1/31/2008

O mar de xiz

Moi frecuentemente, tanto se falamos con coñecidos ou cando reflexionamos en voz baixa, chegamos á frustrante conclusión de que resulta moi difícil actuar de xeito efectivo para mudar o estado de cousas actual. No noso día a día, inmersos como estamos na rutina diaria, indo do supermercado ao banco e de aquí aos nosos postos de traballo, semella que todo esté disposto para que non teñamos tempo nin para plantexarnos alternativas. Ao fío disto, estou a lembrar unha anécdota divertida que lin no libro Correr tras el propio sombrero (y otros ensayos). Trátase dun relato no que G.K. Chesterton fala dunha pequena excursión realizada polo condado de Sussex, sur de Inglaterra, portando un anaco de papel de estraza e a súa colección de xices, coa intención de facer algúns debuxos. Tras explicarnos a súa predilección por este papel –máis empregado coma evoltorio que coma lenzo– e as súas bondades coma soporte para traballos artísticos, comunícanos o pesar que sentiu ao caer na conta de que esquecera na casa os xices de cor branca; porque no papel de estraza, recórdanos, a branca tamén é unha cor. A seguir, o retranqueiro inglés, infórmanos de como a procura do xiz en cuestión resultou infructuosa, e de como, o deshabitado do lugar, convertía nunha parvada a pretensión de atopar a alguén disposto a prestarlle ou venderlle o material precisado. Finalmente, estourando nunha gargallada, Chesterton desvélanos a solución: era de todo ridículo laiarse por non ter xiz branco a man nunha terra onde, como todo o mundo sabe polas coñecidas fotografías dos seus brancos acantilados, o chan enteiro está feito precisamente diso, de xiz branco.
Ven a conto isto, porque pensei que en certa forma, tamén nós padecemos esta especie parálise momentánea, que nos impide decatarnos de que para mudar as cousas non necesitamos acometer grandes heroicidades, nin esperar por fórmulas máxicas ou receitas infalibles, senón que é aí, no noso traxecto entre o supermercado, o banco e o traballo, onde temos a capacidade de actuar. Estamos rodeados de campos de acción, nos que podemos decidir que consumir ou non consumir, podemos decidir se tratamos ao inmigrante coma un igual ou coma un apestado, podemos decidir a quen confiamos os nosos cartos, podemos decidir se nos solidarizamos co folguista, podemos decidir a que centro de ensinanza enviamos os nosos fillos e fillas e con que valores os educamos, podemos decidir que lingua empregamos, podemos decidir que solución damos ao lixo que xeramos, podemos decidir que medios de transporte utilizamos… Evidentemente, do que se trata non é de organizar unha competición para ver quén é máis coherente, pero sí, de ser conscientes de que hai moitas máis maneiras para actuar políticamente que ir votar cada catro anos.
O pasado sábado asistín en Compostela á asemblea convocada por varias organizacións para explorar a posibilidade de constituír un Foro Social Galego. Á xuntanza acudiron un bo feixe de colectivos e máis de xente que, coma min, iamos a título individual. Tras un par de rondas de intervención, constatouse a boa predisposición dos asistentes a levar a cabo este estimulante proxecto, e, aínda que a do sábado foi só unha primeira toma de contacto, os folios nos que se acordou apuntar aos interesados en colaborar, inzáronse de nomes, teléfonos e direccións de email.
Entre todas as palabras pronunciadas, houbo dúas que se repetiron en varias ocasións, como se invocándoas unha e outra vez estivesemos a esconxurar algún meigallo. O Foro debía centrarse en: “accións concretas”, é dicir, o Foro debía constituírse para incidir en cuestións tanxíbeis e non como escenario de discusións bizantinas onde a retórica rimbombante contribuíse a esquilmar as enerxías, a multiplicar o pesimismo e a avivar a nosa cegueira, aquela mesma cegueira que impediu, nun condado do sur de Inglaterra, que o señor Chesterton se decatase de que era nun mar de xiz, que estaba sentado.

1 comentário:

miriño disse...

Amigo fuco. Ultimamente non hai tempo para botarlles unhas palabriñas.

Mar de xiz... É posible que ande este mar nalgunha curiosidade... :p


Na procura textos teatrais din cunha editorial que moi ben pode servirche a ti tamén. E non é outra que Laiovento... Xa contarás... (aínda que xa imaxino...)