12/18/2011

A miña homenaxe ao Beiras



Díxenllo persoalmente e repítoo aquí: a homenaxe que A Nave das Ideas quixo brindar ao pintor Urbano Lugrís en Vigo o 17 de Nadal impediume estar na homenaxe cívica a Xosé Manuel Beiras en Santiago. E o Beiras non só o comprendeu senón que mesmo tivo a ben compartir conmigo aquel episodio vivido en primeira persoa co gran Urbano Lugrís na que o pintor do mar, botando unha das súas grandes mans ao pelo do entón adolescente Beiras, dixera: "velaquí a cabeza máis romántica de Galiza".
De todo o que se escribiu estes días sobre el prestoume especialmente o artigo A odisea de Beiras nun país náufrago no que Manuel Rivas calificaba ao Beiras de ser o noso "principiño". Por iso non se me ocorre mellor xeito de ilustrar este post que usando a foto que Manoel Santos tivo a xenerosidade de compartir nas redes sociais e na se ve ao Beiras, cal o principiño de Saint-Exupéry, a carón dun baobab africano.
A dicir de Rivas, Beiras era o príncipe no que se depositara a esperanza de un día bicar o noso chan e desenfeitizalo dos males causados por todos aqueles que historicamente só contribuíran ao seu atraso. Un príncipe porén, engadía Rivas, que viu como Galiza non só non espertou senón que marchou con aqueles que a haberían expoliar durante unhas cantas décadas máis.

No emocionante discurso que o noso home deu no acto da súa homenaxe destacaría moitas cousas pero, para poder comunicar o que pretendo comunicar neste artigo, resaltarei, esencialmente, dúas ideas:
1. Beiras e a súa xeración eran os depositarios dun prezado legado. Eles foron a ponte entre os seus contemporáneos e mais os vellos galeguistas e republicanos que viron as súas arelas democráticas tronzadas co golpe de estado do 36. Uns galeguistas e republicanos que, á súa vez, eran os herdeiros da tradición dos liberais do XIX (aquelas cabezas románticas) que sostiveron nestes lares o facho das ideas republicanas emanadas da revolución francesa.
2. Nin el nin a súa xeración están derrotados. Malia que Galiza non espertase ante o bico deste príncipe, Beiras non está derrotado nin pertence a unha xeración derrotada porque os seus principios seguen a estar tanto ou máis vixentes que na súa época e porque as súas análises políticas (da fraude da Transición ao fin de ciclo político e a entrada no caos sistémico pasando polas mutacións do fascismo "globalitario" segundo a feliz expresión que Antón Patiño nos descubriu na súa lembranza a Lugrís) estanse a demostrar como imprescindibles para comprender algo do que está a suceder no presente.
Ernst Kantorowic escribiu un libro titulado O dobre corpo do rei no que mostraba como a do rei, na idade media, era unha figura desdobrada: por unha banda estaba o rei en tanto que home material, concreto e mortal e pola outra o rei en tanto que símbolo —de natureza inmortal— da continuídade do poder e da soberanía. Se ben Xosé Manuel Beiras ten, desde hai bastante, sobrados méritos para ser máis un rei ca un principiño (que as súas conviccións republicanas me permitan esta licencia) o certo é que é nestes momentos cando súa figura máis claramente se está a desdobrar, como a dos vellos reis medievais, en dúas facetas independentes. Así, por unha banda, está o Beiras home, suxeito como todos os seres humanos a contradiccións, debilidades e contratempos. Pola outra o Beiras símbolo.
Sen pretender con isto pechar a Beiras nunha gaiola de ouro (ou embalsamalo cando está máis vivo do que nunca) nin, faltaría máis, desprezar nada do Beiras home; si é certo que para as xeracións máis novas que desexamos formar parte desta gran cadea de transmisión de valores e acción que é o pensamento político democrático e igualitarista das esquerdas o que nos comeza a interesar cada vez máis é como vai xestionar o Beiras a súa condición de ser desdobrado. Se Castelao foi quen resumiu na súa persoa ao conxunto do nacionalismo das tres primeiras partes do século XX, paréceme a min que non será descabellado pensar que Beiras vai resumir na súa (el mesmo é consciente ao se erixir en espello xeracional) ao conxunto do nacionalismo de finais do XX e de principios do XXI.
O futuro non está escrito. E non sabemos que fará o Beiras home en citas como a vindeira asamblea nacional do BNG de xaneiro ante a eventualidade de que nela todo mude un pouco para que todo siga igual pero si nos gustaría que o testemuño do Beiras símbolo, o Beiras que transporta na súa persoa o legado dos que nos precederon nesta teima da liberdade, a igualdade e a fraternidade, fose xestionado con intelixencia. En primeiro lugar, para que non acaben por gozar del en exclusiva aqueles que non o merecen e que farán todo o posible por diluílo. En segundo lugar para que aqueles que están dispostos a seguir a dar a batalla por este país construíndo todo desde cero se fai falta non teñan que renegar nunca da súa inmensa figura que, como o a do rei de Kantorowic, será tamén, sen dúbida, inmortal.

Sem comentários: