7/13/2007

Updike, López, Estes.



Veño de rematar a lectura de Terrorista, a novela de John Updike, editada por Xerais e estupendamente traducida ao galego por Lara Domínguez Araújo. Deixando aparte o evidente afán comercial por parte do autor á hora de escoller o título e o tema: a historia de Ahmad, adolescente árabe-americano que cre encontrar no Islam a resposta ás súas carencias afectivas, familiares e sociais, e que se enrola como home-bomba (a alternativa que lles queda aos desfarrapados para seren protagonistas de algo) na preparación dun atentado no primeiro aniversario do 11-S; a novela é un fresco bastante detallado da sociedade estadounidense (occidental dirían algúns) contemporánea: a segregación racial e o clasismo que ésta implica, o consumismo desenfreado, a frivolidade rampante, o pesimismo cínico, a desestructurante incomunicación xeralizada, etc.
Escoito, no Diario Cultural da Radio Galega, unha conversa coa traductora, na que entrevistadora e entrevistada destacan os repentinos momentos de lirismo que brillan no minucioso realismo de Updike, e isto faime pensar nos cadros de Antonio López (o pintor hiperrealista que nos mostrou naquela marabillosa película de Víctor Erice El sol del membrillo, cómo de cambiante, fugaz e esquiva á hora de reproducir, é iso que chamamos realidade) e faime pensar nel porque algúns dos cadros deste pintor manchego, sempre me pareceron impregnados de tristeza malia representar lugares ou obxectos cotidianos –e en principio sentimentalmente neutros- cunha fidelidade absoluta.
Volvendo á novela, e para exemplificar un destes momentos nos que é perceptible a aparición do lírico no real, eu destacaría –tentando non estragar aos posibles lectores o disfrute da mesma- o instante case que de resurrección en que o Sr Levy e máis Ahmad saen co camión da escuridade do túnel e se lles aparecen coma nunha visión máxica os rañaceos acristalados de aspecto fráxil de Nova York. Levy glosará a milagre cun lacónico pero orgulloso:
Moi ben meu amigo. Benvido á Gran Mazá.
Seguindo co hiperrealismo pictórico, leo por azar -nun suplemento dominical- o nome de John Updike contextualizando, tanto por motivos xeracionais (ambos naceron en 1932) coma estilísticos, a obra doutro hiperrealista acostumado a pintar Nova York: Richard Estes. A especialidade deste outro representador do mundo, que está sendo exposto no Thyssen madrileño, é pintar o que hai de menos real en todo o que os nosos ollos poden ver: Os reflexos – reflexos na carrocería dos coches, nos edificios, nos escaparates, nas cabinas telefónicas, na auga- reflexos que fragmentan, invirten e duplican a realidade, pero que tamén poderían ser vistos coma unha irrupción do intanxible no material, ou coma outra forma de lirismo a partir do obxecto físico real.
E é así que, deixándome levar polas metáforas a partir do cotidiano de Updike, polos melancólicos cuartos de baño de Antonio López, e máis polos enganosos reflexos de Estes, me pregunto: Sería posible unha reproducción da realidade sen este compoñente lírico? Unha reproducción verdadeiramente aséptica, crúa e inexpresiva, unha representación do mundo sen significación engadida?

O máis probable, é que o propio Antonio López respostara negativamente, pois como lin que sentenciou nunha ocasión: El arte es siempre la expresión del misterio del mundo.

3 comentários:

miriño disse...

Imposible. Iso que estás a pedir xa é a propia realidade. Ou sexa, sería a realidade como propia expresión da realidade.

Outro libro máis para a mesiña de noite. Ao final acabarei con máis libros na mesiña de noite que en todas as estanterías da casa.

Ganáchesme definitivamente coa mención de 'El sol del membrillo'. Imos ter que ser amigos aínda que non queiramos... :p

O Fuco disse...

Entón o realismo como corrente artística non existe.

miriño disse...

Existe, claro que existe... precisamente como corrente artística. Ou sexa, é arte, e polo tanto ten significación engadida, ten expresión, ten punto de vista...

O que non existe é a expresión da realidade sen nada máis... No momento no que se pon unha obxetividade, deixa de existir a expresión aséptica, crúa...