Aos republicáns
hespañoes é preciso convencelos de que n-unha República unitaria,
o lema Liberté, Egalité,
Fraternité apenas sirve máis que para ser colocado
na porta d-un cimeterio.
Alfoso
Daniel R. Castelao
Hai tempo que o nacionalismo español
está de volta, se é que algunha vez marchou. A agudización das
contradicións provocada polo eterno problema sen solución que é
Cataluña (Ortega y Gasset dixit), fan reemerxer o espectro do
españolismo, que volve campar de xeito transversal, a dereita e a
esquerda, coa súa faciana máis fea; ao tempo que as costuras do
Réxime do 78 -ese endemismo español que é a democracia sen
antifascismo- rachan por toda parte (ou se cadra por iso).
Na estrema dereita, asistimos á saída
do armario de aguiluchos e señores con brazo en alto, con
pretensión de seren gañados por nada menos que tres opcións
políticas en liza (C´s, o PP de Casado e Vox); no socioliberalismo,
vemos ao PSOE de Borrell (fichaxe de Pedro Sánchez que cómpre
interpretar no marco do tema catalán) laudatorio co enésimo intento
de branquear o pasado opresivo e xenocida do imperio español: o
mediático libro de Roca Barea sobre a "lenda negra"; nos
discípulos alucinados de Gustavo Bueno, a tentativa de botar a cana
de pescar, con argumentos semellantes aos de Roca Barea, no río
revolto da esquerda española á esquerda do PSOE, soñando uns
-véxase o inefable Pedro Ínsua-, cunha España que faga no século
XXI o que Francia fixo no século XVIII, como se a Historia fose unha
teleoloxía e coma se os feitos nacionais "periféricos"
que existen no Estado español aínda se tratasen de fenómenos
premodernos propios de sociedades agrarias ágrafas e non coetaneos e
partícipes da era de Internet; ademais de pretenderen que o fracaso
de non acadar a arelada uniformización a través dunha ditadura
feroz de 40 anos non resultase suficiente mostra do que sería
necesario para levar a cabo esa fantasía. Outros -véxase o non
menos inefable Santiago Armesilla- cunha mestura de nostalxia polo
imperio español perdido e a pretensión de incorporar esa historia,
vía comparación coa Unión Soviética, á teoría dos grandes
espazos de Alexandr Duguin, que en España tanto gustan ao podemita e
ex Alianza Popular, Verstrynge.
Nas proximidades de todo isto, e nas
inmediacións dese peronismo que é o errejonismo (sen dúbida á
espreita de tomar a casa podemita cando a parella de Galapagar se
retire vía fracaso electoral), a nova tentativa -véxase Clara
Ramas- de explotar un nacionalismo español de esquerdas, tamén na
onda terceirista, que substitúa o legado de Marx por unha concepción
do Estado como ente total, ao xeito de certa vulgarización dun Hegel
pro-prusiano, que tivo especial continuidade na estrema dereita alemá
de entreguerras: Jünger, Schmitt etc.
En paralelo, e xa na propia Cataluña,
personaxes como Francisco Frutos & cia, e a súa enésima
tentativa de poñer a andar alá unha esquerda españolista "non
nacionalista", compiten/colaboran en neolerrouxismo coas outras
opcións do españolismo de estrema dereita xa mencionadas para levar
o gato á auga do voto do antigo cinto vermello do PSUC, vítima do
esfarelamento do movemento obreiro.
Este rearme transversal do
neoespañolismo (todos rigorosamente "non nacionalistas",
obviamente), convive, en Galiza, cun mundo das mareas que, coma os
debuxos animados que seguen a camiñar nos barrancos cando xa non hai
chan debaixo deles, continúa apelando ao Castelao da Fronte Popular
sen máis argumentos que as meras imposturas intelectuais. Un
Castelao recuperado no seu momento por Beiras cos obxectivos
claramente explicitados da ruptura coa segunda restauración
borbónica e da autodeterminación das nacións do Estado naquel
pacto de Mazarelos que, ata o de agora, e salvo que consideremos a
pura supervivencia nas institucións unha teoría, é a única
teorización digna de tal nome da liña política que segue ese
mundo. Un pacto de Mazarelos, por certo, que, á vista dos
acontecementos, podemos xa considerar semellante a aquel Pacto de
Lestrove asinado en 1930 por nacionalistas e republicanos galegos
antes da creación da Fronte Popular, e que tamén fora traizoado
polos asinantes dos partidos con base en Madrid, especialmente,
segundo o rianxeiro, por Casares Quiroga (a que líder
podemito-mareil poderíamos atribuír tal excelso antepasado
político?). Pero un Castelao que hoxe que á esquerda española non
se lle espera nin nunha desas tarefas nin na outra, o que cumpría
era substituír polo Castelao que, no Sempre en Galiza, se
laiaba do unitarismo case que conxénito do republicanismo hispano,
semellante ao que existe no Monedero que non quere saber nada de
referendum de autodeterminación catalán ou no Echenique e demais
xerarcas que apoian a presenza de Felipe VI na homenaxe ás vitimas
do atentado islamista de Barcelona pola súa calidade de "Xefe
de Estado" de todos os españois.
Sem comentários:
Enviar um comentário