9/18/2017

Sobre a iniciativa de Unidos Podemos para Catalunya

O que segue forma parte dunha conversa facebooqueira. Non disparen ao bloguer polo estilo.

1. Penso que a cousa ten máis que ver con que Podemos estaba quedando fóra de foco. A posición dos Comúns en Cat era insostible e os podemitas madrileños, simplemente, non soportan ser espectadores, teñen que ser protagonistas.
2. Benvido
s á defensa das liberdades democráticas! Xa era hora. Pero o problema de fondo que fixo que o réxime tivese que apretar foi o problema nacional. Se non se aborda iso, non se aborda o problema de fondo, só se ataca a epiderme.
3. Non dubido de que haberá sectores cataláns que aproveitarán este coche. Hai moitos sectores alí que están deseando parar a maquinaria que puxeron en marcha. Eu mesmo fun dos que me trabuquei, nunca pensei que chegasen ata aquí, crin que ían parar antes. A cousa é: é posible parar agora sen que todo remate nun rotundo fracaso?
4. Non actúa esta iniciativa podemita coma un freo máis a algo que podería desbocarse (no bo sentido do termo) e resultar incontrolable para o E. Español? Que condicións existen no Estado español para realizar ningún referendum pactado? Non trata Podemos, máis ben, de recolocarse no taboleiro antes de ser succionado e relegado ao papel de simple muleta dun hipotético goberno do PSOE?
5. Aquí, en Gz, a cousa é un desastre. E si, todo é improvisado e sen estratexia ningunha. Tamén teño que dicir, porque puiden coñecer os dous mundos por dentro, que o experimento Anova-En Marea é mil veces peor, no que a organización, previsión e estratexia se refire que o experimento BNG (este ten outros problemas, que conste, o máis recente, por exemplo, a súa cegueira co 15M e co que este fenómeno nos estaba a dicir sobre os cambios sociolóxicos na sociedade galega urbana). Eu fago a miña autocrítica na medida en que colaborei na parte alícuota que me poida corresponder (tampouco máis), a que esteamos neste desastre.
Porén, o desastre vai tamén un pouco alén de Gz, chega tamén ao E. Español e a Catalunya. Tras o 15M, Podemos serviu, como moito, para que o malestar non desembocase en fascismo a nivel popular non para afrontar o estado de cousas que deixaba a crise do capitalismo financeiro e o novo reparto de poder europeo. Había condicións para que o fascismo prendese a nivel popular, e impedir iso foi o único bo que, para min, trouxo Podemos. Para o que penso que non sirve Podemos é para cargarse o fascismo que aínda existe, en modo de franquismo, no aparato de Estado español, e non sirven porque no fondo son herdeiros daquel PCE que colaborou na Transición. 
Aínda que o potente da política hoxe en día non se decide nin en Madrid nin en Barcelona senón en Frankfurt, aquí a cousa non vai dar para tanto, semella posible que, como moito, dea, grazas á gasolina catalá, para unha reforma interna do Estado español (salvo que definitivamente o réxime se peche en banda e remate o sangue chegando ao río). Menos dá unha pedra. Sen dúbida.
6. Dado que isto é así, dado que, como moito, a cousa irá de reformar o protectorado español, a Galicia cómprelle unha plataforma nacional que actúe soberanamente no melón que, máis tarde ou máis cedo, se abrirá sobre a superación do actual Estado das autonomías. Gz non pode actuar como simple acompañante débil dun seudo espazo confederal que ten de confederal o que eu de cura.
7. Veremos que dá de si o chiringuito podemita. Se o choque de trens continúa o 1-O, se os partidos cataláns continúan a súa folla de ruta, servirá de pouco para solucionar o problema nacional.
CODA. Se finalmente chego a ver unha reunión de diputados de Podemos-PCE acompañados unicamente polos da antiga CIU entonces vou rir un cacho dos comunistas españois e o seu rollo cos "nacionalismos burgueses periféricos". Pero isto xa é o tipo escarnio e maldizer que eu gozo, nada serio politicamente.

Sem comentários: