo e a OMC.
Ante este combate entre unha esquerda que apuntaba co dedo as verdadeiras causas dos problemas que asolaban o planeta e as organizacións supranacionais que os creaban, a esquerda reformista desdebuxábase –e máis se habería desdebuxar aínda cando moita desa esquerda reformista colaborase na invasión e destrucción de Iraq e Afganistan– a pasos axigantados, ata que os resultados das eleccións europeas de 2009 lle desen, sobre todo no cu do SPD, unha pancada que podería ser definitiva.
Case que coma un fito máis desta “fin da fin da historia”, leo un libro –Ecce Comu. Como se chega a ser o que se era (Paidós, 2009)– no que Gianni Vattimo, o pai do “pensamento débil” e outrora epígono do posmodernismo, declara solemnemente que «sempre chega un momento no que caemos do cabalo e nos convertimos». E engade: «para moitos de nós, o momento da reconversión ao comunismo foi a guerra iraquí.»
E se ben o filósofo non renuncia ao pensamento débil (e por que habería renunciar? Acaso a dúbida metódica do pensamento científico –por moito que Lacan xulgase a instalación na sospeita propia do pensamento científico como un pensamento paranoico– non é compatible co compromiso ético desde os inicios da modernidade?) recoñece que cambiou de idea ou polo menos de moitas das súas ideas. E ademais, sorpresivamente, engade: «reinvindico este dereito, suliñando, porén, que nunca fun axente da CIA, como outros intelectuais máis coñecidos que antes eran de esquerda, despois deixaron de selo e, se cadra agora, o sexan de novo.» Pois menos mal señor Vattimo.
Como denominar agora esta nova era pos-posmoderna será unha pregunta que non tardará en ser contestada.
Pero se se adiviña un cambio de era a nivel mundial, no ámbito do estado español as cousas non son moi diferentes. O mesmo que na política internacional se detectan cada vez con máis claridade os problemas, os causantes dos problemas e as solucións aos problemas, na política estatal, ca súa inacabada articulación territorial, tamén os discursos chegan cada vez con máis nitidez. Así, tras anos de creación dun polo mediático-económico madrileño, o españolismo volve cabalgar con máis ímpeto do que nunca. Neste sentido a irrupción de UPyD e a súa proposta de cercenar directamente toda protección ás linguas diferentes á castelá e de iniciar unha recentralización do Estado ten, como mínimo, a virtude de pór as cartas do españolismo boca arriba. E se as cousas son cada vez máis claras no españolismo o mesmo ocorre, por exemplo, no catalanismo. O editorial conxunto da prensa catalá en defensa do Estatut en contraposición ao clima neofranquista dimanado desde a prensa de Madrid, supón o anuncio dun auténtico choque de trens en direccións contrarias. Decida o que decida o Constitucional (se alguén cre que o Constitucional é un órgano que decide algo á marxe dos intereses políticos, claro) as consecuencias que comportará todo isto para o estado español van desde un salto cualitativo no autogoberno catalán se o Estatut é aprobado (e a apertura dun camiño para un futuro estatuto vasco) a un enfrontamento directo e transversal dunha sociedade catalá cada vez máis arredada dunha realidade española opresiva. Tamén no caso vasco estamos ante un momento de impass que pode levar a unha nova era na súa articulación dentro do Estado Español. Fronte a existencia dun bipartito españolista de dubidosa representatividade social, cada vez aumentan máis as probabilidades de que a esquerda abertzale camiñe definitivamente sen ETA e consiga conformar, canda os outros sectores nacionalistas "legais", un amplo movemento que desatasque o artificialmente enquistado mapa político en Euskadi. Nin que dicir ten que as consecuencias políticas da fin de ETA e da conformación dunha nova maioría no País Vasco para o Estado Español serían históricas.
Pola nosa banda, tamén en Galiza estamos nun momento histórico. O único que esperamos é que non sexa tamén histérico. Tras a decepción da chegada do bipartito ao poder, unha nova dereita moi ideoloxizada e con ganas de mudar a sociedade, irrompeu no bonsai atlántico. As elites culturais galeguistas tras décadas de aceptación resignada dos currunchos do simbólico que lles concedera o fraguismo, ven agora como mesmo estes currunchos son desmantelados sen piedade e sen a penas contestación. Este desmantelamento do país, perceptible en decisións tan dispares como o maltrato á lingua galega, a intencionada falta de liderado político no que ten que ver coas caixas de aforros, a uniformidade, estupidez e falta de compromiso (cando non directamente traizón) do discurso dos medios de comunicación con sede no país, a concesión sen contrapartidas a empresas foráneas da explotación dos recursos naturais, o regreso ao PSdG de resesas personaxes, e con elas das diatribas localistas, moi cómodas para a dereita, etc., conforman unha realidade ben preocupante onde a viabilidade de Galiza como cultura, espazo político e conxunción de intereses económicos está sendo posta en xogo a diario.
1 comentário:
Vattimo nunca foi un pensador dogmático. A súa vindicación do comunismo resulta perfectamente crible.
Enviar um comentário