5/05/2014

Eurocracia, liberdade sen "demos"






 * * * * *

Son varios os méritos de La impotencia democrática de Ignacio Sánchez-Cuenca e moi poucos, e secundarios respecto da tese central que defende, os desacordos de quen isto escribe co autor do libro.

Por comezar co pequeno desacordo, dicir que este estriba, basicamente, en que percibo en Sánchez-Cuenca certa exculpación do que significou o réxime saído da Transición para comprender os problemas políticos do Estado Español actual. O autor apela á comparación con outros países do sur de Europa para descartar un papel decisivo da Transición na crise actual; porén, se algo teñen en común estes países, ademais da súa condición periférica, é precisamente que todos, a excepción de Italia, teñen un pasado ditatorial recente e transicións —pactadas ou, como no caso portugués, reconducidas— a sistemas de democracia liberal pouco consolidados que lles fixeron ver na superestrutura europea a solución a todos os seus males. Así mesmo, e segundo a Joan Garcés, o réxime sostido polos partidos políticos promocionados durante a Transición española continuaría a tarefa de integración do Estado Español nas estruturas transatlánticas das que a UE forma parte (como demostrou claramente a guerra de Iugoslavia e como o demostran, hoxe en día, o feito de que o FMI sexa un dos integrantes da Troika, o papel xogado pola  UE en Ucraína ou o Tratado de libre comercio cos EEUU que está en preparación): “O vínculo entre España e a política exterior de EEUU repousou desde 1942 na persoa  do Ditador. Unha vez que este pechou o seu ciclo biolóxico en 1975, a continuidade do vínculo con EEUU —e da estrutura social interna imposta pola ditadura— foi institucionalizada entre 1981 e 1986 polos gobernos de Calvo Sotelo (Unión del Centro Democrático) e González Márquez mediante a absorción do territorio e recursos económicos españois pola OTAN, a CEE e a Unión Europea Occidental.” (Soberanos e intervenidos. Estrategias globales, americanos y españoles, Siglo XXI, 1996, pp. 74).

Si ten razón Sánchez-Cuenca en sinalar que un mero proceso constituínte (ou un proceso de secesión) dentro do Estado Español que non abordase a cuestión das institucións europeas resultaría, no que se refire á cuestión económica, politicamente bastante estéril.

En canto aos méritos do libro, cabe dicir que o primeiro deles consiste na vontade expresa do autor de afastarse de toda veleidade rexeneracionista, corrente intelectual esta que, se ben acostuma estar moi presente no debate público español debido sobre todo á non resolución da cuestión nacional interna, emerxe con especial vehemencia e vontade totalizadora en tempos, como os actuais, de agudización das contradicións económicas. Entre outros traballos, Sánchez-Cuenca menciona como exemplo deste neorrexeneracionismo intelectual, o libro de Antonio Muñoz Molina Todo lo que era sólido. Desde logo, calquera que se someta á enxurrada de literatura rexeneracionista que inunda a prensa española cada semana, non pode máis que renderse á evidencia de que esta crenza en que os males do Estado Español están motivados por unha especie de incapacidade conxénita susceptible de arranxarse mediante cirúrxicas reformas “modernizadoras” nas súas institucións vai camiño de se converter nun auténtico lugar común.

Dito rexeneracionismo reaccionario ten o seu volcado político en partidos como UPyD, Ciutadans ou VOX (sendo tamén moi querido na base social do PP e en non pequena parte da do PSOE), e viría formular que os males españois teñen que ver, principalmente, co exceso descentralizador e co compoñente antimoderno e caciquil que introducen os chamados nacionalismos periféricos, brillando pola súa ausencia, en calquera destas propostas máis ou menos anovadoras dos partidos rexeneracionistas, a crítica ao papel xogado polas institucións europeas no devir económico español (a diferenza do que ocorre noutros partidos de dereita, máis o menos extrema, europea).

Outras derivacións do rexeneracionismo, que poderíamos cualificar de progresistas, son os destilados partidarios formados a partir da corrente máis reformista do 15M; refírome a propostas como as do Partido X de Falciani ou ás invectivas máis populistas de Podemos, para os que a causa dos problemas españois teñen que ver sobre todo con asuntos como a corrupción política e a fraude fiscal ou coa existencia dunha casta política que coarta a democracia. Asemade, outras propostas propias sobre todo da esquerda federal, como a cuestión do sistema electoral ou da forma de Estado, tomadas de maneira individualizada, tamén se poderían observar baixo este prisma progresista do rexeneracionismo; algo que sucede, de maneira análoga, coa presentación, por parte de algúns "nacionalismos periféricos", da secesión do Estado Español dentro do actual marco europeo como a panacea que resolverá a crise económica da nación X.

O segundo dos logros, tras separar o que para o autor non pasarían de reformas epidérmicas que non encararían o núcleo do problema que vive hoxe o Estado Español —un problema que, como el mesmo sinala, non é endémico senón que se repite en todo o marco sureuropeo— consiste en aplicar á orixe da crise política que hoxe azouta a media Europa o sentido común que se lle presupón ao pensamento da esquerda e que vén dicir que, posto que toda economía é en realidade unha economía política, de toda economía derívanse, polo tanto, unhas consecuencias políticas. Así, este sentido común sinalaría que a crise política no Estado Español ten que ver coa crise económica europea, e que a causa da especial virulencia desta en Europa débese ao entramado institucional da Unión Europea e á deficiente arquitectura da zona euro. No apartado do Capítulo I titulado “A crise do euro”, Sánchez-Cuenca describe, de xeito didáctico e clarificador, a secuencia de eventos que conduciron —despois dos anos de viño e rosas posteriores ao establecemento do tipo de cambio único e do acceso ao financiamento externo coas ventaxosas condicións de Alemaña que atraeu grandes cantidades de capital do norte—  a lugares como o Estado Español (con superávit fiscal e unha débeda pública por debaixo do 40% do PIB) a vérense sometidos a unha voráxine especulativa a costa da súa débeda soberana debida á prohibición expresada nos tratados da UE de que o BCE actúe como prestamista en última instancia dos Estados, que a punto estivo —nos casos español e italiano— de provocarlles un default, e que levou ao default de facto no caso de Irlanda, Grecia, Chipre e Portugal.

A consecuencia de teren experimentado en carnes propias o que significa non ter control sobre o Banco Central Europeo e pertencer a unha área monetaria sen unión política e fiscal pero onde existen grandes desequilibrios nas balanzas comerciais entre os distintos Estados, toda a Europa do sur topouse de fociños cun negro presente —e futuro, se non se fai nada por mudalo— de subalternidade a respecto dos Estados acredores do norte. Estados estes que, por medio de organismos non electos como o BCE e a Comisión Europea (que, xunto co FMI, conforman a chamada Troika) recéitanlles curas de cabalo —ao máis puro estilo das que noutros tempos se aplicaban ao chamado Terceiro Mundo— a base de políticas de austeridade e do desmantelamento dos seus xa febles estados de benestar co único obxectivo de asegurárense o pagamento da débeda, ou, noutras palabras, de salvaren á exposta grande banca do norte da quebra.

O terceiro dos logros ten que ver co feito de que Ignacio Sánchez-Cuenca estea dicindo este tipo de cousas sendo quen é. En efecto, non se trata dun intelectual procedente da extrema esquerda —para sermos xustos, habería que dicir que moita extrema esquerda, pese a aspirar supostamente a obxectivos maiores como poidan ser “a derrota final do capitalismo”, aínda é incapaz de facer unha lectura da Unión Europea e do euro como a que se fai en La impotencia democrática—, e é profesor de socioloxía na Universidade Complutense e investigador en ciencias sociais na Fundación Juan March. Poderíase dicir del que, ideoloxicamente, é un socialdemócrata próximo ao PSOE; non en van, na presentación en Madrid deste libro asistiu como público nada menos que o ex presidente do goberno español José Luis Rodríguez Zapatero. Pero é precisamente a súa adscrición socialista a que lle concede a este libro aínda máis mérito. A fin de contas, non hai partido no Estado Español máis identificado co proxecto da Unión Europea que o PSOE. E isto é así porque o socioliberalismo do PSOE encaixa perfectamente coa UE tanto polo que esta encarna a nivel retórico e discursivo como no que aquela ten de máis inconfesable e pedestre. O PSOE séntese tan cómodo con a retórica progresista do “modelo social europeo” como co neoliberalismo tecnocrático e globalizador das institucións europeas realmente existentes. E posto que o PSOE foi durante anos un partido central na política española, esta posición acomodaticia respecto da UE marcou tamén, con honrosas excepcións como por exemplo a maioría do nacionalismo galego, o posicionamento dos partidos á súa esquerda.

Por último, o cuarto dos logros (e probablemente o maior) consiste na, segundo a miña opinión acertada, conclusión global á que chega o autor á vista deste estado de cousas. Así, o importante do que estamos a vivir xa non é só que a crise económica estea afectando directamente ao benestar e a calidade de vida de millóns de persoas, nin que a maior parte das elites políticas e intelectuais do Estado Español teñan integrado o  papanatismo europeo até o punto de asumiren, explícita o implicitamente, a caracterización das sociedades do sur coma o apelotonamento de Untermenschen nugalláns, desbaldidores e pouco eficaces de tanto predicamento entre a opinión pública alemá, senón que o importante —a conclusión última do libro de Sánchez-Cuenca— é que a Unión Europea resulta perfectamente coherente, para esta parte do mundo, coa imposición a escala mundial da lóxica dos mercados desregulados globalizados e coa eliminación de todo espazo institucional que poida actuar como barreira de contención fronte a esa lóxica. De xeito que a ameaza real que representa hoxe o entreguismo a esta UE do que André Gunder Frank chamou as “lumpenburguesías” do sur europeo, consiste en introducirnos sen resistencias dignas de tal nome a un mundo de liberalismo sen democracia. Un mundo no que seguirían existindo as “liberdades individuais” e o “Estado de dereito” tal e como as entende a tradición liberal, pero no que a marxe de decisión sobre as cuestiones económicas estaría xa fixado en Tratados e Constitucións (o “neoliberalismo constitucionalizado” dos tratados da UE ou do reformado artigo 135 da Constitución Española) e no que a “gobernanza económica” correría a cargo de “institucións contramaioritarias”, isto é, de institucións non elixidas democraticamente.

É este negro futuro lucidamente descrito na parte final do libro de Sánchez-Cuenca o máis cheo de carga política de fondo; o que converte a La impotencia democrática nun material conciso, de fácil lectura e de grande utilidade para comprender o que está a pasar. O que nos está a pasar.

Sem comentários: