4/24/2009

Weimar e nós (III). A reconquista



California Uber alles
Uber alles California

Dead Kennedys


La Reconquista expresaba —dicía José Álvarez Junco en Mater dolorosa. La idea de España en el siglo XIX (Taurus, 2001) a propósito da idea de Reconquista nos redactores da constitución de 1812 que hoxe inspiran ao (neo)liberal PP— más que ninguna otra empresa colectiva, la esencia guerrera y religiosa del pueblo español, la obstinada afirmación de su personalidad colectiva frente a una invasión que no sólo era de un pueblo extraño sino, peor aún, de un enemigo de la verdadera fe.


E proseguía:

Las tendencias monárquicas de los nobles, una vez más, eran el ejemplo de lo que luego se incorporaría al carácter nacional como defecto que hacía al país difícil de gobernar. La unidad como criterio supremo servía para juzgar a los monarcas, por ejemplo, en sentido positivo, si habían contribuído a ella, o negativo si la habían obstaculizado, por ejemplo con una inoportuna división de sus reinos entre sus hijos.

Nesta exposición do concepto de Reconquista (tan caro ao nacionalismo español de todas as épocas) é posible ver concomitancias co mesianismo xermano, que haberá manipular con habelencia, durante a república de Weimar, as figuras do inimigo interno e externo. Estas figuras son encarnadas, na España actual, polas identidades periféricas e polos inmigrantes/terroristas islámicos respectivamente; igual que na Alemaña dos 20 o eran polo xudeu e polos vencedores da Gran Guerra/comunistas soviéticos. Que o nacionalismo español contemporáneo sente simpatías por esta mitoloxía visionaria e rexeneracionista é obvio, especialmente se atendemos ás súas expresións públicas máis ruidosas e histéricas, representadas por un Aznar ou por un Losantos. Que esta mitoloxía, na lectura de hogano, encaixa perfectamente con aqueloutra cosmovisión coñecida como a «revolución conservadora» —hexemónica nos USA desde os anos de Reagan até os de Bush— onde o uso das últimas tecnoloxías convive co apoio a morais relixiosas premodernas e onde o individualismo elitista fai continuas apelacións ao home común, tamén parece cheo de sentido. Pero máis inquietante resulta saber —por medio do libro de Weitz— que aquel think tank avant la lettre formado polos Schimdt, os Jünger ou os Spengler, aqueles racionalizadores do horror, comparables aos que hoxe en día lexitiman coa súa pluma (pensemos na revisión histórica profascista de Pío Moa, ou nas perlas que Ignacio Gómez de Liaño deitou hai pouco na prensa galega) a (neo)Reconquista española, tamén eran coñecidos, nos anos 20 do século pasado, como «conservadores revolucionarios».


Spengler [O César Vidal da época] logró que la derecha se librase de toda atadura con el conservadurismo tradicional. Así, la nueva derecha se transformó en una derecha revolucionaria que, en su intento de hacerse con el poder, se ganaría el apoyo de los conservadores de siempre, a quienes aquel lenguaje del nacionalismo les parecía perfecto.

A agresividade que hoxe desprega a dereita desacomplexada —colectivo ao cal, por certo, pertence o noso flamante presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo que, non o esquezamos, definiu a victoria nas autonómicas galegas de 2009 como «o primeiro chanzo para a Reconquista de España»— contra toda política redistributiva, contra os sinais de identidade non españois, contra homosexuais, feministas, ecoloxistas e inmigrantes ten a súa fonte de inspiración —previa peneira e síntese dos think tanks norteamericanos—naqueles intelectuais formados no resentimento prusiano.
Dead Kennedys, o grupo punk que viviu a súa época de esplendor en pleno auxe reaganita, intuíu con extrema e sintética lucidez no retrouso «California Uber alles, Uber alles California» do tema “We´ve got a bigger problem now” (In god we trust, Inc., 1981), este vencello, tanto máis forte canto máis profunda sexa a crise, entre a democracia liberal e o totalitarismo alemán. Isto precisamente é o que Sheldon S. Wolin denuncia no seu Democracia S.A. La democracia dirigida y el fantasma del totalitarismo invertido. Perigo.

Sem comentários: