11/29/2009

Tempo de cambios




Por enésima vez pretendíase –ca fastuosa celebración do trinta aniversario da caída do muro de Berlín– utilizar aqueles feitos como ariete contra calquera tentativa de oposición á pax americana. E porén, desta volta a cousa non callou. Dar leccións de historia nuns momentos de crise financeira, segregación planetaria e multiplicación dos conflitos semellaba máis difícil do que nunca.
Se algúns diagnosticaran a “fin da fin da historia” –
fin da historia decretada precisamente coa caída do muro de Berlín– o día en que foron atacadas as torres xemelgas, máis razoable sería atribuír tal protagonismo a un feito que, xa na altura de 1999, denunciaba a onde nos levaba o neoliberalismo: a batalla de Seattle entre activistas de medio mundo e a OMC.
Ante este combate entre unha esquerda que apuntaba co dedo as verdadeiras causas dos problemas que asolaban o planeta e as organizacións supranacionais que os creaban, a esquerda reformista desdebuxábase –e máis se habería desdebuxar aínda cando moita desa esquerda reformista colaborase na invasión e destrucción de Iraq e Afganistan– a pasos axigantados, ata que os resultados das eleccións europeas de 2009 lle desen, sobre todo no cu do SPD, unha pancada que podería ser definitiva.
Case que coma un fito máis desta “fin da fin da historia”, leo un libro –
Ecce Comu. Como se chega a ser o que se era (Paidós, 2009)– no que Gianni Vattimo, o pai do “pensamento débil” e outrora epígono do posmodernismo, declara solemnemente que «sempre chega un momento no que caemos do cabalo e nos convertimos». E engade: «para moitos de nós, o momento da reconversión ao comunismo foi a guerra iraquí.»
E se ben o filósofo non renuncia ao pensamento débil (e por que habería renunciar? Acaso a dúbida metódica do pensamento científico –por moito que Lacan xulgase a instalación na sospeita propia do pensamento científico como un pensamento paranoico– non é compatible co compromiso ético desde os inicios da modernidade?) recoñece que cambiou de idea ou polo menos de moitas das súas ideas. E ademais, sorpresivamente, engade: «reinvindico este dereito, suliñando, porén, que nunca fun axente da CIA, como outros intelectuais máis coñecidos que antes eran de esquerda, despois deixaron de selo e, se cadra agora, o sexan de novo.» Pois menos mal señor Vattimo.
Como denominar agora esta nova era pos-posmoderna será unha pregunta que non tardará en ser contestada.

Pero se se adiviña un cambio de era a nivel mundial, no ámbito do estado español as cousas non son moi diferentes. O mesmo que na política internacional se detectan cada vez con máis claridade os problemas, os causantes dos problemas e as solucións aos problemas, na política estatal, ca súa inacabada articulación territorial, tamén os discursos chegan cada vez con máis nitidez. Así, tras anos de creación dun polo mediático-económico madrileño, o españolismo volve cabalgar con máis ímpeto do que nunca. Neste sentido a irrupción de UPyD e a súa proposta de cercenar directamente toda protección ás linguas diferentes á castelá e de iniciar unha recentralización do Estado ten, como mínimo, a virtude de pór as cartas do españolismo boca arriba. E se as cousas son cada vez máis claras no españolismo o mesmo ocorre, por exemplo, no catalanismo. O editorial conxunto da prensa catalá en defensa do Estatut en contraposición ao clima neofranquista dimanado desde a prensa de Madrid, supón o anuncio dun auténtico choque de trens en direccións contrarias. Decida o que decida o Constitucional (se alguén cre que o Constitucional é un órgano que decide algo á marxe dos intereses políticos, claro) as consecuencias que comportará todo isto para o estado español van desde un salto cualitativo no autogoberno catalán se o Estatut é aprobado (e a apertura dun camiño para un futuro estatuto vasco) a un enfrontamento directo e transversal dunha sociedade catalá cada vez máis arredada dunha realidade española opresiva. Tamén no caso vasco estamos ante un momento de
impass que pode levar a unha nova era na súa articulación dentro do Estado Español. Fronte a existencia dun bipartito españolista de dubidosa representatividade social, cada vez aumentan máis as probabilidades de que a esquerda abertzale camiñe definitivamente sen ETA e consiga conformar, canda os outros sectores nacionalistas "legais", un amplo movemento que desatasque o artificialmente enquistado mapa político en Euskadi. Nin que dicir ten que as consecuencias políticas da fin de ETA e da conformación dunha nova maioría no País Vasco para o Estado Español serían históricas.
Pola nosa banda, tamén en Galiza estamos nun momento histórico. O único que esperamos é que non sexa tamén histérico. Tras a decepción da chegada do bipartito ao poder, unha nova dereita moi ideoloxizada e con ganas de mudar a sociedade, irrompeu no bonsai atlántico. As elites culturais galeguistas tras décadas de aceptación resignada dos currunchos do simbólico que lles concedera o fraguismo, ven agora como mesmo estes currunchos son desmantelados sen piedade e sen a penas contestación. Este desmantelamento do país, perceptible en decisións tan dispares como o maltrato á lingua galega, a intencionada falta de liderado político no que ten que ver coas caixas de aforros, a uniformidade, estupidez e falta de compromiso (cando non directamente traizón) do discurso dos medios de comunicación con sede no país, a concesión sen contrapartidas a empresas foráneas da explotación dos recursos naturais, o regreso ao PSdG de resesas personaxes, e con elas das diatribas localistas, moi cómodas para a dereita, etc., conforman unha realidade ben preocupante onde a viabilidade de Galiza como cultura, espazo político e conxunción de intereses económicos está sendo posta en xogo a diario.

11/15/2009

Gasto público, beneficio privado




«A verdade teórica de que toda clase ten un só partido demóstrase, nos momentos decisivos, polo feito de que
diversos agrupamentos, cada un dos cales se presentaba coma un partido “independente”, se reúnen e forman un bloque único. A multiplicidade existente con anterioridade era só de carácter “reformista”, é dicir, referíase a cuestións parciais; en certo sentido era unha división do traballo político (útil dentro dos seus límites); pero cada parte presupuña ás demais, ata o punto de que nos momentos decisivos, isto é, cando se puxeron en xogo as cuestións principais, formouse
a unidade e verificouse o bloque.»

Antonio Gramsci. A política e o estado moderno.


Asentar a confusión entre o público e o privado no seo das democracias de mercado constitúe un dos maiores triunfos das clases altas sobre as baixas. Estas clases altas, lonxe de pretender, como en teoría pretende a ideoloxía liberal que as sustenta, desmantelar o estado, conseguiron colonizalo ata lograr especializalo naquelas tarefas que mellor representan os seus intereses (basicamente represión e control), enmagrecelo naqueles campos nos que a empresa privada vai sendo capaz de substituílo (educación e saúde), utilizalo para financiar aqueles investimentos nos que o capital privado non alcanza (infraestruturas e transportes) e, con especial descaro desde o crack financeiro, parasitalo cando a man invisible do mercado padece algunha torcedura (axudas públicas aos bancos).
A propósito da imaxe da “cadeira baleira” como metáfora do que deberían ser as institucións democráticas ideais, nas democracias de mercado realmente existentes a cadeira converteuse máis ben nunha poltrona perennemente ocupada por un rei mago de aparencia benefactora pero con tendencia, na realidade, a beneficiar máis a unha parte do espectro social do que ás outras. Neste sentido, os diferentes partidos políticos non serían máis ca nenos rebuldeiros e berróns devecendo por se sentaren, sucesivamente, no colo do rei á espera das súas dádivas. Esta identificación do partido político co neno que só quere apousar na aba agarimosa do rei mago pero que nunca se atreverá a arrincarlle a barba postiza (o recorrente silencio por “interese de Estado”) para desvelar o caracter falsario daquel é o que acaba por xerar unha distinción entre partidos políticos: os que forman parte do aparello do estado (o bloque histórico gramsciano) e que son un piar imprescindible para a reprodución do sistema e os partidos políticos en tanto que estruturas racionalmente organizadas para conseguir o poder, desenmascarar a natureza clasista do estado e reverter a situación. A crise desta última visión do partido político é a verdadeiramente preocupante, e á espera de que a sociedade invente outro xeito mellor de articularse, o único que temos é ao bloque social orfo dunha representación dos seus intereses acaída.
O drama, xa que logo, da esquerda política que opta por entrar no xogo democrático mimetizándose co medio, estribaría en enlearse na defensa dun estado xa sempre entregado a uns intereses de clase concretos como se aquel fose realmente un ente neutro. Co seu fincapé nas políticas conducentes a fortalecer o aparello estatal esta esquerda estaría contribuíndo, mesmo sen querelo, a apuntalar unha institución cuxa lóxica é igual de nociva para as clases populares ca do sector empresarial privado.

Por fortuna, e como consecuencia da constatación de todo isto, viría xurdindo, dun tempo a esta parte, unha esquerda non estatalista –ou cuxa principal finalidade non estaría na ocupación, pola mera ocupación, das institucións–, conformada polos estratos da sociedade civil máis conscientes e comprometidos. Esta esquerda, plenamente sabedora da insuficiencia das categorías do público e do privado –toda vez que moitas veces a iniciativa pública xera tantas ou máis inxustizas ca privada– estaría a centrar a súa atención na importancia dunha terceira categoría: a do común. O común en tanto que vítima e antagonista das dúas anteriores. Esta esquerda anónima, cuxos referentes próximos poderían ser atopados na renuncia zapatista (o para todos todo, para nosotros nada) e no neoutopismo do "outro mundo é posible", ao rexeitar o dirixismo dos partidos con esquemas vangardistas, partidos inseridos no desexo egoísta de sentar nas abas do rei mago, demostran unha grande agudeza crítica. Agora ben, por máis fina e acertada que poida ser a consciencia política desa sociedade civil, esta nunca poderá, por si mesma, cambiar o estado de cousas sen abordar a cuestión de como transformar o seu capital simbólico (en forma de consciencia, compromiso, autenticidade, loita) en capital político (en forma de poder real de mudanza).
Vexamos agora un exemplo concreto, e ben recente, a modo de ilustración do dito: Onte acudín á manifestaciónA ría non se vende. Facendo repaso dos lemas coreados ao longo da marcha (centro comercial pim pam pum, caixanova especuladora, recheos non) é fácil decatarse de que estes dardos daban de pleno –Gramsci diría que puñan «en xogo as cuestións principais»– na diana dos alicerces do sistema: dependencia do consumismo insostible, denuncia dos intereses económicos ocultos tras as decisións políticas, destrución do común por parte das institución públicas que deberían velar por el, etc. Pero alí faltaba moita xente. E en concreto faltaba toda a xente organizada arredor do BNG e da CIG (nin unha soa bandeira puiden ver destas dúas organizacións). O que provoca en min algunhas cuestións:
Por que non apoiou o BNG esta manifestación? Quizais porque non controlou, segundo os esquemas clásicos do partido de vangarda, a convocatoria? Por que seguen pensando que o intercambio ideolóxico entre a sociedade e o partido debe facerse sempre de arriba abaixo e nunca de abaixo arriba? Pensa o BNG que detrás desta manifestación hai quen traballa en contra dos seus intereses? Pero por que non capitalizar estas demandas dos movementos sociais para aplacar así as posibles críticas á fronte? Acaso non pode (e por que non pode?) o BNG defender estas causas? Non coinciden acaso os intereses do BNG coas demandas enunciadas nos lemas desta manifestación? O BNG non está en contra dos recheos indiscriminados nas nosas rías? O BNG non apoia a defensa a ultranza do espazo público? O BNG non está pola defensa do medio ambiente galego? O BNG non se opón á especulación urbanística e á privatización da costa? O BNG non defende os sectores produtivos tradicionais do noso país? O BNG non concorda con que os intereses da xente e os intereses dos bancos son antagónicos? Que sucede? Non hai esquerda política en Galiza? Converteuse o BNG nun partido con vocación de aparello do estado? De piar do sistema? Moitas preguntas.
Entérome hoxe de que no consello nacional do BNG celebrado onte decidiuse aceptar a proposta do Encontro Irmandiño de crear unha comisión de estratexia que será presidida por X.M. Beiras; e volvo formularme preguntas: Conseguirá este órgano consultivo volver facer do BNG o instrumento útil para que demandas como as formuladas por A ría non se vende entren na axenda política do país? Ou estamos so ante a vulgar tentativa de aplacar as críticas –máis ante o nacemento de iniciativas como a Rolda da rebeldía– das bases máis esixentes?
O tempo dirá, pero son escéptico.

11/06/2009

Austeridade



O concepto austeridade está moi imbricado nunha sociedade como a nosa que ten na tradición xudeucristiá un dos seus elementos constitutivos. Pola propia xénese do cristianismo –a relixión dos pobres– a falta de ostentación ou o desprendemento material foron considerados valores positivos. Porén se desde o mesmo comezo houbo contradicións entre o discurso e a práctica da igrexa no que ten a ver coa austeridade (a primeira xa cando Cristo ten que botar aos mercaderes do templo), aquelas –por poñer outros exemplos– aflorarían de xeito especialmente incisivo nos debates escolásticos entre benedictinos e franciscanos do s. XIII (lembrar
O nome da rosa) e, xa máis preto de nós no tempo, nas disputas entre o Vaticano e os cregos da Teoloxía da Liberación.
Pensemos uns intres agora no clásico de Max Weber
A ética protestante e o espírito do capitalismo. Este libro desenvolve, cun ar de neutralidade científica, unha das maiores mistificacións nas que se basea o pensamento burgués. A saber: a acumulación de capital non é o produto da violencia exercida por unha clase social sobre outra/s (a acumulación primitiva de capital das enclosures na Inglaterra do s. XVIII), duns países sobre outros (o imperialismo europeo do s. XIX), ou do chamado Occidente fronte ao resto do mundo (a globalización dos mercados nos s. XX e XXI); senón que é o produto dunha ética concreta caracterizada polo puritanismo, o aforro, o amor ao traballo, o ascetismo e, por suposto, a austeridade. Así, Weber integra o substrato cristián que equiparaba austeridade e virtude –aplacando o potencial revolucionario que aquel agochaba– na maquinaria económica capitalista. A esta mistificación hai que unirlle a outra gran mistificación do liberalismo económico: a man invisible do mercado, ou, o mercado como lugar de interacción igualitaria duns axentes económicos á procura do beneficio particular. É a partir deste cóctel ideolóxico que aquel constrúe a estada discursiva na que se sustenta.
Entón, e por resumir, vemos que o pensamento liberal se caracteriza por dous aspectos básicos: 1. Incorporación, ben que retórica, dun ideal ético rigorista no individual (retórico porque debe convivir co necesario hedonismo consumista). 2. Preponderancia do mercado fronte ao labor regulador do Estado no colectivo.
Naturalmente, estes dous principios son puras entelequias ideolóxicas no sentido marxista da «ideoloxía como falsa conciencia»; xa que logo, estas abstraccións ideais están lonxe de poder reflectir axeitadamente a realidade e son máis ben narracións (nas que mesmo se adoptan, por vía cristiá, valores como a pobreza ou a igualdade propios das clases subalternas) que permiten lexitimar o estado de cousas e manter a cohesión social.

Tendo todo o anterior presente, podemos agora entender mellor por que –por exemplo no ámbito da política galega– a palabra austeridade parece non querer significar o mesmo cando un fala desde unha ou outra posición política. Así, cando Feijoo di que o seu será un “goberno austero” rapidamente pensamos que: 1. Semella razoable sospeitar que Feijoo non utilice este termo porque crea na austeridade como modo de vida (ao fin e ao cabo, e a teor da trama Gürtel ou da lea en Caja Madrid, puidemos comprobar como boa parte do seu partido, ao tempo que predicaba a Cidade de Deus agostiniá para os demais, parecía escoller para si a laxa moral de Sodoma e Gomorra) senón porque sabe que as clases populares e medias valoran positivamente este termo. Unhas, acostumadas como están a vivir na austeridade perpetua, porque desexan máis ou menos conscientemente ver chegar o día en que tamén os ricos vivan austeramente. As outras, vítimas da mala conciencia, porque aínda operan baixo a lóxica dun remanente de cristianismo piadoso (e case que sempre hipócrita). 2. O verdadeiro significado do termo austeridade para Feijoo, en coherencia coas súas ideas liberais, é aquel que vai enfocado a adelgazar o sector público (velaí temos como proba á catoliquísima Farjas abrindo as portas do novo hospital de Vigo ao capital privado) e a facer do goberno un mero apéndice da vida económica.
De maneira que a austeridade feijoá ten moito de truco: apela emocionalmente ao desexo de igualdade sempre presente nas clases populares pero faino só para poder meterlles con calzador políticas económicas que, por prescindir do investimento público, e, polo tanto, do caracter redistributivo deste, non producirán máis que desigualdade.
Trátase, en suma, de impor a austeridade forzosa á maioría. E que aquela minoría cuxas festas –Ric Costa
dixit– non rematan nunca, poida seguir gozando, de Sodoma e de Gomorra, como o fixeron sempre.


Artigo escrito orixinalmente para
Tempos Dixital

11/03/2009

A derrota da verdade



O editorial que publicaba hai uns días o diario El país baixo o título La derrota de Zelaya sobre o desenlace do golpe de estado en Honduras –desenlace que só tería lugar tras un acordo entre o presidente electo democraticamente e derrocado manu militari Manuel Zelaya e o seu usurpador Micheletti– é todo el un despropósito facilmente resumible no seguinte parágrafo:


«Y si Zelaya ha sido derrotado y Micheletti ha ganado, otro triunfador es el presidente Obama. El competente encargado de asuntos latinoamericanos, Thomas Shannon, ha presidido esta fase de las negociaciones barriendo las últimas objeciones de Micheletti, pero sirviendo también a los intereses de su país: el golpe ha sido condenado en fondo y forma; Manuel Zelaya ya puede ser repuesto; y, en especial, el fantasma del chavismo deja de cernerse sobre Honduras. Es un éxito modesto, pero bienvenido para una política exterior que no anda sobrada de éllos.»

Nel recoñécese e celébrase que o golpe de estado conseguise impor os seus criterios, toda vez que se considera a Micheletti como un dos gañadores. Así mesmo, e en boa lóxica, recoñécese que se a vitoria de Micheletti é a vitoria de Obama, os intereses destes dous estarían do mesmo bando e, por último, recoñécese que de nada valen o que digan as urnas mentres o que vote a xente sexa iso que El país chama: «el fantasma del chavismo» e que a min me recorda a aquel outro fantasma que percorría Europa a finais do século XIX provocando que todas as potencias da vella Europa se unisen «nunha Santa Alianza para conxuralo.»

Pero, por que o xornal da progresía (é un dicir) española, mostra ese aliñamento absoluto co máis reaccionario de Latinoamérica? Para coñecer a resposta, nada mellor que un libro moi recomendable que acaba de saír do prelo: Desinformación. Cómo los medios ocultan el mundo. (Pascual Serrano, 2009). No mesmo, a informada pluma deste cofundador da publicación electrónica Rebelión, convídanos a unha viaxe polo mapamundi da infamia, dos intereses económicos, da barbarie e da hipocresía. Un percorrido polas portadas de periódico, polas tertulias radiofónicas e polos platós de televisión para que coñezamos os verdadeiros motivos polos que ese cuarto poder capaz de eclipsar aos outros tres xuntos, conta o que conta da maneira en que o conta e cala o que cala da maneira en que o cala.

Entón, e por retomar a cuestión, por que o xornal da progresía española mostra ese aliñamento absoluto co máis reaccionario de Latinoamérica? Serrano ofrece, e perdón pola longa cita, algúns argumentos que cómpre ter en conta á hora de respondérmonos esa pregunta:

«Así, encontramos los canales de televisión de Gustavo Cisneros apoyando el golpe de Venezuela. Cisneros ha extendido su imperio mediático hasta Chilevisión de Chile y Caracol TV de Colombia, con una participación en DirecTV Latin America. También posee acciones en Univisión, el principal canal en español de Estados Unidos y una empresa conjunta con AOL-Time Warner de conexión a internet para América Latina. En Venezuela es dueño del mayor canal privado de televisión, Venevisión. Por otro lado, el grupo español Prisa posee muchos intereses económicos asociados con Cisneros. En 1996, Cisneros se hizo con un 6,9 por 100 de Vía Digital, una plataforma que terminó integrada en Sogecable (Grupo Prisa). A ello se suma el nexo de unión entre ambos que constituye el grupo empresarial Valores Bavaria. Cisneros es uno de los socios estratégicos de esta compañía, a través de la cual tiene presencia en el Grupo Latino de Radio, el holding en el que, con un 87 por 100 de acciones, Prisa agrupa toda su actividad radiofónica fuera de España. Y Bavaria reaparece en Caracol Radio, cadena líder en Colombia donde Prisa posee el 19 por 100 de acciones. Todo esto explica que compartan trinchera mediática apuntando contra Hugo Chávez.»