7/06/2008

Manifesto

Os formalistas rusos, practicamente os fundadores da crítica literaria do século XX, acuñaron un concepto –o de «desautomatización»– co que pretendían, segundo leo nun manual de historia da crítica literaria, «definir unha ruptura intencionada do previsible en aras dunha intencionalidade estética». Victor Shklovski, unha das súas figuras máis senlleiras explicábao como segue: «Se examinamos as leis da percepción vemos que unha vez que as accións chegan a ser habituais se transforman en automáticas», por iso, continuaba Shlovski, «a finalidade da arte é dar unha sensación do obxecto como visión e non como recoñecemento», meta para a cal é necesario empregar o que os formalistas chamaban «mecanismos desautomatizadores» que causen no lector o ansiado efecto de «estrañamento».
O nacionalismo español, desde hai xa un tempo, anda tamén enleado nun destes procesos de «estrañamento». Fuxindo, ben que lentamente, da rémora que supuña o franquismo, reformula a súa mensaxe política buscando desesperadamente, por unha banda, alicerces ideolóxicos máis antigos (máis facilmente manipulables), e, pola outra, sacando petróleo de calquera fenómeno conxuntural (véxase a Eurocopa) que se lles poña por diante. Nas celebracións que a Comunidade de Madrid preparou este ano para conmemorar o 2 de maio, viuse claramente por onde irían os tiros de agora en diante: moito antes –esta sería máis ou menos a tese– de que a ditadura metese con calzador a españolidade, xa había españois, no pobo baixo, dispostos a loitar heroicamente e a dar a vida pola súa patria. Dándolle maior relevancia a este período histórico o nacionalismo español pretende varios cometidos: dignificar a súa ideoloxía facéndoa emanar directamente do pobo baixo, entroncar a súa ideoloxía coas correntes liberais e ilustradas do século XIX e darlle, ao que sempre se asociara con asoballamento e autoritarismo, un verniz democrático e igualitarista desde o momento en que se santifica a Constitución de 1812.
É de todo este cambio teórico previo desde onde debemos analizar a aparición do chamado Manifesto por la lengua común. Entre os que o impulsaron ou se adheriron encóntranse persoas (interesadamente) asociadas coa esquerda, intelectuais, empresarios, deportistas, xente anónima. En definitiva, unha mostra que se busca plural no que atinxe á composición social para resaltar así a vocación nacional da súa proclama. Como idea vertebradora do escrito destaca, por riba de calquera outra cousa, a asunción dun dos principios liberais por antonomasia: a superioridade dos dereitos do individuo fronte aos dereitos colectivos. Así, se un grupo de cidadáns a título individual (un colectivo, en fin) decide –e pode, posto que é numericamente superior– cambiar o marco de dereitos vixente, os poderes públicos teñen a obriga de obedecer. É por iso que se fala, no manifesto, da «felonía» (sic) que suporía seguir a aplicar hoxe en día o artigo III, apartado 3, da constitución española onde se di que «as distintas modalidades lingüísticas de España son un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.»
As eivas do novo discurso nacionalista español son varias: a guerra da independencia, lonxe de supoñer a emerxencia dunha nación española orgánica e universalmente aceptada, dividiu a sociedade en patriotas e afrancesados. A restauración do absolutista Fernando VII, despois da guerra, supuxo a volta da mesma dinastía (estes novos liberais non só non critican os Borbóns contemporáneos, senón que utilizan no seu favor o factor de cohesión que representa a familia real) que actualmente rexe no Estado español. O réxime saído da guerra tamén supuxo un reforzamento da Igrexa Católica –os que, paradoxalmente, difunden agora nos seus medios, con máis entusiasmo ca ninguén, esta nova fe liberal. E, por último, desta división no seo da sociedade española entre unha tradición absolutista e outra liberal, sería a liberal, polo menos no caso galego, a que propiciaría o (re)xurdimento dun discurso tendente a articular politicamente os dereitos de Galiza e empeñado en afondar na dignificación da súa identidade cultural.
Aínda que Vladimir Propp non poida ser considerado un formalista ruso, desenvolveu a súa actividade crítica paralelamente aos formalistas. A súa maior achega á teoría da crítica literaria foi a obra Morfoloxía do conto (1928) na que descubriu como, nun conxunto amplo de contos marabillosos rusos, había unha serie de «motivos» e «funcións» que se repetían unha e outra vez. «Propp –leo no meu manual– reduciu a 31 funcións todas as alternativas posibles de accións que podían desempeñar as personaxes nos contos marabillosos. A aparente multiplicidade de historias queda así reducida a un número limitado.» Hai, entre os asinantes do Manifiesto por la lengua común, solventes literatos –poñamos por caso: Vargas Llosa, Álvaro Pombo ou Albert Boadella– que, tamén desta volta, nos quixeron contar un conto marabilloso. Un conto tan marabilloso coma sinistro. Un conto con aire de novidade na superficie pero un conto, a fin de contas, con máis do mesmo –que diría Propp– no seu fondo.

1 comentário:

miriño disse...

Para completalo habería que por os outros dous manifestos que se están a mover por aí. Imos de cabeza á guerra de manifestos...

http://www.publico.es/espana/135707/lenguas/comunes

http://www.aelg.org/GetNewnessById.do?id=66