12/21/2015

Notas sobre as xerais de 2015

1. Dicía Sheldon S. Wolin, sobre a democracia dos EEUU que o sistema de checks and balances, de pesos e contrapesos cuxa orixe databa dos tempos de Madison, era unha maquinaria ideada a mantenta para que nada mudase, para impedir que unha facción maioritaria da sociedade puidese efectuar cambios profundos. O Estado español é un paradigma deste tipo de democracia controlada. Da lei electoral aos requisitos imposibles para mudar a Constitución, pasando polo Senado como dique de contención, o Estado español é difícil de mudar.
2. Os grandes políticos sono non porque Deus os tocase co dedo e os puxese nun pódio por riba dos mortais, senón porque están no sitio adecuado no momento adecuado. Seguimos sendo marxistas. Sen a existencia dun contexto propicio no que ten que ver coas condicións materiais de vida da xente non hai movementos de capas tectónicas posibles no mundo político. A cousa non vai de centralidades do taboleiro discursivo, a cousa vai de que a depauperación das condicións de vida das clases populares foi real e de que moitas desas persoas dixeron que non estaban dispostas a continuar pagando a barra libre á que nos levaran os dous grandes partidos dinásticos.
3. A corrupción pode indignar, pero no fondo non é unha forza irresistible que produza cambios. Unha clase política que chega ao nivel de indecencia ao que chegou a maior parte da clase política española non é unha sorte de tumor maligno a extirpar para que o resto do organismo, beatificamente san, continúe vivindo, senón que é un síntoma dun cancro transversal a toda a sociedade. A corrupción no Estado español é un modo de vida. Lóxico que este asunto non sexa, a fin de contas, a cuestión que verdadeiramente pese á hora de decidir o voto da xente.
4. Galiza está, politicamente, máis viva ca nunca. Ter un grupo parlamentario propio é un fito histórico e unha oportunidade.  Ábrese un novo tempo no país no que moita xente válida que hoxe está fóra de En Marea ten que incorporarse ao proxecto.
5. Os resultados de onte no noso país e en todo o Estado demostran que a plurinacionalidade non só hai que enunciala, senón que hai que practicala. E demostran tamén que nas chamadas “periferias” a herba crece con máis forza e máis verdor que no centro. Onte naceu a posibilidade de que exista unha alianza autenticamente confederal no Estado español, único xeito de que esta alianza sexa viable no tempo.
6. Anova. Somos a forza que tira, desde hai anos e con coherencia, pola fórmula da Unidade Popular. Temos o corazón en Galiza e a cabeza alá onde haxa que estar para que as xentes deste país saian adiante. Se non existise Anova, habería que inventala.
7. Vigo. O gran Vigo. O Vigo que estaba irrecoñecible cando deu maioría a un bufón, onte recuperou parte do seu legado de cidade popular, obreira, pelexona e digna.
8. Incerteza. Dicían os sinistros señores da Trilateral, nos anos 70 do século XX, que a ingobernabilidade era o risco do “exceso de democracia” das “sociedades occidentais”. A estabilidade, ese eufemismo para non dicir que deben mandar os que sempre mandaron, será o mantra que escoitemos nestes días. Se non hai estabilidade, quen aplicará os recortes que Berlín ten na recámara desde hai meses? As turbulencias que esperan ao panorama político español terán a súa réplica na montaña rusa da prima de risco se non se chega rápido a un compromiso podre. Pero quen de verdade queremos cambios non deberiamos ter moita presa, se algo demostramos é que sabemos movernos ben na inestabilidade e o vaivén das ondas que enchen as mareas.

Sem comentários: