4/22/2009

Weimar e nós (I). Paralelismos



Que o momento presente de crise no económico, malestar no social e incerteza no político garda certas semellanzas co ambiente que se respiraba na República de Weimar, tal vez poida parecer un lugar común —ou unha esaxeración visto en que desembocou aquela república—; que ademais diso eu pretenda ver un paralelismo entre a xénese, o transcurso e o ocaso do período de Weimar —cuxa extensión temporal foi de 14 anos— e mais o período que abarca desde a chamada Transición española até a actualidade —34 anos— parecerá, sen dúbida, un atrevemento. E abofé que o é.
A República de Weimar —segundo veño de ler en La Alemania de Weimar. Presagio y tragedia (Turnes, 2009) escrito por Eric D. Weitz— é o intervalo histórico que arrinca despois da Revolución de 1918-19 —revolución que suporía a aceptación temporal por parte de Alemaña da súa derrota na Gran Guerra así coma o exilio forzoso do autoritario kaiser Guillermo II (tamén a morte de Rosa Luxemburgo a mans da ultradereita)— e que finaliza coa chegada ao goberno, en 1933, de Adolf Hitler.
As notas que me gustaría extraer do libro de Eric D. Weitz serven, ao meu modo de ver, para coñecer certos trazos da política —especialmente da política da dereita— naquela altura e son, sobre todo, útiles para establecer paralelismos coa nosa historia recente.
Eric D. Weitz, ademais de describir a revolución do 18 coma un momento de esperanza e de reformas económicas e sociais beneficiosas para as clases populares, tamén critica a moderación e a falta de miras da socialdemocracia á hora de plantar cara aos resortes do antigo poder prusiano instalado no exército, na igrexa, nos sectores económicos, nas universidades e na burocracia estatal.
Así, do dito por Weitz sobre o proceso de desgaste continuo ao que foi sometida a república de Weimar por parte da dereita, creo salientables as seguintes ideas:
1. Explotación da figura do xudeu (e doutros coma o polaco) como inimigo interno a engadir aos inimigos externos encarnados polas potencias gañadoras da Gran Guerra. Son os anos de esplendor das teorías conspiratorias coma a dos
Protocolos dos Sabios de Sion. [A dereita española actual tamén gusta das conspiracións, se ben os seus inimigos interiores e exteriores son outros.]
2. Cambio do discurso tradicional conservador por outro de tipo revolucionario acuñado por intelectuais afíns coma Carl Schimdt, Ernst Jünger ou o Oswald Spengler d´
A decadencia de Occidente. [Que a dereita española actual fixo seu ese ton revolucionario que enarboran algúns dos seus “intelectuais orgánicos” semella evidente.]
3. Apelación ás masas populares. Aquilo que Hannah Arendt definiu no seu
As orixes do totalitarismo como a alianza entre as elites e a chusma. [Como Lepen en Francia ou o finado Haider en Austria, a dereita española preocúpase de que o seu discurso chegue ás masas convenientemente simplificado.]
4. Ataque a toda liberalización dos costumes focalizado especialmente na muller que, por causa da guerra, conquistara novos espazos sociais. [A belixerancia contra as vodas homosexuais, as campañas antiaborto ou antieutanasia e a fetichización do discurso da autoridade son os modernos ataques contra toda liberalización dos costumes que impliquen emancipación.]
5. Utilización das novas tecnoloxías. Hitler foi o primeiro en empregar o avión para acudir a actos electorais. A radio ou o cine foron ferramentas de propaganda usadas habilmente polos nazis. [A dereita española sempre dominou os medios de comunicación pero dun tempo a esta parte tamén está aprendendo a utilizar as novas formas de comunicar, en especial a través de internet.]
6. Capacidade para sacar proveito do empeoramento, sobre todo a partir do 29, dunha situación económica xa de por si mala. [Se a dereita española saberá ou non sacar proveito a unha crise que se adiviña tan dura como aquela aínda está por ver.]

Do que Weitz resalta sobre a chegada efectiva dos nazis ao poder destacaría un par de ideas: 1) Hitler nunca tería chegado ao poder —pois nunca conseguiu a maioría absoluta— de non ser apoiado polos sectores conservadores máis moderados. 2) As dúas igrexas —protestante e católica— diverxentes en case que todo o demais, non dubidaron en apoiar a nova orde nazi.

Como se ve, algúns dos paralelismos entre Weimar e o presente son bastante obvios; outros desenvolvereinos un pouco máis polo miúdo, a seguir.

Sem comentários: