4/07/2008

Mecánica

A primeira lei de Newton di que en ausencia de forzas exteriores, todo corpo continúa no seu estado de repouso ou de movemento rectilíneo uniforme a menos que actúe sobre el unha forza que lle obrigue a cambiar dito estado. A terceira lei, abundando, fálanos desa posible forza desestabilizadora cando di que se un corpo actúa sobre outro cunha forza (acción), este reacciona contra aquel con outra forza de igual valor e dirección, pero de sentido contrario (reacción). Na dinámica circular, esta forza se denomina forza centrífuga e, tendo o mesmo valor que a súa parella –a forza centrípeta– adopta o sentido oposto, é dicir, é radial cara afora.
Na política española, debido á propia estrutura do estado, é tan importante colocarse no eixe esquerda /dereita (sen saír da foto, claro) como no eixe centro/periferia. Esta dupla contradicción debe resolverse non só no conxunto dos partidos do arco parlamentario, senón tamén no interior de cada partido por separado. Así, vemos que se na lexislatura pasada o PSOE vogou (por necesidade conxuntural, iso si) por correntes centrífugas, na actual todo parece indicar (a elección de Bono como presidente do congreso, o nomeamento de Alonso como portavoz parlamentario, o interese de Zp en presentarse á investidura sen pactos cos nacionalistas) que haberá un cambio de rumbo e, se a aritmética llo permite, tratará de navegar con forza centrípeta, axudado polas correntes –estas sempre de fondo– do centralismo mediático madrileño.
Xustamente o contrario vemos no PP. Se a pasada lexislatura se caracterizou polo barullo e o fundamentalismo, a presente pode virar cara a posicións máis dóciles que permitan chegar a grandes acordos cos socialistas. O nomeamento da xuvenil –o simple feito da súa idade é xa parte da mensaxe– Soraya Sáez de Santamaría como portavoz no congreso, cuxas declaración de hoxe: “Una cosa es lo que sea uno y otra cosa es donde pretendan colocarte otros” son toda unha lección de imagoloxía e mais o carrusel de declaracións dos Señores periféricos (Camps, Arenas, Feijoo) que hoxe mesmo mostraron o seu apoio a un Rajoy ameazado pola sombra de Esperanza Aguirre é indicativo de que tamén o PP encetará (se pode) unha singradura diferente.
Como se se tratasen das dúas proas dun catamarán, os dous grandes partidos bailan coreografías acordadas, nas que o movemento pendular dun deles cara un extremo abala ao outro en sentido contrario. Se non aparecen vías de auga a tempo, sucederá o que calquera que teña empuñado o temón dunha chalana sabe: a mecánica endiañada que inspira a este trebello –na que o bote vira en dirección oposta ao temón– dá como resultas un aparente zigzagueo que calquera mariñeiro hábil sabe transformar nunha liña tan recta como aburrida.
Pero, como pode ser que a mecánica acción/reacción acabe por dar como resultado un “repouso rectilíneo”? A resposta é sinxela. A miña definición da primeira lei de Newton foi sesgada a mantenta como brincadeira retórica. É certo que Newton dicía que un corpo sobre o que non actúen forzas estrañas permanecerá en repouso ou en movemento rectilíneo, pero, o inglés engadía tamén que isto sucedía sempre que as forzas implicadas non se anulasen entre si. Velaquí a mellor definición de bipartidismo: dúas forzas anulándose entre si, mentres interactúan.
Entendo agora, mentres bocexo, por que aquela primeira lei tamén era coñecida como a da inercia.

Sem comentários: