8/16/2009

Esquerda e Ilustración



Luego cruzó el combés con paso firme, y, acercándose a la guillotina hizo volar la funda alquitranada que la cubría, haciéndola aparecer, por vez primera, desnuda y bien filosa la cuchilla, a la luz del sol. Luciendo todos los distintivos de su Autoridad, inmóvil, pétreo, con la mano derecha apoyada en los montantes de la Máquina, Víctor Hugues se había transformado, repentinamente, en una Alegoría. Con la Libertad, llegaba la primera guillotina al Nuevo Mundo.

El siglo de las luces. Alejo Carpentier, 1962.


Leo unha conversa con Antoni Domènech na que o director da imprescindible Revista Sinpermiso ataca o cerne ideolóxico que nucleou case que todo o pensamento crítico —polo menos no ámbito académico— desde os tempos da Escola de Frankfurt até os nosos días: a identificación entre Ilustración e capitalismo. Domènech embiste con dureza contra o Horkheimer de Dialéctica da ilustración, ao que considera xerme inicial dunha esquerda anti-ilustrada empeñada en confundir ciencia occidental con totalitarismo. Nomes como os de Foucault ou Lacan e outros máis recentes como Žižek ou Agamben son alcumados de antihumanistas (os primeiros) e de estúpidos, postmodernos e antidemocráticos (os segundos).
Domènech, comprometido co republicanismo de raigaña clásica, considera un erro histórico destes intelectuais o feito de teren regalado a tradición democrática e ilustrada ao liberalismo, de aí que se rebele contra toda teleoloxía do tipo: “A guillotina da revolución francesa levaba implícita o horror de Auschwitz”.
Ideas semellantes ás de Domènech atopeinas nun libriño que foi manipulado até o noxo pola dereita mediática madrileña para vilipendiar a por outra parte cuestionable materia de Educación para a cidadanía impulsada polo goberno Zapatero. Refírome a Educación para la ciudadanía. Democracia, capitalismo y Estado de derecho (Carlos Fdez. Liria, Pedro Fdez. Liria, Luis Alegre Zahonero, 2007). Un manual escrito cun estilo ameno e pedagóxico que partindo da Atenas clásica e da revolución francesa explica en que consiste isto da cidadanía, do imperio da lei, da Razón, da democracia, da separación de poderes, do capitalismo, do socialismo, etc.; e que tamén ten tempo para cargar duramente contra a estela da Escola de Frankfurt e a súa teima por atopar “reversos tenebrosos” ou “lados escuros” no proxecto ilustrado. Para os autores do libro a “impostura” da Escola de Frankfurt —“esta gran estafa intelectual do século XX”— sería o medio atopado por moitos intelectuais para adaptarense aos tempos; é dicir: para seguiren gañando cartos comodamente cargando no debe do proxecto ilustrado o que non serían máis que erros imputables ao capitalismo.

* * * * *

Unha das figuras recuperadas por esa nova esquerda “antidemocrática” (penso sobre todo en Agamben, pero tamén se atopan influencias en Žižek) é Carl Schmidt. En Contrarrevolución o resistencia. La teoría política de Carl Schmidt (1888-1985) (Tecnos, 2009), Carmelo Jiménez Segado debulla coa necesaria distancia emocional o periplo vital e intelectual deste xurista filonazi.
A modo de paréntese —e como curiosidades máis ou menos próximas ao noso país— resaltar que co gallo da querencia que o alemán sentía polo réxime franquista, a súa presenza nestas latitudes foi frecuente. Así, en 1947, José Caamaño Martínez leu na Universidade de Santiago de Compostela a primeira tese doutoral do Estado Español sobre Carl Schmidt baixo o título El pensamiento jurídico-político de Carl Schmidt. E por volta do ano 1962 o inefable expresidente da Xunta de Galiza, Manuel Fraga Iribarne, nomea a Schmidt membro de honra do Instituto de Estudios Políticos que entón presidía, recibíndoo co discurso Carl Schmidt: el hombre y su obra. Pecho a paréntese.
Schmidt dedicouse, canda outros intelectuais de dereitas alemáns, a exercer de ariete contra a feble república de Weimar. Boa parte da súa obra consiste nunha crítica feroz ao sistema democrático. Este antidemocratismo de Schmidt será aproveitado e reelaborado por pensadores de esquerda de finais do século XX e comezos do XXI como os xa referidos e tamén por outros como Chantal Mouffet.
Categorías schmidtiás como a de amigo/inimigo foron recuperadas por uns autores fartos desa outra impostura intelectual denominada "a fin das ideoloxías". Autores dedicados a desenmascarar o falso humanitarismo universalista (debedor da Declaración de dereitos do home e do cidadán da revolución francesa) que aparecía como xustificación de bombardeos e invasións imperialistas. Esta capacidade das democracias liberais para aplacar todo antagonismo real e para empregar a hoxe tan habitual “neolingua” coa que se revisten de nobres ideais as operacións máis indecentes, fora xa intuída por Carl Schmidt (ben que nun contexto e cun obxectivo diferente) a propósito do tratado de Versalles imposto a Alemaña despois da primeira guerra mundial:


«El Pacto de Versalles era, según Schmidt, fiel reflejo de esa polaridad liberal entre pathos ético y cálculo económico. [...] Las reparaciones de guerra, sostenidas e ilimitadas, se oponían a tanto derroche de humanismo. El Tratado era un instrumento jurídico para legitimar nuevas formas de imperialismo económico: el bloqueo de créditos, el embargo de materias primas o el hundimiento de la divisa extranjera se adornaba con un vocabulario esencialmente pacifista que no conocía ya la guerra, sino únicamente ejecuciones, sanciones, expediciones de castigo, pacificaciones, protección de los pactos, política internacional, medidas para garantizar la paz, y que reputaba violencia extraeconómica a cualquier intento de sustraerse al efecto de eses métodos.»

Se ben a maioría das ideas de Schmidt —a súa exaltación do Estado forte, o desprezo polos partidos políticos, a crenza irracional na figura do líder, a teoría dos Grandes espazos— acabarían demostrándose tan perigosas como o propio III Reich, non cabe dúbida de que algunhas relecturas da obra schmidtiá si axudan a clarexar, por moito que nos pese a adscrición ideolóxica do seu autor, o funcionamento das actuais democracias realmente existentes.

* * * * *

Din os autores de Educación para la ciudadanía. Democracia, capitalismo y Estado de derecho, nalgún punto do libro, que a esquerda ven arrastrando, xa desde as formulacións do propio Marx, un erro de vulto: considerar que o Estado de dereito é un elemento Superestructural e polo tanto consubstancial
—léase eliminableao sistema económico capitalista. Os esforzos de moitos intelectuais por afondar nas raíces republicanas gregas, florentinas ou francesas vai encamiñado a superar esa eiva e a atopar novos —ou máis ben vellos— referentes democráticos para unha esquerda á defensiva.
Se cadra é certa a acusación que os Domènech ou os Liria fan contra unha esquerda demasiado ocupada en criticar á democracia e demasiado pouco ocupada en construír a democracia. Ou, se cadra, a cuestión ten máis que ver con a que tipo de democracia nos estamos referindo cando reivindicamos a democracia ou cando criticamos a democracia. Os mesmos autores de Educación para la ciudadanía. Democracia, capitalismo y Estado de derecho citan a coñecida fórmula de Schmidt “Soberano é quen decide sobre o estado de excepción” no capítulo en que repasan o elevado número de presidentes electos nas urnas que foron destituídos por golpes militares cada vez que pretendían lexislar para as clases populares; recoñecendo así que as observacións do alemán non van de todo desencamiñadas cando as aplicamos ás democracias formais hoxe existentes.
En todo caso, e se ben a fórmula “guillotina=Auschwitz” é o leitmotiv da esquerda relativista, eu teño para min que aquela non expresa a verdade do problema. A verdadeira decepción non chegou con Auschwitz ou coa identificación entre Ilustración e capitalismo. A verdadeira decepción tivo lugar
como ben nos recordan os autores do libro sobre Educación para a cidadanía comentado o día de 1968 en que os tanques rusos entraron en Praga. Aí sóubose que o movemento chamado a pór en práctica os ideais ilustrados —o movemento comunista— era incapaz de imaxinarse a si mesmo como un sistema democrático. Así, e en lugar de guillotina= Auschwitz, creo que a ecuación verdadeiramente culpable da incapacidade da esquerda para facer nada máis que crítica debería formularse deste xeito: guillotina= progrom.
O fracaso final da experiencia soviética e as posteriores décadas de restauración conservadora fixeron o resto.

4 comentários:

Torcinho disse...

Pero o fascismo do século XXI tamén reivindica a Ilustración como legado humanista euro-occidental fronte ao totalitarismo islamista, por exemplo. E as páxinas da prensa liberal están cheas de apoloxistas de Voltaire.

O Fuco disse...

Así é, por iso Doménech "considera un erro histórico destes intelectuais o feito de teren regalado a tradición democrática e ilustrada ao liberalismo".

Torcinho disse...

http://leninology.blogspot.com/2007/06/reason-in-revolt-two-books-on.html

O Fuco disse...

Ten boa pinta o segundo libro que comentan neste blog: "The Threat To Reason". E concordo con case todo o que di: a dereita apropiouse dunha ilustración deturpada, non todo o tildado de antiilustrado o é, e non toda a ilustración é igualmente reivindicable.
O autor do blog cuestiona que se cargue as tintas sobre Adorno e Horkheimer (en especial co primeiro). E a min tamén me parece excesivo acusar á Escola de Frankfurt de ser "a maior estafa intelectual do século XX". Supoño que o que se lles apón é ter iniciado un cuestionamento directo do pensamento ilustrado en "Dialéctica da ilustración".
Hoxe escoitei a alguén dicir que o que se estaba a ventilar nas eleccións de Afganistan recén celebradas era un choque entre "civilización e non civilización". Que sexa a OTAN quen defina impunemente que é civilización (ou democracia, ou dereitos humáns...) e que non o é débese tanto á súa falta de escrúpulos como ao medo da esquerda a seguir pensando que existen valores que deberían ser de caracter universal.