9/03/2010

John Lennon e a ética de Terry Eagleton



No extenso estudo titulado
Os estranxeiros. Por unha ética da solidariedade, Terry Eagleton achégase ao tema da ética a través das tres categorías psicanalíticas lacanianas do Imaxinario, o Simbólico e o Real. O autor relaciona a primeira das categorías cunha ética fundamentada nas impresións que suscitan en nós os suxeitos próximos, trátase dunha ética baseada na identificación imaxinaria co outro cercano, na que
«duplicamos no noso interior o que conxeturamos que pensan os demais». A segunda das categorías relaciónaa cunha ética baseada na lei. Unha lei abstracta e igual para todos os suxeitos independentemente da súa proximidade que ten por máximo epígono a lei de Kant expresada segundo a fórmula debes independentemente de que che guste. A terceira das categorías relaciónaa cunha ética do desexo, cuxo máximo expoñente sería a fórmula lacaniana de Kant con Sade: debes porque che gusta. A primeira, dinos Eagleton, pode ser válida para o cercano pero é igualmente creadora de inxustizas con aqueles que, por se atoparen lonxe de nós (sexa no espazo físico ou no social), non conseguen espertar as nosas emocións. A segunda, serve para modular as relacións cos estraños, pero pagando o prezo de converter aos individuos de carne e óso (próximos) en abstraccións (en estraños) sen atender ás especificidades propias de cada individuo. A terceira, pola súa banda, é unha ética que pretende rachar coa alienación e a frialdade provocada polo simbólico a base de se deixar levar, en exclusiva, polo que marca o desexo; pero este tipo de conducta propia da posmodernidade (a ética de Antígona, ou de Raskolnikov) conforma unha ética incompatible coa vertente social do home. Ou como escribe Eagleton:

«Nunha era politicamente desencantada o ético está obrigado a abandonar a polis e a levantar a súa casa noutro lugar: a arte, a fe, a trascendencia, o Outro, o acontecemento, a decisión ou o Real.»

Fronte estas tres éticas e especialmente fronte a derradeira, de gran predicamento na actualidade, Eagleton propón outra baseada na «banalidade da bondade». Unha ética da práctica cotiá «cunha forma de pensar menos celestial», ou na que o celestial baixe á terra —Eagleton non oculta a súa inspiración cristiá— a través da figura do Deus encarnado en home. Unha ética, ocórreseme, que asuma aquilo que con tanta lucidez cantaba John Lennon no seu tema
God: «God is a concept by which we measure our pain» [Deus é un concepto polo que medimos a nosa dor] e tamén
«I was the dreamweaver, but now I'm reborn. I was the walrus, but now I'm John.» [Era o tecedor de soños pero agora renacín. Era a morsa (en alusión á canción dos Beatles) pero agora son John]. Nas que o ex-Beatle, un Deus farto de ser Deus, parecía reivindicar tamén a súa condición de simple mortal reencarnado. Engadir, en relación con isto, que, malia tratarse dun recurso habitual no mundo da publicidade, non deixa de sorprender que tanto Volkswagen coma Citroen empregasen a John Lennon (entre outras personaxes) como diana do seu discurso desmitificador. Un discurso non tan interesado na desmitificación en si, algo que abordaba o God de John Lennon, como en canalizar esa mistificación das iconas pop cara ao fetiche da mercadoría-coche. Mercadoría, por certo, central para o sistema capitalista.

Pero volvamos con Eagleton:


«O camiño de Aristóteles a unha ética máis sociable pasa por Hegel e Marx. Hegel sitúa os esforzo do individuo por se realizar no contexto do mesmo desexo de parte dos outros, e polo tanto conclúe que nunha orde social xusta cada cal advén á autorrealización a través e en termos da autorrealización dos demais. Os outros pasan a seren o fundamento e condición da construcción da nosa propia individualidade. O desenvolvemento de cada un, como explica Marx, convértese na condición para o desenvolvemento de todos.»

Así e todo, cómpre descubrir onde se atopa o vencello material entre nós e os outros. Se a ética do Imaxinario era unha ética da proximidade, unha ética baseada nas sensacións que nos xera o próximo, a ética do Real é a «ética da humanidade animal, vulnerable, acosada pola morte que compartimos en tanto especie». Polo tanto, estas dúas situaríanse nos dous estremos que van do máis íntimo ao máis xeral. É isto o que leva a Eagleton a ver no corpo o nexo de unión entre o individual e o universal. Así, escribe:

«Atopar a outro en tanto corpos amigables é tan obvio como abstracto. Posto que a carne e o sangue son o que nos constitúe, a universalidade da especie pasa a formar parte do noso alento e a nosa xestualidade.[...] A carne e o sangue son o grao cero da humanidade, a un tempo monstruosa no seu anonimato e o medio para o noso contacto máis querido. O local e o universal non están rifados en última instancia porque o corpo mortal, aflixido, está na raíz de toda cultura.»

E tamén:

«[O corpo] forma parte da nosa condición de criaturas, pero tamén é parte da nosa natureza animal, independentemente do diferentes que sexan eses corpos desde o punto de vista físico ou cultural.»

Esta función á vez particular e universal do corpo, un corpo que é quen finalmente xera a cultura, constitúe o alicerce máis sólido para unha ética que desafíe o relativismo baseado nas diferenzas culturais propio da posmodernidade. Así, o que nos iguala é esta realidade do corpo real ou potencialmente ferido e mutilado. O que leva a concluír a Eagleton que:

«Unha nova forma de solidariedade debe erixirse a partir desta verdade monstruosa.»


Unha solidariedade que debe guiar o noso comportamento toda vez que ética e política son, segundo Eagleton, dúas caras da mesma moeda:

«O ético ten que ver con como vivimos cos demais de forma máis gratificante, mentres que o político ten que ver con que institucións promoverán mellor eses fins.»

Ao fío disto, e segundo escribe David Harvey en Espazos de esperanza, esta concepción do corpo sufrinte era para Marx o elemento máis importante para criticar o modo de produción capitalista:

«O principal argumento de crítica que Marx fai ao capitalismo é que con moita frecuencia conculca, desfigura, somete, mutila e destrúe a integridade do corpo traballador.»

E tamén o guieiro para atopar o xeito de superalo:

«É ademais en termos das potencialidades e das posibilidades de dito corpo traballador como se plantexa inicialmente a procura dun modo de produción alternativo.»

En conclusión, e volvendo á canción que citei máis arriba, cando, tras cantar o de que «Deus é un concepto polo que medimos a nosa dor» John Lennon comeza a nomear unha chea de substitutivos da divinidade («I don´t believe in magic, Bible, Hitler, Jesus, Kennedy, Budha, etc.») e cando, tras dicir «I just believe in me», enmenda o narcisismo atribuible a esta frase engadindo, «In Yoko and me, and that´s reality, the dream is over», o ex-Beatle está a dicir, entendo eu, exactamente o mesmo que Terry Eagleton: por riba das razóns do infinito sexan estas as de Deus, a Ideoloxía, o Desexo, a Fama do músico de rock ou o Fetichismo da mercadoría están as razóns do finito, as da realidade material e mortal do corpo nu fronte o outro corpo. Só a esta relación entre, como mínimo, dous suxeitos desamparados se lle pode chamar realidade. O amor e a solidariedade nacen desa consciencia de sermos seres sociais vulnerables. Un sentimento que, por estar afincado no universal concreto do corpo, permite a identificación co culturalmente distinto e distante (p.e. a parella interracial, tan transgresora no seu tempo, de Lennon e Yoko Ono).
A acción política, así guiada, non debe ser máis que a procura racional do mellor camiño para evitar a dor de todos e todas, de familiares e estranxeiros.

6 comentários:

Torcinho disse...

Pero a canción (God refírome), non é máis ben unha reivindicación do Imaxinario (só cre en Yoko e máis nel)? Hai algo máis alá do "buenismo" no discurso de Lennon?
Por outra banda, máis que inspiración cristiá eu vexo cristianismo en estado puro: o corpo sufrinte do fillo de Deus na cruz, a súa "solidariedade" cos leprosos, coas prostitutas, os corpos torturados e mutilados dos primeiros mártires. E Xesús o antídoto contra a posmodernidade?
De calquera xeito, o que está claro é que Yoko xa non acredita na banalidade da bondade:
http://www.lavanguardia.es/gente-y-tv/noticias/20100728/53972944925/yoko-ono-se-opondra-por-sexta-vez-a-la-liberacion-del-asesino-de-john-lennon-chapman-the-beatles-nue.html

O Fuco disse...

Tomando a Yoko só en tanto que suxeito próximo a John Lennon, a identificación entre eles dous si pertencería ao Imaxinario. Tomando a Yoko como a metáfora do culturalmente/racialmente distinto John Lennon está seguindo a ética de Eagleton: amar ao extranxeiro en tanto que corpo semellante ao meu. A frase "the dream is over" parece tamén reforzar esa idea de abandonar todo idealismo en favor do material.
Efectivamente, o de Eagleton é cristianismo puro e duro. No seu libro queda aínda máis claro que no meu post. Pero, acaso ten algo de malo un cristianismo ao que se lle extirpe a Deus e ao Espírito Santo?
A Yoko Ono real (como o John Lennon real se tivese tido tempo para ser decadente) non me interesa demasiado. Como diría o simpático bilingüista Manquiña: o importante é o conceto.

Torcinho disse...

Yoko Ono como metáfora do culturalmente distinto??? Máis ben metáfora do familismo posh. Hai pouco tempo alguén acusou a Beatriz Preciado e adláteres de se converteren indirectamente nos "xustificadores intelectuais da eliminación da economía como materia de debate político."
Sinceramente, a min resúltame imposible atopar en Díaz Ferrán un corpo amigable.

O Fuco disse...

Fundamentar o valor da solidariedade e do internacionalismo non impide a loita económica, máis ben ao contrario, a incentiva porque pon a igualdade por riba das diferenzas de clase (ou doutro tipo). Despois podemos facer todas as ironías que queramos coa figura de Yoko Ono.

Torcinho disse...

Si, claro tes razón. O problema para min é: por qué non somos quen de ver algo tan obvio como que todos, absolutamente todos, somos seres sociais vulnerables? Quero dicir, podemos mudar a infraestrutura dende a superestrutura?

O Fuco disse...

Ese é o quid do asunto. Cómo ver o que xa está aí e cómo comezar a actuar en consonancia.