4/17/2021

Crime e banalidade


 


    Manuel Veiga asina en As mellores tendas de Madrid (Xerais, 2021) un fresco social do Vigo do estourido da burbulla inmobiliaria de 2008; da liquidación de Caixanova e da defenestración de Fernández Gayoso, o seu principal directivo; do esboroamento reputacional de Pescanova e do seu presidente, Fernández de Sousa; da corrupción rampante nas familias ben que xa fixeran a súa acumulación orixinaria co estraperlo consentido no franquismo; e da cultura do pelotazo como sentido común imperante tamén nos pequenos aforradores das Preferentes. Trátase do testemuño da decadencia dunha cidade, en tempos de refluxo da lámpada marabillosa que semellaba ser a financiarización neoliberal, a través dunha parella de clase media, cultural e aspiracionalmente estándar, cuxa quebra sentimental coincide coa quebra económica xeral. 


    A voz narradora, con alma tanto de sociólogo coma de bufón, aplica o seu afiado escalpelo sobre a provinciana fauna local retratándoa a través seudónimos tan transparentes coma El Sol que más calienta —trasunto do famoso diario decano da prensa nacional—, ou Leopoldo Escudero —o alcalde populista con raíces castelanizadas nos Escudeiro de Ponteareas que, «cando sente que a súa posición se encontra débil, deseguida recorre, como argumento de autoridade, ao feito de ser catedrático e ao de ter dado clase nos Estados Unidos».
 

    A nivel formal cabe resaltar dous aspectos da novela. Por unha banda, a omnipresenza dun materialismo banal en forma de abundantes e detalladas descricións de todo tipo de cousas, adoito acompañadas do seu valor de cambio en euros. O fetichismo da mercadoría inunda a novela ata o punto de, practicamente, conformar a personalidade dos personaxes. Aspecto que aparece teorizado, con aire bourdieano, nunha das achegas que o narrador fai á parella protagonista:
 

    «No mundo de Mónica e Fredy ese chamado toque de distinción materialízase na posesión dunha xoia ou calquera obxecto de marca. Nada moi orixinal. As marcas evitan a necesidade de pensar, a necesidade de ser elegante dun modo persoal, algo para o que se necesita certa competencia propia, o que habitualmente se chama bo gusto.»
 

    Por outra banda, no que ten que ver coa realidade lingüística da Galicia urbana, o autor recrea os diálogos dos seus personaxes en lingua galega pero sen deixar de alertar, discretamente, de que o castelán é a lingua predominante e, polo tanto, a máis verosímil nos estratos sociais que describe. Esta sorte de pacto ao descuberto co lectorado dota á novela dun plus de credibilidade no que respecta ao seu realismo.
 

    O corazón xornalístico de Veiga consegue aunar, en As mellores tendas de Madrid, a perspectiva aceda do Tom Wolfe d´A fogueira das vanidades coa visión analítica do Truman Capote de A sangue frío para ofrecernos unha radiografía precisa da clase media Wannabe e do seu principal crime (velaí o auténtico noir vigués): a liquidación daquel fósil do capitalismo keynesiano que eran as caixas de aforro apegadas ao territorio.


Sem comentários: