Un elemento clave da reprodución discursiva do poder e a dominación é o acceso mesmo ao discurso e aos eventos comunicativos. Neste sentido, o discurso é semellante a outros recursos sociais estimados que forman a base do poder, o acceso aos cales está desigualmente distribuído.
Quen ten acceso á produción de novas da prensa ou aos programas de televisión e quen controla ese acceso? Quen pode organizar conferencias de prensa ás que asistirán moitos xornalistas? Que comunicados de prensa se están a ler e a publicar? A quen se está a entrevistar e a citar con frecuencia? As accións de quen se definen como noticias? A quen pertencen os artigos de opinión ou as cartas de lectores que se están a publicar? Quen pode participar nun programa de televisión? E, de maneira máis xeral, a quen corresponde a definición da situación política e social aceptada e tomada seriamente?
Discurso e poder. Teun A. van Dijk
Quen ten acceso á produción de novas da prensa ou aos programas de televisión e quen controla ese acceso? Quen pode organizar conferencias de prensa ás que asistirán moitos xornalistas? Que comunicados de prensa se están a ler e a publicar? A quen se está a entrevistar e a citar con frecuencia? As accións de quen se definen como noticias? A quen pertencen os artigos de opinión ou as cartas de lectores que se están a publicar? Quen pode participar nun programa de televisión? E, de maneira máis xeral, a quen corresponde a definición da situación política e social aceptada e tomada seriamente?
Discurso e poder. Teun A. van Dijk
Fedellando na miña conta de correo púxenme a repasar un feixe de artigos que alí tiña arquivados sobre Internet e o sistema de medios. A facilidade con que calquera pode facer un seguimento dun tema determinado grazas á infinidade de xornais de balde aos que se pode conectar é, sen dúbida, unha das vantaxes que ofrece o libre acceso á información. Sen entrar na necesidade de producir contrainformación e de xerar contidos propios que definan e expliquen a realidade, a mera recontextualización da información subministrada polos grandes medios é en si mesma unha potente ferramenta da que careciamos ata non hai moito tempo ou que resultaba, cando menos, inalcanzable para o común das persoas. Relacionar e vencellar a fervenza aparentemente caótica de noticias que xorden (que se fan xurdir) cada día permite transformar ese caos co que nos abouxan no ordenado e calculado plan que case sempre se agocha por tras de entrevistas, artigos e notas de prensa.Velaquí un exemplo:
O sete de maio de 2009 lía na web PrisonPlanet as seguintes declaracións do magnate da comunicación Rupert Murdoch: «The current days of the internet will soon be over», o tempo da actual Internet pronto chegará á súa fin. A motivación destas palabras tan drásticas, explicaba o artigo, é que os sitios web non poden sobrevivir co actual modelo de negocio. Os ingresos en publicidade son baixos, o acceso libre á web está deitando ao chan as ventas en papel, etc. O artigo concluía deste xeito: «O monopolio das corporacións ten un cancro terminal e están a perder o seu poder. É por iso polo que están apoiando con tanta agresividade unha fuxida da vella Internet para reemplazala pola Internet2, un muro de Berlín electrónico altamente regulado e controlado.»
En liña con esta mudanza de estilo que se quere para a Internet, o 30 de agosto de 2010 o diario Público (en realidade a axencia EFE) explicaba que «You tube, o portal de video propiedade de Google, está a negociar cos principais estudos de cine de Hollywood o lanzamento dun servizo de pagamento por visión de filmes e series televisivas, coa idea de se converter nun videoclube online». Así mesmo, engadía o artigo, «o proxecto de Google e Youtube ten tamén un gran potencial para lograr un acordo con Hollywood, porque os estudos de cine están á procura desde hai anos de novas fontes de ingresos que compensen as perdas sufridas polo devalar das vendas de DVD».
Pero tamén nestes pagos se estaba a producir o debate. O 30 de agosto de 2010 tamén o diario Público se facía eco dunhas declaracións de Juan Linares, conselleiro delegado de Telefónica, nas que se sostiñan supostas insostibilidades da Internet actual con argumentos que recordaban bastante aos empregados para xustificar a aducida insostibilidade do sistema público de pensións: «En España, un 5% dos usuarios de banda larga de móbil produce o 75% do tráfico.[…] O usuario medio está a subsidiar ao usuario intensivo.[…] Estamos a favor de ofrecer tarifas planas pero adecuadas a cada tipo de cliente. Unha para os que queiran navegar, outra para os que queiran facer descargas». A redactora do artigo escribía: «Internet vai mudar radicalmente. Se as compañías de telefonía logran as súas pretensións, o acceso á rede convertirase en breve nun mundo onde calquera usuario gozará dunha calidade diferente en función de canto pague e onde se primarán uns servizos fronte a outros dependendo da tarifa do consumidor final. É, aínda que as compañías o neguen, a fin da neutralidade da rede».
Case inmediatamente a estas declaracións de Telefónica aparece en Rebelión un artigo asinado por Mariano Amartino que comenta a reacción da Comisión do Mercado de Telecomunicacións a propósito das intencións de Telefónica. Segundo Amartino a CMT declarou que non ten nada que obxectar ao que pretende facer Telefónica salvo un «problema de índole comercial, xa que a competencia podería reaccionar». Ante isto Amartino pregúntase se a CMT non debería regular un mercado susceptible de concentración e/ou monopolio e se o estado non debería pór as condicións para asegurar o acceso en igualadade á internet. É dicir, o que Amartino se pregunta é se o Estado non debería asegurar a neutralidade da rede. (A non pronunciación da esquerda partidaria a respecto disto, por certo, mostra que ou ben aínda non se pensa o suficiente nestas cuestión como para formular alternativas no debate público ou ben que directamente existe certa inconsciencia do que moitas destas decisións implicarán nun futuro inmediato).
O 1 de setembro de 2010 volve aparecer en Público unha nova relacionada coas declaracións de Telefónica. Segundo esta a compañía Orange nega que os usuarios máis intensivos colapsen Internet. A xornalista escribe: «Todo comezaba a cadrar no imaxinario do sector, que se puxera a seguir a Telefónica como ao frautista de Hamelin, pero onte chegou Orange España e mudoulles o conto.»
Tamén en Rebelión Roberto Guareschi abordaba o tema da neutralidade da rede pero, desta volta, con centro nos EEUU. Un artigo referido á «ofensiva que as proveedoras de Internet lanzaron en EEU para terminar coa Internet que coñecemos: libre e igual para todos». Unha ofensiva que en palabras de Guareschi «propón darlles ás grandes corporacións da comunicación a potestade de rexeitar certos contidos, darlles paso a outros e cobrar prezos diferenciais. En suma, crear unha internet especial, veloz e cara que de feito define a outra barata e pobre». A ofensiva viría protagonizada por Google en alianza coa Comcast, primeira operadora de cable e proveedora de Internet nos EEUU.
No mes de setembro de 2010 o diario El País publicou unha serie de entrevistas con sendos gurús do mundo da comunicación titulada «O futuro do xornalismo dixital». En case todas elas pairaba o asunto da fin da Internet libre. Así, o «ciberentusiasta» Rosental C. Alves, malia falar da nova figura do «prosumer» (produtor-consumidor de contidos) e dunha suposta nova era na que a información deixa de estar centralizada («estamos pasando dos medios de masas á masa de medios») para ser producida por un individuo que «se transforma nun microorganismo ao ter o poder de se comunicar», non pode evitar confesar a súa inquietude por certos movementos dirixidos cara o pago de contidos. «Hai un perigo —afirma Rosental— de que os anos dourados dunha web libre rematen». Outro gurú, Antonio Gutiérrez-Rubí, con, se cabe, aínda máis ciberoptimismo, afirma que «Internet será unha exixencia democrática e política reforzada polos mercados e os cidadáns» e, nun delirio de acriticismo, mesmo di que «a identidade persoal do futuro será a identidade dixital. Esquezan o curriculum vitae e preparémonos para o digital vitae», sen que lle preocupe en absoluto as consecuencias dun mundo no que a túa «reputación dixital», é dicir, o total das túas consultas e visitas na web poidan ser rastrexadas e analizadas ata o punto de consitituíren a túa propia carta de presentación, o contido do que en realidade es. Tamén segundo Gutiérrez-Rubí «o privilexio de intermediación dos medios e os xornalistas remata. Na sociedade-rede cada cidadán é un xornalista en potencia». Un xornalista en potencia ou unha unidade, ela mesma e as súas eleccións na rede, de información? A realidade parece apuntar máis ben a isto último. «A túa intimidade está en venda» dicía unha nova asinada por Daniel Basteiro no diario Público e aparecida o 21 de setembro de 2010. O autor ocupábase dun estudo presentado en Bruxelas pola patronal europea de anunciantes e polas empresas que ofrecen servizos e contidos en liña (na que por certo está incluída PRISA) co que pretendían pedir á Comisión Europea e aos países da UE «que lles permitan explotar comercialmente e sen trabas toda a información que recopilan dos internautas». Sería esta, ao parecer, unha maneira de evitar ter que cobrar polos contidos, xa que, segundo Jacques Bughin, responsable do estudo, a preocupación polo «valor dos servizos é moito máis grande que a preocupación pola privacidade». Noutro momento da entrevista de Gutiérrez-Rubí en El País aquel acuña novos termos máis cargados de ideoloxía do que parece, así, cando diferenza entre «nativos dixitais» fronte a «emigrantes dixitais» un ten a sensación de que o que se pretende é naturalizar unha nova fenda, fenda que será moi semellante a outras fendas do mundo físico: as que separan aos occidentais non dos emigrantes senón dos inmigrantes, con toda a carga semántica de marxinación e invisibilidade que esta palabra ten hoxe en día. Tamén da mesma xeira de entrevistas ofrecidas por El País, é a conversa mantida con Alan Rusbridger, director do xornal The Guardian, na que aquel se sumaba ao ciberoptimismo e explicitaba a súa aposta polos contidos abertos incluso desde o punta de vista do interese financeiro. Porén, Arthur Sulzberger, presidente e editor doutro medio de aínda maior influencia mundial, o New York Times, confirmaba, segundo a nova aparecida en Xornal o 10 de setembro de 2010, os plans da súa empresa de «deixar de ter unha edición impresa» e de comezar a cobrar polo acceso a determinados contidos da rede como sucede nos medios de Rupert Murdoch. O propio Murdoch, por certo, que en coherencia co que viña declarando desde tempo atrás, anunciaba, tamén segundo o Xornal do 6 de outubro de 2010, o lanzamento dun agregador de novas de pagamento que fará a competencia ao agregador de novas de Google.
Xa que logo, a cuestión parece clara. A teima das empresas da comunicación estriba —como apuntou algunha vez David Harvey— en facer o seu propio cercado de terras. Un cercado de terras semellante á apropiación de terras comunais que propiciou o paso da sociedade feudal á capitalista e que na teoría marxista recibe o nome de acumulación primitiva. Estariamos, logo, asistindo ao intre histórico no que se está pretendendo secuestrar unha tecnoloxía que permitiu o acceso directo de calquera —en pé de igualdade coas grandes corporacións— a publicar no ciberespazo para pasar a roturar, fragmentar e privatizar o propio ciberespazo coa finalidade de crear extensas enclosures coas que afianzar o control social e a concentración do capital nas mesmas mans de sempre. Todo isto semella estar a facerse en base a dúas grandes estratexias: cobrar en forma de diñeiro por un mellor acceso a contidos previamente filtrados ou cobrar en forma de unidades de información privada susceptible de ser comercializada impunemente. Isto é: ou privatizar o público ou publicitar e explotar o privado.
2 comentários:
Máis sobre este tema:
http://www.guardian.co.uk/technology/2010/oct/18/facebook-apps-data-privacy
Enviar um comentário