10/08/2007

Os iconoclastas

O consensuado foi que rechamaba. Algo destacaba na cima do outeiro. A construcción consistía nun trapecio hermético, branco, perfecto e brillante, onde milleiros de obxectos infectados descansaban dende séculos. Xuntáronse e decidiron que para eliminar a radiación, o máis pertinente sería baleirar o lugar. Trituraron primeiro as esculturas e despois os cadros. A continuación, desfixéronse dos refugallos. Niguén foi consciente, ata rematar, de que cada pedestal levantado do chan e cada marco descolgado da parede, deixaran impreso na pintura e nas baldosas, o seu propio reflexo en forma de silueta excrementicia: Serigrafías de humidade e tempo.
Como este conxunto de inexplicable atractivo tamén rezumaba contaminación, decidiron que sería preciso colorear todo o interior cunha "pintura neutra" carente de "capacidade de estímulo". Non funcinonou. O problema semellaba residir no propio edificio: a súa excesiva peculiaridade provocaba o dano.
Un propuxo demoler as catro paredes, por ver se "caído o templo, caía o Deus". Despois de debatilo durante un anaco, pensaron que por moito que desmontasen as paredes, a radiación habería de persistir no "espazo imaxinario interior" que as mesmas delimitaban, e que, poderían correr o risco de desencadear unha "contaminación do espazo exterior". Cavilaron durante algúns días máis, até dar co xeito de "xestionar" o lugar viciado. Finalmente, executaron.
Servíndose de mangueiras, encheron o recinto completamente. Con enormes canóns de aire frío, procederon ao conxelamento da auga. A finalidade era obter un cubiño de xeo xigante -"algo material"- coa forma da instalación. As paredes, o teito e o chan, foron derrubados unha vez rematadas as operacións.
Feito todo isto, decidiron contratar a varios canteiros. O bloque de xeo foi esculpido co obxectivo de xerar o enunciado seguinte: "Aquí xa non existe radiación". Segundo o previsto, a aseveración conxelada foi exposta aos elementos. Día tras día, verificaron como se derretía o "aquí" o "xa" o "non". Cando non quedou nada por derreter, volveu o desacougo. Sen que ninguén poidese explicalo, a radiación permanecía.
A sensación predominante era de parálise.
Alguén, perdendo a paciencia, esixiu esnaquizar o monte todo, pois esta parecía ser a verdadeira "fonte do mal". Os demáis apoiaron a decisión e, en poucos días, reuniron dúcias de pás excavadoras, camións con volquetes e tractores. Removeron toneladas e toneladas de terra, até que conseguiron transformar o que fora unha ondulación do terreo, nunha chaira inhóspita.
Expresaron diversas variantes de xúbilo, abrazándose os uns aos outros. Mesmo fumaron xarutos. A radiación, por fin, tivera a ben desaparecer. Deixáraos en paz.
A ledicia foi breve. Ao día seguinte, un deles regresou alarmado. Reunidos na periferia, comprenderon o inútil dos seus esforzos: Toda a terra removida apilárase noutro lugar, producindo unha copia exacta ao monte orixinal. Xurdira tamén un espazo interior imaxinario. O espazo, á súa vez, fora recuberto por un teito, un chan e paredes brancas. Nas paredes e no chan, a humidade e o tempo crearan debuxos con forma de marcos e pedestais. E enriba deles, descansaban inertes, milleiros de cadros e de esculturas.
Por suposto, antes de alcanzar a ver todo isto, o que primeiro percibiron foi a radiación.
Seguía alí.
Non desfaleceron. O proceso encamiñado á desaparición da radiación foi repetido unha e outra vez. Remataban cun outeiro entre apertas e non tardaban en se laiaren ao atopar sempre un pouco máis alá outro exactamente igual. Teimudos, insistiron na estratexia. Chegado un momento, algo sucedeu, ou mellor dito, algo non sucedeu. Por máis que o procuraron, non puideron atopar a copia do monte orixinal.
Esta vez parecía que si. O lugar que ocupaba a radiación fóra destruido para sempre. O obxectivo semellaba ter sido acadado.
Ordenaron celebrar o acontecemento brindando. En roda, levantaron as súas copas. Un dixo algunhas palabras conmemorativas, outro, unha broma que rompeu a solemnidade, o máis observador, anunciou o inesperado: as chisteiras de todos os participantes na reunión, estaban a rezumar, parecía evidente que se contaminaran durante os traballos.
Tras un silencio deliberativo, un de mirada intuitiva, pensou en voz alta: "Non nos contaminamos. A nosa propia acción foi a que se converteu en xeradora de radiación".
Todos coincidiron en sinalar o certeiro daquelas palabras. A derrota foi asumida sen demora. O preciso, xa que logo, sería anuncialo. Ser escrupulosos: Eles xa non eran os iconoclastas. Eles ocupaban agora o lugar. Eles eran, agora, o obxectivo: O sagrado.
Recomendáronse cautela.
Os iconoclastas… non haberían tardar moito en chegar.

Sem comentários: