10/05/2009

Retomando a palabra



«A linguaxe arrebola feixes de realidade sobre o corpo social»
Monique Wittig

Citada en O xénero en disputa. O feminismo e a subversión da identidade (Judith Butler, 1990)


Di Francisco Louça nunha análise das pasadas eleccións lexislativas portuguesas titulada Cinco lições das eleições: «a luta do Bloco é por um governo responsável, rigoroso e de justiça económica. Cada dia em que a maioria do país for sacrificada por esta nova crise orçamental, a alternativa da esquerda terá que ser mais exigente e mais clara.», e engade, «durante todos os próximos anos, a disputa será entre o governo do desastre económico e a justiça na economia. A força do Bloco será a sua coerência.»
Noutro artigo do mesmo cariz, este para facer recapitulación das eleccións alemás, Oskar Lafontaine afirma: «agora pensamos nas tarefas que haberemos sobrelevar. Ningún goberno conseguiu ata agora regular satisfactoriamente o sector bancario. [...] Enfrontámonos a un enorme desafío, porque a crise actual xa se cobrou milleiros de millóns e millóns de postos de traballo, por nomear só os seus principais efectos. Que a política sexa incapaz de reaccionar cunha regulación correspondente será fatal.»
Semella que tanto o político portugués como o alemán pretenden, nestas primeiras reflexións postelectorais, marcar sobre que eixos pivotará o seu discurso político máis imediato; e ambos, ademais de coincidir na satisfacción ante os bos resultados acadados polas súas respetivas formacións, apuntan nun mesmo camiño: o que cómpre é falar de economía.
Se cadra por iso resultan curiosas (en realidade non tanto) as cousas que di o editorialista de El Pais na súa homilía publicada hoxe baixo o título Izquierda en crisis.
Nun parágrafo que calquera persoa de esquerdas podería asinar sen sentir vergoña o xornal de PRISA describe o que lle veu sucedendo á esquerda durante todos estes anos con gran capacidade de síntese e tino (non en van a análise, lonxe de ser nova, circula desde hai ben tempo):


«La izquierda se muestra perpleja de que los ciudadanos no pasen factura a los partidos que inspiraron las políticas económicas causantes de la crisis. Se olvidan, así, de que mientras gobernó no trató de corregirlas ni de cuestionarlas. Más bien les ofreció un aval en la línea de la Tercera Vía de Tony Blair y se limitó a marcar sus diferencias con los conservadores en terrenos como los valores y las costumbres. Como consecuencia, la izquierda no sólo no se ha legitimado como alternativa cuando tenía que hacerlo, sino que, en muchos casos, la crisis le sorprendió en el Gobierno, gestionando la economía desde los presupuestos que han fracasado y que los electores castigan en su cabeza.»

Pero se abraia ver ao mesmo xornal que sempre marcou a liña política do PSOE (por moito que agora a relación estea en stand by) denunciar a Terceira Vía posmoderna das guerras culturais, máis abraia aínda que no mentado editorial se inclúa nesa esquerda fracasada (só así se pode entender ese silencio sobre Die Linke e o Bloco) a dúas forzas políticas que, esgrimindo un discurso eminentemente económico, están conseguindo artellar un novo polo á esquerda da socialdemocracia.
Naturalmente, nada disto é inocente. E cando no último parágrafo do editorial lemos, a propósito dos malos resultados dos socialdemócratas tanto en Alemaña como en Portugal, que

«esta pérdida de peso no es una buena noticia para nadie, ni siquiera para los partidos conservadores. Entre otras razones porque el vacío que la izquierda deja está siendo ocupado en muchos casos por discursos y fuerzas populistas, contra las que los partidos democráticos, sea cual sea su ubicación ideológica, siempre han tenido serias dificultades para competir en el terreno electoral.»

sabemos que o que preocupa a El País non é tanto o estado da esquerda en canto que conxunto de ideas (e moito menos a aplicación desas ideas á economía), como o futuro da esquerda en canto que palabra. Trátase de evitar, mediante ese novo caixón de xastre que é o termo populismo (semellante á ameaza do totalitarismo en boga cando a esquerda non aceptaba as regras da democracia liberal), que estes novos partidos europeos –e os seus irmáns latinoamericanos– que non en van inclúen nas súas siglas a propia palabra esquerda, poidan reapropiarse en solitario dunha marca que se sabe extremadamente perigosa cando os poderes económicos non a teñen ben (de)limitada, ben definida e ben domesticada.

En definitiva, o que de verdade provoca cuitas en El Pais é comprobar que, por exemplo, cando Gregor Gysy –líder oriental de Die Linke– ousa dicir: «encontrámonos ante un feito sen parangón na historia de Alemaña. Desde que se fundara a República federal en 1949, ningunha forza política á esquerda da socialdemocracia obtivo nunhas eleccións ao Parlamento federal unha porcentaxe de dous díxitos», a capacidade do socioliberalismo político e mediático de seguir usurpando o lugar da esquerda nese primeiro pero decisivo campo de batalla que é a linguaxe, merma outro pouquiño máis.

3 comentários:

Unknown disse...

Será bom que assim seja. E, na Galiza, quem poderia jogar esse papel? O BNG?

O Fuco disse...

Neste momento creo que aquí non hai ninguén que poida xogar ese papel. Que poida ser o BNG no seu conxunto ou unha parte do mesmo dependerá de que se aclare primeiro a situación interna da fronte.

AFP disse...

Muito boa a análise. Na Galiza estamos a espera de que umha força poda ocupar esse lugar, toda vez que o BNG ficou tocado e afundido após o seu passo polo poder e a incapacidade da maioria reitora de recuperar a pluralidade interna e o pulso do país. Esperamos contra toda esperança...

Umha aperta irmandinha