1/08/2009

Apuntamentos

En Modelos de democracia (Alianza, 2007), David Held analiza pormenorizada e extensamente isto que chamamos goberno do pobo. Das críticas de Platón á democracia da Atenas clásica, pasando polos argumentos a favor e en contra do Estado propios dos teóricos liberais do século XVII, e polo antagonismo entre as doutrinas nitidamente colectivistas do marxismo e as elitistas dun Weber ou dun Schumpeter ata desembocar, por unha banda, no neoliberalismo dun Hayek –que tanta prédica tivo e ten en todo o mundo– e nas demandas de participación directa que encabezan moitos dos chamados movementos antiglobalización; unha fenda percorre a historia toda do pensamento político democrático: a tensión entre o proxecto persoal e o colectivo, entre a liberdade individual e a igualdade de todos. A solución de Held a este divorcio? Tratar de levar a cabo, en certa forma, o mesmo que el reprocha a algún que outro autor ao longo do libro: reconciliar o irreconciliable. Trazar unha síntese entre a tradición liberal-individualista e a social-colectivista que ademais teña en conta a progresiva mundialización económica e cultural. Algo que non por complicado é menos imprescindible.

A “democracia cosmopolita” é o modelo polo que aposta Held, un modelo que prevé a creación, entre outras cousas, dun Parlamento Mundial; que pula polo fortalecemento da sociedade civil, por un sistema económico cunha forte presenza do sector público e pola adopción de mecanismos decisorios inspirados na democracia deliberativa.
A globalización e a crise dos estados-nación levan consigo, segundo Held, graves riscos para a viabilidade da democracia. É por iso que o autor avoga pola creación de institucións supranacionais encargadas de que as decisións dos gobernados non se vexan sempre subsumidas na lóxica do mercado.
Esta crise da democracia no planeta ten o seu máximo expoñente na ineficacia da ONU. "La susceptibilidad –dinos Held– respecto a la ONU en las agendas de los países más poderosos, la debilidad de muchas de sus operaciones de paz mundial (o su completa ausencia), la escasa financiación de sus organizaciones, la continua dependencia de sus programas del apoyo financiero de unos cuantos países, la inadecuada aplicación de muchas leyes medioambientales indican un eficacia y un alcance muy limitados de la democracia a nivel global". Difícil non subscribilo.

Na Declaración de Independencia do Estado de Israel pronunciada por David Ben Gurion o catorce de maio de 1948 no Museo Municipal de Tel-Aviv menciónase en reiteradas ocasións ás Nacións Unidas. Unha para recordar a resolución de vintenove de novembro de 1947 na que a Asemblea Xeral desta mesma organización dispuña a proclamación dun estado xudeu en Eretz Israel, outra para solicitar que as Nacións Unidas acollesen a Israel na súa comunidade de nacións, outra para pedir que as Nacións Unidas asistisen ao pobo xudeu na construcción do seu estado e outra máis para declarar que o Estado de Israel sería leal aos principios da Carta das Nacións Unidas. Sesenta anos despois, e tras múltiples violacións e desacatos das resolucións da ONU, o Estado de Israel bombardea, na franxa de Gaza, escolas adscritas á organización supranacional sen que esta teña capacidade algunha para responder e sen que isto desencadee, en calquera país do mundo, acción concreta ningunha fóra das condenas retóricas.

Nun dos puntos da proposta de “democracia cosmopolita” de David Held exponse a necesidade, a curto prazo, da "Reforma de las principales instituciones de gobierno de la ONU, tales como el Consejo de Seguridad (para dar a los países en desarrollo una voz significativa y una capacidad de decisión efectiva).
Hai poucos días, o Estado (Socialista) de Bolivia suxeriu –con pouco éxito– reformar o Consello de Seguridade da ONU mediante a adaptación ao marco da política internacional dun lema ben vello e ben liberal: Un estado un voto. Como se tamén na relación entre estados fose necesaria a síntese de irreconciliables.

Por moito que semelle frívolo, hai veces en que a cultura popular gaña en elocuencia aos máis sisudos ensaios. No episodio das aventuras de Asterix titulado Asterix en Britannia, o astuto galo e o seu camarada Obelix emprenden viaxe ás Illas Británicas. Como sucede sempre nas historias de Goscinny e Uderzo, unha chea de estereotipos contemporáneos son atribuídos aos pobos cos que se atopan os dous protagonistas. Nunha batalla entre romanos e britóns, Asterix e Obelix fican abraiados cando, ás 17:00 horas, os ingleses abandonan o campo de batalla –argumentando que é a hora do té– para continuar cos fungueirazos unha vez rematada a infusión. Esta caricatura da suposta civilidade inglesa –cara amable dun lado escuro que viviría o seu apoxeo no imperialismo do século XIX– permite que vexamos con máis claridade canto ten aquela de mito e de absurdo. Como ariete que é de Occidente en Oriente Próximo, Israel –que tanto debe á actuación británica en Palestina– tamén parece querer emular aos ingleses do cómic: as reconstituíntes treguas de tres horas diarias que desde onte declarou o exército israelí na franxa de Gaza non fan senón corroborar a crueldade dos bombardeos. O té tómase en Gaza entre as 13:00 horas e as 16:00. Con gusto amargo.

3 comentários:

Ana Bande disse...

Atinadísima reflexión, coma sempre. Onte viamos no TX puxeron unhas imaxes dee gazatíes mercando neses escasos minutos de tregua...un mercaba patatan, ben peiteadiño e limpo, coma de domingo, remexía nelas para procurar as mellores, como facían as nosas nais nos mercados, coma se non pasase nada, coma se este home, cicais nun par de horas non fosen restos do seu corpo espallados polas congostras dese inferno...god is got, god is great, non me cabe duda...

O Fuco disse...

Sempre sorprende que a vida cotiá continúe nun estado de guerra, pero ese mesmo tipo de imaxes se puideron ver na guerra dos Balcáns e tamén entre nós, na guerra civil española. Aínda que chova metralla, comer hai que comer.

freefun0616 disse...

酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店小姐兼職,
便服酒店經紀,
酒店打工經紀,
制服酒店工作,
專業酒店經紀,
合法酒店經紀,
酒店暑假打工,
酒店寒假打工,
酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店小姐兼職,
便服酒店工作,
酒店打工經紀,
制服酒店經紀,
專業酒店經紀,
合法酒店經紀,
酒店暑假打工,
酒店寒假打工,
酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店小姐兼職,
便服酒店工作,
酒店打工經紀,
制服酒店經紀,
酒店經紀,

,