4/07/2008

Mecánica

A primeira lei de Newton di que en ausencia de forzas exteriores, todo corpo continúa no seu estado de repouso ou de movemento rectilíneo uniforme a menos que actúe sobre el unha forza que lle obrigue a cambiar dito estado. A terceira lei, abundando, fálanos desa posible forza desestabilizadora cando di que se un corpo actúa sobre outro cunha forza (acción), este reacciona contra aquel con outra forza de igual valor e dirección, pero de sentido contrario (reacción). Na dinámica circular, esta forza se denomina forza centrífuga e, tendo o mesmo valor que a súa parella –a forza centrípeta– adopta o sentido oposto, é dicir, é radial cara afora.
Na política española, debido á propia estrutura do estado, é tan importante colocarse no eixe esquerda /dereita (sen saír da foto, claro) como no eixe centro/periferia. Esta dupla contradicción debe resolverse non só no conxunto dos partidos do arco parlamentario, senón tamén no interior de cada partido por separado. Así, vemos que se na lexislatura pasada o PSOE vogou (por necesidade conxuntural, iso si) por correntes centrífugas, na actual todo parece indicar (a elección de Bono como presidente do congreso, o nomeamento de Alonso como portavoz parlamentario, o interese de Zp en presentarse á investidura sen pactos cos nacionalistas) que haberá un cambio de rumbo e, se a aritmética llo permite, tratará de navegar con forza centrípeta, axudado polas correntes –estas sempre de fondo– do centralismo mediático madrileño.
Xustamente o contrario vemos no PP. Se a pasada lexislatura se caracterizou polo barullo e o fundamentalismo, a presente pode virar cara a posicións máis dóciles que permitan chegar a grandes acordos cos socialistas. O nomeamento da xuvenil –o simple feito da súa idade é xa parte da mensaxe– Soraya Sáez de Santamaría como portavoz no congreso, cuxas declaración de hoxe: “Una cosa es lo que sea uno y otra cosa es donde pretendan colocarte otros” son toda unha lección de imagoloxía e mais o carrusel de declaracións dos Señores periféricos (Camps, Arenas, Feijoo) que hoxe mesmo mostraron o seu apoio a un Rajoy ameazado pola sombra de Esperanza Aguirre é indicativo de que tamén o PP encetará (se pode) unha singradura diferente.
Como se se tratasen das dúas proas dun catamarán, os dous grandes partidos bailan coreografías acordadas, nas que o movemento pendular dun deles cara un extremo abala ao outro en sentido contrario. Se non aparecen vías de auga a tempo, sucederá o que calquera que teña empuñado o temón dunha chalana sabe: a mecánica endiañada que inspira a este trebello –na que o bote vira en dirección oposta ao temón– dá como resultas un aparente zigzagueo que calquera mariñeiro hábil sabe transformar nunha liña tan recta como aburrida.
Pero, como pode ser que a mecánica acción/reacción acabe por dar como resultado un “repouso rectilíneo”? A resposta é sinxela. A miña definición da primeira lei de Newton foi sesgada a mantenta como brincadeira retórica. É certo que Newton dicía que un corpo sobre o que non actúen forzas estrañas permanecerá en repouso ou en movemento rectilíneo, pero, o inglés engadía tamén que isto sucedía sempre que as forzas implicadas non se anulasen entre si. Velaquí a mellor definición de bipartidismo: dúas forzas anulándose entre si, mentres interactúan.
Entendo agora, mentres bocexo, por que aquela primeira lei tamén era coñecida como a da inercia.

4/06/2008

Imperio é barbarie

O imperio civilizando os bárbaros (e viceversa)
En Introducción a la literatura comparada, Armando Gnisci cóntanos como a antiga sociedade helénica, exemplo por outra banda de imperio multicultural e multiétnico, establecía unha distinción lingüística entre o estranxeiro grego (por exemplo o espartano respecto ao ateniense) ao que denominaba cun termo cuxo significado era tamén “hóspede” e que supuña unha diferenciación estatal e política; e mais o estranxeiro non grego, o “bárbaro” (por exemplo o persa) que non compartía cos gregos elementos coma o sangue, a lingua, a relixión ou os costumes.
Esta relación establecida entre os imperios clásicos e o bárbaro podería describirse como complexa ou ambigua, pois se ben provocaba unha situación de sometemento e de explotación, tamén producía o espallamento, por medio da lingua grega e latina, dun corpus filosófico, literario e lexislativo e duns coñecementos en ciencia ou enxeñería bastante beneficiosos para as sociedades colonizadas. Asemade, o bárbaro acababa por influír tamén no invasor; así o evidencia Gnisci cando asegura: «África dio a Roma auténticos gigantes de su historia intelectual (...) Pensar que el autor de las primeras “Confesiones”, el plasmador de la doctrina católica, el inventor de la filosofía providencialista de la historia, el elaborador de la semiótica antigua, el creador del verso rítmico, el inspirador de la Reforma Luterana y, por lo tanto, de la modernidad europea, pudo tener la piel oscura da una idea de la aportación decisiva de las provincias, y sobre todo de África, al desarrollo de lo que nos gusta definir como pensamiento occidental o como literatura europea».
Malia isto, continúa Armando Gnisci: «Según Estrabón el término bárbaro (...) es de origen onomatopéyico y describe el tartamudeo al que se parece una lengua que no se conoce. El desprecio por los tartamudos» continúa o italiano «llega hasta el punto de comparar las lenguas no griegas con el lenguaje de los animales».
Partindo do dito é fácil establecer o paralelismo coas sociedades actuais, onde europeos occidentais, norteamericanos e cidadáns dos outros países anglosaxóns se tratan entre eles coma hóspedes (é dicir, recoñécense coma individuos con dereitos políticos) e onde todos os demais (os estados subalternos, os cidadáns sen papeis, os fillos da banlieu, os xitanos do Vao ou de Penamoa, os que só son números nas estatísticas da humillación) integran as hostes bárbaras, conforman o que Giorgio Agamben denominou homo sacer, o home sen identidade política, animalizado e reducido a simple ser vivente.
Manipulando todo este pano de fondo é como Huntington acuñou a cínica expresión de “choque de civilizacións” para describir a transformación dun conflito político-económico nun conflito puramente cultural ou relixioso.

Os bárbaros civilizados
Como se estivésemos no mundo ao revés, infórmome de que Hugo Chávez – “o gorila vermello”, polo tanto, un animal, polo tanto un bárbaro– asinou un acordo de colaboración co concello de Londres capitaneado por Ken Livingstone (cuxo alias tamén é Ken “O vermello”) de xeito que os londinenses sen traballo poidan ter acceso a un desconto no transporte. A compañía estatal venezolana PDVSA venderá combustible un 20% máis barato á capital británica, permitindo así un aforro duns 24 millóns de euros, que serán investidos en descontos no transporte para a xente en paro. Londres, a cambio, dará asistencia técnica especializada a varias cidades venezolanas, en ámbitos como o transporte, a protección ambiental e a planificación urbana.
Esta nova fíxome lembrar o corto de Javier Fesser “Binta y la gran idea” na que con tenro humor coñecemos o periplo que o pai de Binta –sabedor de que o alto desenvolvemento dos europeos provocou que gañasen tantos cartos que non necesitasen preocuparse polos demais– seguirá polas distintas instancias burocráticas e gobernamentais do seu país até, por fin, conseguir entregar unha carta ao gobernador. Mediante esta carta accedemos á súa xenial idea: o desexo de iniciar os trámites para adoptar un neno europeo de xeito que poida desenvolverse como persoa e así contribuír á mellora da humanidade.
Despois de o sur comezar xa a axudar materialmente aos países ricos, falta por chegar un tempo no que arcas máis éticas que a de Zoé organicen excursións para os nenos do norte. Dito doutro xeito, ten que chegar un día no que os antigos bárbaros lle ensinen ao mundo a súa nova civilidade poñendo en práctica o sinalado por Xosé Manuel Beiras nun recente artigo: unha vez fracasada a epistemoloxía do norte, é tempo dunha nova epistemoloxía do sur.

O imperio bárbaro e outras rara avis
Segundo din Toni Negri e Michael Hardt en Imperio, «El emblema austrohúngaro, un águila de dos cabezas, podría resultar una representación inicial adecuada de la forma contemporánea del imperio. Pero, mientras en el emblema anterior las dos cabezas miraban hacia fuera, para designar la relativa autonomía y la coexistencia pacífica de los territorios respectivos, en nuestro caso las dos cabezas» a do imperio (maquinaria de dominio biopolítico) e a da multitude (subxectividades produtivas e creativas da globalización) «deberían colocarse frente a frente, atacándose una a la otra».
Se Negri e Hardt ilustraban con esta imaxe as dúas grandes forzas que loitan, ou deberían loitar, arestora no mundo, eu propoño outras tres metáforas aviares máis para seguir debullando a situación actual:
-Os paxaros de Hitchcok como metáfora do terrorismo internacional. Inspirado pola lectura zizekiana do cine de Hitchcock propoño esta película para mostrar como o ataque sistémico, irracional e inmotivado que subverte a vida plácida e normal da vila tendo en conta sempre que o irracional é parte inseparable dese lugar e dese tipo de vida e que unha vez acontece, volve deixar as cousas tal cal estaban, sen conseguir unha nova orde ou un novo estado de cousas se podería identificar cos ataques excesivos do terrorismo global, que en realidade aplican dun xeito irregular o que o propio sistema fai baixo cobertura legal: sementar o horror sen conseguir melloras políticas.
-O albatros de Baudelaire como metáfora da esquerda. Se para Baudelaire o albatros representaba o poeta, eu propóñoo como representación do estado actual da esquerda. Unha esquerda que trata de recompoñerse e que polo de agora só conseguiu teorizar e mobilizar á contra pero sen alternativas concretas para a vida concreta; é dicir, unha esquerda que aínda sobrevoa con grandes ideais a realidade pero que ao baixar á terra fracasa e aparece ridícula e torpe. Baudelaire, cando fala do albatros, dío de maneira máis aquelada: “No medio dos apupos desterrado no chan,/ as súas ás de xigante impídenlle camiñar”.
-A aguia de Prometeo como metáfora do ataque por parte do Imperio-bárbaro á cidadanía. Cando xa non hai ese outro bárbaro aí fóra, a imaxe deste insírese no propio imperio; así, a aguia que sistemática e cruelmente come o fígado de Prometeo (o protector da civilización) actuaría como metáfora do Imperio-bárbaro en estado de guerra permanente contra a cidadanía mundial. José Luis Sampedro, o autor de Los mongoles en Bagdad, expresou certeiramente o significado dun deses ataques nos que a aguia (ou o falcón) esnaquiza o fígado dunha parte do planeta: "Estamos en una etapa de bárbaros con una técnica brutal, algo que se comprueba en la guerra de Irak".

Conclusión
Se como di Ezequiel Adamovsky, a xente vive en constante tensión e angustia ante a posibilidade de que a continuidade da orde social e das súas propias vidas sexa vulnerada, e se o atractivo da dereita consiste en presentarse sempre como unha forza de “orde”, do que se trata é de facer visible o que xa todo o mundo intúe: que a esquerda non está só para antagonizar, para opoñerse ou para propor continuamente liñas de acción centradas en esboroar a orde existente, sen ofrecer a cambio máis que vagas ideas xerais dunha sociedade mellor sen substanciación práctica. Son precisas solucións eficaces que convenzan de que a alternativa presentada paga máis a pena que o estado de cousas actual, ou, tal e como o pon Adamovsky: «Es necesario pensar una estrategia política que apunte a reemplazar el estado y el mercado por instituciones de nuevo tipo capaces de gestionar el cuerpo social. Me refiero a instituciones políticas que garanticen la realización de las tareas sociales que, por su complejidad y escala, el cuerpo social espontáneamente no está en condiciones de resolver».
Eis a cuestión, articular politicamente mediante novas institucións e comportamentos o que xa todo o mundo devece por acreditar: que a orde proposta polo imperio é, en realidade, a barbarie; e que nós, os bárbaros, representamos a orde. Ou por rematarmos coa cita de Salviano –un cura de Marsella que escribiu De guber natione Dei (440)– incluída por Gnisci na súa introducción á literatura comparada: “Las capas más pobres para no padecer bajo la persecución pública buscan en los bárbaros la humanidad de los romanos, porque no pueden soportar, entre los romanos, la inhumanidad de los bárbaros".