8/29/2009

Dispersións estivais



En tempos en que as únicas viaxes que se podían permitir as masas de galegos do común eran as que ían da casa ao campo, ao mar ou á guerra do Rif, e do porto de Vigo á emigración americana, Sigfried Krakauer escribiu un textiño titulado A viaxe e o baile no que se poden ler intuicións que os habitantes deste periférico país aínda estamos comezando a comprender. Nel o alemán alertaba sobre a aparición do fenómeno da viaxe de masas como busca inútil do novo polo novo e tamén de como, en sincronía co xurdimento desta obsesión polo exótico, se comezaba xa a ter consciencia do escorregadizo de tal categoría.


«[A] relativización do exótico —di Krakauer— vai da man do seu desterro da realidade, polo que tarde ou cedo aqueles con inclinacións románticas hanse ver obrigados a esixir o establecemento de reservas naturais valadas, illados reinos de conto de fadas nos que a xente aínda poida manter a esperanza desas experiencias que hoxe incluso Calcuta parece non poder ofrecer.»


E continuaba:

«Por iso, en termos estritos, a viaxe que está tan de moda, en realidade xa non permite a ninguén saborear a sensación dos lugares estraños; un hotel é igual ao seguinte, e a natureza do fondo resúltalle familiar aos lectores de revistas ilustradas.»

* * * * *

Despois de que a era Fraga nos legara, mediante aquela impagable imaxe turística dunha casiña circundada por un bosque enorme (e naturalmente encantado) de eucaliptos, unha síntese insuperable das dúas almas que se debaten, na Galiza contemporánea, entre seguir a ser a colonia produtora de materias primas que sempre fomos ou o parque temático de conto de fadas que por veces queremos ser; as autoridades actuais, ocupadas como están en abundar na primeira das almas (vexamos se non as diálises á carta que fan as empresas hidroeléctricas ao río Sil e a revisión dos planos eólico e acuícola) teñen que asistir ás queixas (ben que pouco escandalosas) dos hosteleiros preocupados porque a segunda das almas non acaba de levantar cabeza. Din os empresarios do turismo que o índice de ocupación este verán foi bastante baixo e botan a culpa á crise económica.
Eu, pola miña banda, sabedor como son de que o único método no que acreditan as autoridades para medir o número de visitas estivais é o do aumento ou diminución do peso do lixo recollido polos servizos municipais de limpeza, non darei creto a tales laios ata que todos os refugallos sexan convenientemente taxados.

Despois de todo, se ser colonia non funciona, e ser parque temático tampouco, que mellor futuro para o país que transformarse de vez nunha sociedade da información? A diferenza doutros sectores económicos ás sociedades da información non lles importa se o xénero co que traballan é bo ou malo —os ambientes profesionais mesmo acostuman dicir que unha boa nova non é nova. E é que a información é información tanto se anuncia a fin da Segunda Guerra Mundial como se anuncia o peso da merda expulsada polos turistas. Non necesitamos das profecías de Krakauer para saber que nos encontramos ante un sector con futuro.

* * * * *

Cando a merda é información, a información non pode ser máis ca merda. Comprobo, a través de La Voz de Galicia, como o que aparentaba ser un inocente artigo sobre o estado das carreiras universitarias acaba sendo todo un bote de vaselina para que a reforma de Boloña sexa menos dolorosa. O titular principal fala por si só: «Historiadores y filósofos son los titulados con menor salida laboral» o subtitular tamén é ben elocuente: «Los mayores porcentajes de inserción en el mercado de trabajo los registran los ingenieros y los economistas». O resto do traballo deductivo —Por que non eliminar Historia e Filosofía da universidade?— debemos facelo nós mesmos (pero en liberdade, obvio).
Desta volta tócalle a El País. A cantante Paulina Rubio declárase de esquerdas (non comunista «porque no podría vivir en La Habana») pero o titular da reportaxe resalta: «Soy una empresa que escribe canciones».
Poñamos agora en relación a nova de El País coa da Voz de Galicia e teremos un condensado do espírito dos tempos: para conseguirmos a masa de individuos-empresa demandados, o recoñecemento e o status que outorga o sistema universitario debe recaer só naqueles saberes utilizables polas empresas e nunca naqueles saberes susceptibles de xerar crítica ás empresas. Saquemos as humanidades con todo o seu pouso de dignidade cultural das aulas e deixemos para personaxes como Paulina Rubio as migallas comercializables da cultura do entretemento.

* * * * *

Pasados os traumas do socialismo real vemos como a esquerda actual se define cada vez máis por unha serie de valores que nada teñen que ver con aqueles furores industrialistas propios do século XIX e XX. Decrecemento vs. crecemento, austeridade vs. desbalde, lentitude vs. frenesí, aforro vs. consumismo, rigor vs. hedonismo, etc. son algúns dos principios que separan ao que queda de esquerda de todo o resto da sociedade.
Nunha interesante entrevista que publicou Galiza livre, Santiago Alba Rico reflexiona sobre estas e outras cuestións. De toda a conversa quedo con tres ideas:
1. Debemos ser conscientes do deserto do que partimos.
2. Debemos construír desde abaixo e desde o local a idea de comunidade que venza o individualismo rampante. Só entón poderán agromar alternativas.
3. Debemos ser revolucionarios no económico, reformistas (é dicir democráticos) no institucional e —o máis rechamante— conservadores no antropolóxico.

Que os chamados conservadores eran, de todos nós, os que menos conservaban é algo que xa sabiamos. Que padecemos agora unha dereita desacomplexada que vai a por todas é algo que tamén estamos comezando a saber. Pero quen nos ía dicir a nós que despois de todos os despoises iamos ter que botar man do noso «conservadorismo antropolóxico» para pararlles os pés a estes tolos que nos gobernan? Ver para crer.

Sem comentários: