7/20/2008

Outra empresa é posible?

Leo en Conceptos para pensar el siglo XXI, Catarata (2008), libro coordinado por dous profesores da universidade de Zaragoza no que se fai un repaso a múltiples temas claves para entendermos a realidade que vivimos –cidadanía, modelo de democracia, igualdade e diferenza, o papel da “cousa” pública, hexemonía e cosmopolitismo...–, o capítulo Otra empresa es posible: teología accionarial versus responsabilidad ciudadana. Nel, José Miguel Rodríguez Fernández, profesor da facultade de Ciencias económicas e empresariais da universidade de Valladolid, parte, para introducirnos no tema, do que se di en dous libros:
No primeiro deles, Hacia una teología de la corporación (Michael Novak, 1981), este profesor e teólogo católico sostén que a empresa capitalista é unha «gran encarnación desdeñada da presenza de Deus neste mundo» decisiva para alcanzar o benestar colectivo. O traballo de Novak sumaba os seus esforzos aos daqueles que desde os anos setenta procuraban a desregulación económica, a preponderancia do mercado e o recorte de impostos; evidenciando así, di José Miguel Rodríguez, «el mutuo apoyo entre neoliberales conservadores y ciertos movimientos cristianos fundamentalistas». Alianza que, sen dúbida, tivo moita prédica entre os bispos españois.
O outro dos libros aludidos é La corporación: la búsqueda patológica de lucro y poder (Joel Bakan, 2004) no que o autor, profesor de dereito canadense, utilizando as pautas de análise da personalidade propostas pola Organización Mundial da Saúde, apuntaba –en palabras de José Miguel Rodríguez– que «una corporación reúne todos los rasgos característicos de un psicópata: indiferencia insensible ante los sentimientos de los demás; incapacidad para mantener relaciones duraderas; desinterés imprudente hacia la seguridad de los otros; pautas de conducta nada dignas de confianza; ausencia de sentido de la culpabilidad; y falta de cumplimiento de las normas sociales en relación con los comportamientos legales».
Esbozadas desta maneira as dúas formas de ver a empresa e as consecuencias das decisións que esta toma, José Miguel Rodríguez, traza un percorrido de como estas dúas visións foron evoluíndo desde o século XIX até desembocaren, nos nosos días, en dous grandes modelos económicos. O primeiro deles –o modelo financeiro– sacraliza a «orde espontánea» teorizada polos teólogos españois da Escola de Salamanca, no século XVI, e cre –e neste sentido este modelo é máis unha cuestión de fe que outra cousa– na «man invisible» que segundo Adam Smith guiaba os comportamentos do mercado. O outro modelo parte de que tanto o mercado como a propiedade privada non só non constitúen entidades naturais –serían polo tanto construccións sociais– senón que nin sequera teñen por que ser as máis eficientes economicamente. John Maynard Keynes personificaría o grande referente para esta corrente que considera, na interpretación de José Miguel Fernández, a empresa stakeholder (empresa incardinada socialmente que busca a cooperación e o ben común) non como unha instancia abstracta «sino una institución social con personalidad jurídica propia –independientemente de sus partícipes–, con derechos y obligaciones en cuanto tal, como ciudadana, al igual que las personas físicas».
En primeiro lugar nos Estados Unidos, onde a raíz da crise hipotecaria, vimos como no berce mesmo do neoliberalismo o estado inxectaba cartos públicos para salvar da quebra a máis dun banco, e agora tamén aquí, coa crise de Martinsa-Fadesa (probable punta do iceberg do estourido da burbulla inmobiliaria), onde se volveron oír voces clamando pola intervención pública urxente –coa conseguinte reacción de Touriño advertindo de que a administración autonómica non sería un hospital para empresas doentes, ou a máis recente de Teresa Táboas asegurando que a Xunta non compraría só terreos de Fadesa–, semella que toda unha maneira de entender a economía como sistema especulativo tendente a divorciar o capital do traballo, fai auga. Neste contexto, o nacionalismo galego –que desde Otero Pedrayo teima en atopar na burguesía aborixe un Adrián Solovio comprometido co país e as súas xentes– fai intentos, sobre todo desde a Consellería de Industria que agora dirixe, de involucrar o empresariado autóctono en inversións en proxectos caracterizados por unha forte presenza pública que pulen polo desenvolvemento autocentrado da nosa terra. Así, o interese mostrado desde o BNG na conformación dunha candidatura galega ao concurso eólico que se haberá resolver en outubro, as recentes declaracións de Quintana asegurando que algún grupo económico do país optará ao paquete de accións de Fenosa posto en venda por ACS ou, –aínda que non pase dun xesto anecdótico impulsado desde competencias socialistas– o feito de que Barreras se comprometese a facer do galego a súa lingua preferente; indican que, malia os múltiples atrancos (o conselleiro de Medio Ambiente dixo preferir non crear novos parques eólicos aliñándose cos intereses das empresas foráneas que xa agora operan en Galiza; o anterior intento de compra de Fenosa saldouse co fracaso do grupo de Jacinto Rey, Ortega e Caixanova fronte a ACS) por primeira vez na nosa historia, podería agromar un poder económico galego cuxos intereses coincidisen cun pensamento político non centralista.
Para José Miguel Rodríguez na loita dos «Hayek, Friedman o Jensen frente a los Samuelson, Galbraith o Stiglitz» resúmense as dúas grandes formas de entender a economía de empresa. Que as operacións económicas auspiciadas desde o lado nacionalista do goberno galego –sendo conscientes de que desde hai tempo o BNG non fai máis ca política puramente socialdemócrata– acaben producindo conglomerados económicos máis próximos a unha ou a outra doutrina será cuestión de tempo. Sen entrar agora na cuestión de si a segunda é compatible cun sistema onde os cartos acaban, unha e outra vez, desmontando o que a política constrúe, e sen ter moi claro que este achegamento do capital ao poder político non sexa máis que parte dunha estratexia conxuntural, está claro que sempre será máis desexable o triunfo dun capitalismo de rostro humano que o da cruel maquinaria neoliberal; porque ao fin e ao cabo, como di José Miguel Rodríguez, «entre unos y otros late no sólo un diferente modelo de economía, sino también de sociedad».

Sem comentários: