9/26/2008

Tras o II Consenso de Washington

Pasou xa un tempo desde que Etienne Balibar acuñara o termo de Egaliberte para subliñar a relación de necesidade existente entre estes dous grandes principios que, canda á fraternidade, nos legou a Revolución francesa. Era preciso recordar que non hai liberdade sen igualdade, e viceversa, nunha época –as tres últimas décadas do século XX e o que levamos do XXI– onde a liberdade era reivindicada en solitario, coma un credo, polos gurús da economía de mercado e as súas ramificacións mediáticas.
Nos anos 90 do pasado século, toda esa doutrina económica á que só lle interesaba unha liberdade (a dos mercados) e que consideraba todo desexo de igualdade como vestixios de totalitarismo, dotouse dun marco de referencia denominado o Consenso de Washington, onde as receitas baseadas na liberalización, a abolición de impostos, as privatizacións masivas e o control do gasto público, eran vendidas coma purgantes que, tras un breve período de molestias, haberían curar para sempre os males das “economías subdesenvolvidas”.
Onte, aproximadamente unha década despois de que a chamada crise asiática e o corralito arxentino desen os primeiros avisos das dramáticas consecuencias que carrexaban consigo aquelas receitas, asistimos, trala xuntanza entre o actual presidente dos EEUU e os dous candidatos a substituílo (alguén segue crendo a estas alturas que realmente escollemos algo nas democracias liberais?) ao nacemento do que poderíamos chamar o Segundo Consenso de Washington.
Nos prolegómenos desta cimeira o que dixo George W. Bush foi «Fixemos este plan para salvar o sistema económico dos Estados Unidos do desastre», pero o que realmente quería dicir –despois de tres décadas de devastadora ortodoxia neoliberal– era: keynesianismo ou barbarie. Así volviamos, tras o paréntese da utopía financeira, ao mesmo punto no que nos atopabamos.
Será esta a fin do capitalismo? Xa nos gustaría. Tamén onte, o presidente da CEOE , Gerardo Díaz Ferrán, expuxo a súa proposta estrela para afrontar a crise que azouta o Estado Español: flexibilizar o mercado mediante o abaratamento do despedimento. «É imprescindible –dixo o representante dos empresarios– que o mercado laboral español se homologue ao dos países do noso entorno». Nada comentou, porén, de que esta homologación atinxise tamén ao capítulo de salarios e de dereitos sociais.
Pero compre non desanimarse, o advenimento do Segundo Consenso de Washington trae canda el novos aires á viciada atmosfera da teoría da “fin da historia”. Cándido Méndez, o secretario xeral de UGT, expresouse hai pouco cunha claridade ideolóxica pouco frecuente. Ante a pregunta de que lle parecía o que estaba a acontecer na economía dos EEUU aseverou con rotundidade: «Estamos ante una quiebra de fondo del sistema capitalista mundial». Tempo había que non lle escoitaba a un líder sindical español utilizar o termo capitalismo nos medios de comunicación.
Non sei se Dinamarca se encontrará entre o que o señor Díaz Ferrán denomina “países do noso entorno”, pero é probable que, se o goberno se prega finalmente ás esixencias da patronal, o faga usando o engado dun novo neoloxismo como é a flexiguridade (ou de algo semellante a este) moi do gusto do seu pensador oficial: Jesús Caldera. Este concepto, de moda na Comisión Europea, ten no país nórdico o seu inventor e máximo expoñente. Baixo o pretexto dun forte compromiso coa protección das clases máis desfavorecidas, incentívase, de paso, a flexibilización laboral, a mobilidade xeográfica e a continua adaptación dos traballadores ás demandas do mercado de traballo. De gobernarnos Díaz Ferrán tragariamos cunha reforma laboral a pao seco, gobernando ZP recibirémola empaquetada e con laciño de deseño escandinavo. Na medida en que organizacións como a de Méndez, entre outras, sigan conservando esa clarividencia na análise da situación e non actúen, unha vez máis, como a vaselina do goberno, as clases traballadoras non serán os pagáns da factura dos pratos rompidos polos especuladores.
A invención fecunda de Etienne Balibar –se cadra inspirada no snark (híbrido entre snake e shark) imaxinado polo xenial Lewis Carrol– axudou a deitar lucidez nunha época escura. Do oxímoro da flexiguridade –non sempre a creatividade vai da man da bondade– só pode saír unha criatura –como a mula produto de burro e cabalo– quizais apta para levar as cargas durante un tempo, pero estéril e sen descendencia, ao final dos seus días.

9/19/2008

Crónicas suecas (II)

Malmö dividiuse, para unha mellor ubicación dos locais que acollen a inxente cantidade de actividades, en catro zonas diferentes, de forma que entre todas elas hai un continuo ir e vir de xentes, linguas e mapas que se mesturan cos dinámicos (aquí todo o mundo fai a súa vida en bicicleta) e un tanto distantes suecos. Moitos dos locais cedidos á organización son dependencias municipais, carpas ou teatros, pero tamén puiden coñecer, por medio de Stefan, a historia da rede de escolas ABF, que coa cesión do seu edificio e mais as actividades que organizan, son parte integrante do Foro. A asociación para a educación dos traballadores (iso significan as siglas ABF) dota de educación para adultos a todos os concellos de Suecia co propósito de estudar en grupo e formar opinión sobre temas clave. Parten da convicción -na liña daquela frase de Francis Bacon: "O coñecemento é un poder en si mesmo"- de que todo o mundo debería ter a oportunidade de adquirir a formación necesaria para poder cambiar a súa situación tanto a nivel persoal, local e global. O traballo feito por esta rede educativa ao longo dos anos contribuiu, segundo Stefan, a que "Suecia pasase de ser un país de granxeiros ao que é hoxe en día". De seguro que se fosemos quen de crear algo parecido na Galiza -e acaso non comparte xa unha certa semellanza de espírito iniciativas como o Espazo Lectura do Val Miñor?- tamén nós deixariamos de ser o país cheo de carencias que actualmente aínda somos.
Entre a xenerosa oferta de seminarios acudín a un titulado: "Non ao tratado de Lisboa. Como podemos conseguir unha Europa democrática?". Segundo leo no xornal editado pola organización onde se detalla o programa, a actividade está organizada por Attac Europe, unha plataforma sueca anti tratado e máis o Foro social romanés. Imposible saber con antelación que unha das ponentes será Susan George. Sen dúbida a estratexia de non publicitar os nomes dos oradores máis coñecidos non é inocente: que se acabe asentando unha sorte de star system altermundista é un risco que cómpre evitar. Polo demais, o encontro consistiu nunha chamada de atención sobre a necesidade de volcarse solidariamente con Irlanda coa fin de que na previsible próxima convocatoria dun novo referendum de ratificación do tratado este volva ser rexeitado. Os ponentes desta mañá (Cian Flanagan de Irlanda, Soren Sondergaard de Dinamarca, Jan-Erik Gustaffson de Suecia e a propia Susan George) tíñano claro, máis tratado de Lisboa é máis neoliberalismo e é menos democracia. O non irlandés, como antes o non de Holanda e Francia á constitución europea, foi un pau nunha roda que non quere cesar de rodar. "En Lituania -comentou un activista danés- regalaban tubos de pasta de dentes e cervexa a quen fose votar". E Susan George -co ton de quen está desbrozando un camiño aínda non explorado- deixou unha sospeita no aire: "Proximamente Croacia ingresará na UE. Para que llo permitan terá que aprobar primeiro o tratado de Lisboa. Á súa vez Irlanda terá que dar o visto bo á entrada de Croacia. E ben, xa sabedes, é lóxica pura, se Irlanda aproba a entrada de Croacia, está aceptando tamén o tratado de Lisboa. Non vos fiedes desta xente. Son capaces de calquera cousa para se sairen coa súa".
A comida, como en xeral todo en Suecia, non é barata; malia todo, penso que para os nacionais deste país (aquí 1400 euros se considera un salario mediocre para o traballo non cualificado) a relación entre o soldo e os prezos é moito menos abusiva da que padecemos nós. Sexa como for, a fame apreta. Parece necesario, polo tanto, facer un alto no camiño antes de dirixirnos ao seminario no que participará Xosé Manuel Beiras, na área de Sofielund.
No seminario "O dereito á autodeterminación. Unha nova Europa baseada nos dereitos dos pobos" non había demasiada xente pero o mero feito de estar alí xa era importante. Se o catalán Quim Arrufet fixo unha análise histórica por unha Europa cada vez máis afastada da súa verdadeira realidade cívica e nacional, o columnista de Gara, Iñaki Soto, explicou -partindo dun estudo feito por el mesmo e publicado en forma de libro- as distintas liñas teóricas existentes en torno ao concepto de autodeterminación e deixou unha reflexión que cómpre ter en conta nestes tempos nos que calquera lobby de empresarios como os de Santa Cruz en Bolivia ou os señoritos da Padania bota man deste dereito con fins espúreos: "Estar a favor de asumir o dereito de autodeterminación como un dereito fundamental non implica estar a favor sempre e en todos os casos da secesión -e continuou- o único documento que si recoñece o dereito á secesión é, curiosamente, o acordo de unión dos paises europeos (os mesmos que negan ese dereito ás nacións sen estado) onde cada un deles se reserva o dereito a secesionarse da comunidade se así o estima oportuno".
No que toca a Beiras, do que hai que dicir que cando foi presentado por Arrufet como deputado galego en Madrid contestou con axilidade; "A Madrid, unicamente como embaixador", percorreu a historia da nación galega desde os alicerces máis afastados ata os movementos progresistas da modernidade para demostrar que, pola nosa condición de país cunha estructura económica periférica e en boa medida colonizada, o nacionalismo sempre foi da man das mesmas ideas emancipadoras que hoxe guían a esta incipiente esquerda global.
Canda as tres nacións do estado español, o xornalista e ponente polo foro social húngaro Endre Simó fixo fincapé na necesidade de acabar coa incomprensión por parte do movemento altermundialista do feito nacional. A experiencia húngara tras unha serie de loitas en contra da privatización do sector público a mans de empresas foráneas demostra que o sentimento nacional, desvestido do seu compoñente chauvinista ou discriminatorio, si pode ser unha ferramenta útil para aglutinar e avanzar na defensa das conquistas sociais.
Debido á súa situación xeográfica o sol sae ben cedo en Suecia. Da mañá ao serán o exceso de estímulos para os sentidos fan que, chegada a quietude da noite, encenda o portatil e me poña a ordenar o barullo de anotacións que recollo durante o día coa sensación de estar a rememorar cousas acontecidas moito tempo máis atrás. Só despexar un pouco a cabeza, sintetizar e conseguir pechar con éxito cada parágrafo, me permite ter novamente unha visión clara do que me rodea.
Confucio describía á persoa exemplar como "aquel que segue a intentalo aínda que sabe que é en van", no Foro Social Europeo de Malmö hai unha chea de persoas exemplares que se o seguen intentando é precisamente para que ningún sufrimento, ningunha explotación, ningunha discriminación, volva ser banal.

9/10/2008

Daniel Day-Lewis, os tiburóns e as ratas

Interpretada polo soberbio Daniel Day-Lewis, e tamén co tema da xénese violenta da sociedade americana, recordo Gangs of New York (Martin Scorsese, 2002), unha historia ambientada na segunda metade do século XIX onde asistimos á cruel, racista e explosiva forxa da cidade neoiorquina. E pensei nela porque hai un par de días vin There will be blood (2007), a película de Paul Thomas Anderson na que o actor antes mecionado encarna a Daniel Plainview: o exemplo de self made man que pasará de picar pedra no fondo dun burato coas súas propias mans en 1898, a ser o dono de centos de pozos petrolíferos nas postrimerías dos anos vinte do século pasado; pero tamén o exemplo de como o éxito económico acostuma ser inversamente proporcional ao éxito emocional ou humano.
A edición española de Cahiers du cinema, nun artigo dedicado a esta película, desgrana tres puntos que, segundo eles, caracterizan a un bo número de directores americanos (von Stroheim, Welles, Huston, Altman, Pakula), en relación cos cales, Anderson mantén unha relación de filiación. Os puntos son: «1. Las raíces fundacionales de los grandes relatos trágicos sobre los orígenes del capitalismo americano; 2. La reflexión (…) sobre la ofuscación moral y el delirio paranoico que acompañan al “sueño americano” cuando éste sustituye a la realidad para imponer sus designios; 3. La relectura modernista de los viejos mitos del western para desvelar la cara oculta de la leyenda y el trasfondo trágico que acompaña el avance del progreso». Polo tanto, o filme de Anderson volve preocuparse, dun xeito maxistral, –como o leva facendo o cine americano desde The birth of a nation (Griffith 1915)– da violencia inherente ao nacemento dese país e do seu sistema económico.

En Un manifiesto anticapitalista (Crítica, 2003), Alex Callinicos non só facía un repaso do nacemento, xestación e diversidade ideolóxica do chamado movemento altermundialista, senón que tentaba contribuír ao mesmo coa súa propia visión netamente socialista e –como o título do libro indica– frontalmente anticapitalista.
Nun momento do libro cítase a outro autor –o escritor dunha historia ambiental, John McNeill– que segundo Callinicos distingue entre “dos estrategias evolutivas: la adaptabilidad a un medio cambiante, que es la estrategia adoptada, por ejemplo, por algunas especies de rata, y la «suprema adaptación al medio existente», que es la representada por los tiburones, que dependen de un suministro abundante de otras criaturas marinas que puedan cazar y comer”. Na extensa cita que Callinicos reproduce, McNeill exprésase como segue: “En el siglo XX, las sociedades a menudo siguieron la estrategia de los tiburones en medio de una ecología global cada vez más inestable y, por consiguiente, cada vez más adecuada para las ratas. (...) El clima ha cambiado poco durante los últimos 10.000 años, desde el fin de la última edad de hielo, pero en la actualidad está cambiando con rapidez. La energía barata es una característica propia de la edad de los combustibles fósiles, que se extiende, a grandes rasgos, desde 1820. El agua barata, para los que disfrutan de ella, se remonta al siglo XIX con la excepción de algunas localidades favorecidas. Las rápidas tasas de crecimiento poblacional datan de mediados del siglo XVIII, y el crecimiento económico rápido de, aproximadamente, 1870. Considerar estas circunstancias duraderas y normales y depender de que se mantengan es un interesante juego de azar.” Para esclarecer as causas destes cambios, McNeill distingue varios «grupos sociotecnológios», aos que considera «combinaciones de innovaciones técnicas, organizativas y sociales simultáneas». Así, tras describir os primeiros grupos industriales como aqueles construídos arredor das fábricas téxtiles impulsadas por auga e vapor, Mc Neill decide denominar «grupo cocktown» (en honor ao Cocktown de Dickens) ao “grupo dominante que se formó –na segunda metade do século XIX– alrededor del carbón, el hierro, el acero y los ferrocarriles”; e «grupo motown» (en honor a Detroit) ao grupo caracterizado por: «cadenas de montaje, petróleo, electricidad, aviones y automóviles» que, arricando no 1920, chegaría ata 1990. Se Gangs of new york está ambientada en plena expansión do «grupo cocktown» polos Estados Unidos, There will be blood, describiría os primeiros pasos do que acabaría conformando o «grupo motown». Tanto nunha película coma na outra os seus protagonistas encarnan á perfección ao tiburón do que falaba McNeill: seres fortes que se moven ás súas anchas nun tempo de oportunidades ilimitadas. Para topar no cine –e á espera de que Daniel Day-Lewis nos dea outra solución– a mellor representación da rata capaz de sobrevivir ao colapso da “economía motown”, probablemente haxa que recorrer a aquel Mad max (George Miller, 1979) protagonizado por Mel Gibson –o da rata probablemente non lle vaia mal á súa personalidade– e rodada, non por casualidade, coa crise do petroleo de mediados dos setenta ben presente.
Pero, posto que Mc Neill “especula que quizá haya surgido un nuevo grupo industrial en la década de 1990, centrado posiblemente en la ingeniería genética y la tecnología de la información” (aínda moi mesturado neste 2008 co «grupo motown») quizais debamos concluír, como por exemplo o fai Slavoj Zizek que, se cadra, a mellor representación cinematográfica dese modelo xenético-informacional do tardo-capitalismo, é, polo de agora, Matrix (Larry e Andy Wachowski, 1999). A saga na que os seres humanos viven a un mesmo tempo nunha realidade virtual ilimitada na que interactúan como lles prace, pero tamén no «desierto de lo real», onde non son máis que simples masas de carne inmóbiles –algo bastante peor que as ratas– enchufadas a unha máquina.
Mc Neill, se cadra porque pensaba que a situación aínda era reversible, non deu un nome rematado en town a esta nova etapa. Eu, máis por falta de enxeño que por optimismo, tampouco llo darei.