Onte fun ver Good (Vicente Amorim, 2008), a historia de John Halder, intelectual alemán que, despois dalgunhas reticencias, acepta ingresar no partido Nazi. O cometido que lle encarga o réxime é a redacción dun ensaio que xustifique a idea da morte por compaixón, o texto que lexitime intelectualmente os programas de euxenesia do III Reich. Nun momento do filme, Halder escusa o seu entrismo ante o seu indignado amigo xudeu Maurice alegando que dese xeito contribuirá a encarreirar e a moderar as decisións dos tolos que gobernan; pero Maurice, coa lucidez do que ve en perigo a súa existencia, desprézao sen contemplacións.
É irónico (ou máis ben lóxico) que sexa no ano Ramón Piñeiro cando Anxo Lorenzo acepte o posto de Secretario de Política Lingüística. Tamén el ten por cometido producir o corpus intelectual que avale un asasinato por compaixón. Se nos anos de Fraga a liquidación prevíase lenta e indolora, nos tempos de Feijoo anúnciase súbita e a machada. Triste papel para un sociolingüista chamado a calmar os ánimos de señores coma este ou coma estoutro, e encargado de desmembrar, cos seus cantos de serea, a oposición frontal e innegociable que deberían provocar os plans do novo Führer Feijoo.
A película de Amorim remata cunha escena patética onde Halder visita un campo de concentración coa intención de atopar a Maurice. Visiblemente impresionado e atordado polo visto, clama ridiculamente para si e en voz alta «É real, é real» mentres unha recua de homes, mulleres e nenos xudeus son conducidos coma gando desde os trens ao interior do campo. Algún día, se cadra, tamén os que agora tratan de reubicarse con vistas a seguir gozando de boa sombra caerán na conta do real da ameaza que paira sobre os galegofalantes. Pero chegarán tarde.
Malia o título, Good é unha película mala. Malia o nome, Anxo Lorenzo (et ali) gusta de lle facer as beiras ao demo. Aviados estamos.
Na imaxe: La traición (Manuel Mendive, 1995)
Sem comentários:
Enviar um comentário