9/08/2010

Medios de comunicación/Medos e comunicación (I)



Alá onde o mundo real se transforma en simples imaxes,
as simples imaxes convértense en seres reais,
e en eficaces motivacións dun comportamento hipnótico.


Guy Debord.

En O posmodernismo ou a lóxica cultural do capitalismo avanzado Fredric Jameson ocúpase da noción do sublime. Para iso retoma a visión que da mesma tiña Edmund Burke: «una experiencia próxima ao terror, [...] o enxergar, á vez con abraio e con espanto, o resplandor fugaz dalgo cuxa enormidade sobrepasa toda vida humana». Mais á hora de analizar onde se atopa o sublime na sociedade actual, Jameson di que xa non debemos procurar ese «outro» na natureza («no momento en que a propia natureza está chegando ao seu ocaso radical») senón noutro lugar que el non identifica tanto coa tecnoloxía en xeral como coa tecnoloxía concreta desenvolvida polo ser humano contemporáneo, isto é, «co ordenador cuxo caparazón externo carece de potencia emblemática ou visual, ou incluso coas cubertas dos diferentes media como ese servizo doméstico que chamamos televisión, desarticulado e implosivo, que transporta consigo a superficie plana das súas imaxes». Jameson, apoiándose no paso-máis-alá-de-Burke dado polo Kant que problematiza a representación do sublime («que o obxecto do sublime xa non sexa cuestión da mera potencia e da inconmesurabilidade física do organismo humano e a natureza, senón tamén dos límites da figuración e da incapacidade do espírito humano para representar a inmensidade de tales forzas») entende que a nosa incapacidade para representármonos unha «inmensa rede informática e comunicacional» é, en realidade, o síntoma dunha incapacidade máis profunda, a de comprender «todo o sistema mundial do capitalismo multinacional dos nosos días», e engade: «a tecnoloxía da nosa sociedade contemporánea non é fascinante e hipnótica polo seu propio poder, senón a causa de que parece ofrecernos un esquema de representación privilexiado á hora de captar esa rede de poder e control que resulta case imposible de concibir para o noso entendemento e a nosa imaxinación.»
Contrasta esta incapacidade para representármonos o tecnolóxico-actual coa apropiación artística do teconolóxico-industrial por parte da Vangarda do século XX. Como recorda Jameson, en Duchamp, Leger, os futuristas, os construtivistas, etc. a máquina ocupa un lugar preferente. Claro que era aquela unha estética do mecánico na que a máquina non se podía dividir entre forma e contido, senón que constituía un todo único e productivo; algo ben diferente da máquina-interfaz actual na que unha forma pobre e minúscula é mero soporte dun contido ilimitado e inapreixable. Este carácter máis reproductivo que productivo da máquina actual causa que a súa tentativa de representación non deixe de se enlear nun bucle: o da reprodución do acto de reprodución (p.e. a estética propia da TV dos nosos días na que a cámara que emite non só non oculta senón que mostra a propósito o resto das cámaras do plató). Así, partindo das dúas incapacidades expostas por Jameson —incapacidade de representar o tecnolóxico como síntoma de incapacidade para representármonos o sistémico—, se cadra, podemos inferir unha terceira: a incapacidade para superar o resistencialismo ou, o que é o mesmo, a incapacidade para articular unha contrahexemonía eficaz ao estado de cousas.
Se no capitalismo industrial do século XIX e parte do XX a maquinaria mecánica constituía a icona central presente en todos os aspectos da vida, non parece estraño que Lenin se inspirase na figura da fábrica —á súa vez lugar central daquela sociedade industrial— para organizar a ferramenta contrahexemónica. Así, escribe Lenin:


«Bótame en cara que eu imaxine o partido "como unha enorme fábrica" con un director, o Comité Central, á súa fronte. Precisamente o marxismo, como ideoloxía do proletariado instruído polo capitalismo, ensinou e ensina aos intelectuais vacilantes a diferenza que existe entre o factor de explotación da fábrica (disciplina fundada no medo á morte por fame) e o seu factor organizador (disciplina fundada no traballo común, unificado polas condicións en que se realiza a produción altamente desenvolvida desde o punto de vista técnico).» [Citado en Negri, A.:
A fábrica da estratexia. 33 leccións sobre Lenin. p. 44-45].

Se seguimos as teses de Jameson, esta clarividencia de Lenin á hora de argallar a resistencia e a contrahexemonía virían dadas pola transparencia e a fácil comprensión (real ou imaxinada) da tecnoloxía industrial o cal, á súa vez, era síntoma dunha boa comprensión (tamén real ou imaxinada) do sistema económico da época. Así mesmo, a presenza máis ou menos inconsciente deste universo mecánico parece coíncidir co
leit motiv rector do leninismo segundo o cal unhas masas disciplinadas e organizadas por uns directores infalibles (o Comité Central) podían vencer batendo —coma un inmenso martelo hidráulico— no momento axeitado e dunha vez para sempre ás portas do tamén moi concreto e ben definido iunque que era o Pazo de Inverno.
Coma un feble eco actual daquela realidade sólida que constituía a fábrica leninista escribía
Andrés Figueroa Cornejo sobre os mineiros atrapados en Chile:


«Que ninguén se preste a engano. A nova feliz da supervivencia dos mineiros no xacemento San José débese á pericia, tradición, experiencia e fortaleza dos propios traballadores.» «Non hai que perder a búsola —engadía
incluso no medio do máis extraordinario despregue mediático que procura pór ao goberno e aos seus persoeiros como protagonistas dunha xesta propia dos mineros.»

Quería alertar o autor contra a manipulación mediática do acontecemento e reivindicar, o mesmo que Lenin, o factor organizativo da fábrica. Porén, malia a súa boa intención, o desesperado das súas propias palabras parecía constatar a historia dun fracaso xa consumado. Máis desenganado se mostraba
Paul Walder cando, a propósito do mesmo asunto, escribía:


«Na ausencia dos malogrados protagonistas e na patética carencia de interlocutores válidos da súa actividade, gremio ou clase, foi o goberno quen lles arrebatou o protagonismo. Nin eles, nin os perdidos sindicatos, nin os familiares (máis sacrificados que as propias víctimas) puideron instalarse como representantes ou vicarios dos 33 mineiros. Esta ausencia, esta debilidade, esta incapacidade de falar e actuar entregoulle ao goberno non só todas as accións e decisións, senón tamén as interpretacións e opinións».


E continuaba:


«O primeiro sinal de vida dos mineiros foi entoar a canción nacional de Chile e berrar ¡Ceacheí! Se cadra noutros tempos e condicións outros obreiros terían cantado A Internacional. Esta reclusión, esta escuridade, esta dependencia da superficie é tamén unha representación dunha clase obreira inexistente como tal, que no seu remedo exprésase como simple pobreza, como traballadores vulnerables, fragmentados e mudos. Se cadra noutros tempos un drama desta natureza, cuxas causas son o suficientemente directas, tería estimulado a masivas protestas na rúa. O único que hoxe protesta, nun evidente paternalismo, é o goberno. O empresario Sebastián Piñera, levantado polos medios como a grande figura xusticieira nacional, fará rodar as cabezas daqueles malos empresarios e funcionarios corruptos. Só el decide que facer e como se fai.»


Non sorprende que no artigo de Paul Walder nin se mencione a existencia dos partidos de esquerda. Nunha realidade producida e modificada polos medios de comunicación a capacidade de acción daqueles é ben limitada. A fábrica actual (ou a mina no caso chileno), malia conservar aínda o seu carácter de centro de experiencia directa da explotación, xa non representa o lugar de organización da contrahexemonía. Antes ben, o centro de traballo (e tamén o resto de lugares no que discorre a vida) tense transformado nunha inmensa caverna de Platón, na que homes encadeados son a un tempo vítimas e protagonistas involuntarios dun espectáculo de sombras chinesas, incapaces de contemplaren, por si propios, o mundo das ideas que se agocha detrás.

2 comentários:

Jim Morrison disse...

O esquema centralista democrático correspóndese coa industria mecánica, onde os traballadores eran pezas dun organismo rexido por un cerebro: o comando directivo da fábrica. Iso traducíuse, para o movemento obreiro, nunha organización altamente centralizada, dirixida por un comando que cría comprender, dende fóra, a situación da clase e e os movementos tácticos necesarios para acadar o socialismo. ¿Qué esquema organizativo utilizar cando os muros da fábrica esboróanse tendencialmente ao esvaírse cada vez máis a diferencia entre ocio e negocio, tempo libre e tempo de traballo, traballo productivo e "improductivo"? ¿Cómo calcular o valor cando a producción pstfordista elimina a posibilidade de medir en horas-home o tempo de traballo, externalizando ao tempo "libre" o traballo que tradicionalmente realizado intramuros da fábrica?

O Fuco disse...

Ás preguntas que fas eu aínda engadiría unha máis: como evitar que a expansión da lóxica do capitalismo de masas (esa mestura de hobbesianismo e banalidade) penetre totalmente nas mentes das persoas?