6/03/2015

Escatoloxía cidadanista



Un bo día (de sol) os cidadáns e cidadás anónimos (nada das mesmas caras que estiveron en todo canto sarao político-cultural tivo lugar neste país nos últimos anos, of course) levantaranse da cama, iso si moi soberanamente, e acudirán, grazas á mediación de San Semáforo (santo avogoso da cidadanía), sen ningún tipo de conversa previa nin conciábulo prostibulario noctívago anterior, a un punto xeográfico máis ou menos céntrico dese outro lugar xeográfico, e máis ou menos difuso, chamado Ghalicia. Unha vez alí, e tras verificar nunha rápida ollada que, de xeito natural, gozan de paridade de xénero, consensuarán, con asentimento xeralizado, a súa condición de cidadáns quimicamente puros, sen rastro algún de contaminación partidaria, e acordarán que si, que han concorrer ás eleccións a levar a voz unívoca e uniforme da cidadanía ás institucións. A seguir, un arco da vella apuntalará a bóveda celeste, mentres os cidadáns e as cidadás exemplares erguerán e moverán de xeito rítmico e acompasado as súas palmiñas abertas ao aire. Nas súas belas caras politicamente neutrais, uns amplos sorrisos contribuirán a enriquecer as xa de por si profusas e diversas luces do solpor. Será unha xornada memorable á que eu, naturalmente, tamén acudirei co meu mellor traxe cidadanista.

1 comentário:

Sérgio Nunes disse...

Concordo com o que dizes. Porém, surpreende que Beiras, após múltiplas chamadas à unidade, responde a Vence com o da cidadania... Será que agora não interessa tanto que for o BNG quem levara adiante uma proposta de unidade? Será que não há tanto interesse nessa unidade?