2/19/2008

A tiranía do novo

Disque Sony e Toshiba están en guerra (cada vez ten menos sentido falar de guerras entre países e máis de guerras entre empresas) e nesta guerra o que se xoga é quen conseguirá impor o seu formato de vídeo: Blu-ray Disc vs. HD DVD. Mentras se libra a batalla, nós, habitantes do mundo opulento, mantémonos en vilo sen saber se o feixe de DVDs que almacenamos nos andeis, poderán ser visionados dentro duns aniños ou se non encetarán, como lles sucedeu no pasado ás cintas Betamax e aos discos de vinilo, a mesma senda que seguiron os vellos Neandertais: protagonizaren as primeiras pegadas dun camiño posible pero rapidamente abortado ou transformárense en curiosidades históricas para coleccionistas e público especializado. Consciente de que o sistema que padecemos necesita a busca continua da novidade –algo que nos faga investir sen pausa en novos aparellos e que inutilice os xa de por si caducos trebellos que posuímos– lembro algo que lin recentemente en Filosofía del arte moderno, Konrad Paul Liessmann (1999). No libro o autor repasa as diferentes teorías da arte máis actual, dende o decreto de morte expedido por Hegel, pasando pola calella sen saída postmoderna até a interesante proposta de Boris Groys. Segundo este último, a modernidade encamiñouse á “superación de lo antiguo, a la transgresión y al infringimiento de los límites” é dicir, “a lo nuevo”. E segue Liessmann: …así pues, la búsqueda de lo nuevo puede interpretarse también como síntoma y resultado de aquella “intemperie transcendental” del sujeto moderno que ya describiera el joven Georg Lukács. En efecto, bajo las condiciones de una renuncia a verdades fundametales, a certezas últimas y a representaciones objetivas de la realidad, la pregunta por lo nuevo y la pregunta por lo que tiene valor encajan indisociablemente una en otra: “Preguntar por lo nuevo es lo mismo que preguntar por el valor: ¿Por qué tendemos en general a decir, a escribir, a pintar, a componer algo que antes no existía? ¿De dónde procede la fe en el valor de una innovación cultural propia, si ya es sabido de antemano que la verdad sigue siendo inalcanzable? O, preguntando de otro modo: ¿Qué sentido tiene lo nuevo?”. Segundo se extrae das reflexións de Groys comentadas por Liessmann, na época da reproducción en masa só é obxecto artístico aquel que aporta algo novo en relación ao que o autor ruso bautizou como arquivo cultural: a memoria inmensa e imprecisa ou o canon sempre cuestionado, resumo de todo aquilo que algunha vez encarnou unha visión orixinal e única. Aínda que o parecido coa arte só sexa metafórico, tamén é deste xeito que se comporta a economía neoliberal: cando todo o sagrado morreu, o valor das cousas reside máis no seu carácter de novidade que no seu valor de uso.
De volta a casa tras a manifestación que baixo o lema Galiza non se vende percorreu as rúas santiaguesas, debatemos sobre como o sistema capitalista coa súa promesa de riqueza para aquel que destaque consegue manter unha grande tensión competitiva. Preguntabámonos se non era esta tensión competitiva, a que xeraba unha continua invención e procura de descubrimentos que patentar e dos que sacar réditos; cuestionabámonos tamén se a falta de recompensa ao individuo brillante propia de sistemas menos competitivos –inevitable pensar nas extintas economías do socialismo real e na súa incapacidade para adaptarse ás novas industrias da información e á informática– non diminúe as posibilidades de desenvolvemento e de investigación no seo da sociedade. É dicir, se a mera meta de innovar para ben da comunidade ou do estado, non é un incentivo demasiado pouco atractivo para un ser humano ávido de poder e de gloria. Pensei todo isto despois de ver que na manifestación celebrada en Compostela se daban cita múltiples reivindicacións locais e illadas, palabras soltas e en principio inconexas ( Reganosa en Ferrol, macro vertedoiro no Ribeiro, colectivos de afectados por diversas estradas de Noia ou Redondela, a minaría do Courel, o plano acuícola para a costa…) que acababan por formar, mesmo aínda que moitos dos manifestantes non o souberan, todo un discurso facilmente intelixible: este progreso non nos vale, non queremos chegar máis rápido a ningures, non queremos máis industria e os seus refugallos, non queremos uns postos de traballo a este prezo; ou dito de xeito sintético: non queremos este modelo de desenvolvemento capitalista. (Da manifestación tamén se podería sacar outra conclusión: o saudable que é para todos ver a unha parte da sociedade civil galega mostrando músculo e capacidade organizativa e asumindo un papel de vangarda crítica que marque a golpe de decepción o camiño aos partidos políticos –polo menos, a aqueles que estean dispostos a escoitar a esta cidadanía e a facer propias as súas demandas–. Neste sentido, a mani foi un toque de atención en toda regra ao BNG (pois do PSdeG entendo que é parvo esperar nada) e os nacionalistas farían ben en non ver neste movemento unha ameaza, senón un complemento que aguilloe pola esquerda a acción do goberno).
Pero volvendo ao rego do dito na manifestación e do que en realidade se concluía, me pregunto en alto se moitos dos que alí estaban(mos) serían(mos) conscientes das implicacións resultantes de levar a cabo moitas das reivindicacións expresadas. Se como di Slavoj Zizek a propósito de Cuba, o escenario dun país case que paralizado, onde a penas hai coches, onde todo vai máis de vagar, no que a xente se dedica a deambular polas rúas, onde se cobren como se pode as necesidades básicas pero onde non existen os luxos, sería asumido por todos de bo grado. Pódeseme argumentar, que hoxe en día hai alternativas en materia enerxética para podermos levar unha vida razoablemente confortable sen asoballar a ninguén e sen abusar do planeta, e malia non poñelo en dúbida, fago a seguinte reflexión: para escapar á tiranía do novo, non só hai que cambiar o mundo, tamén temos que cambiar os nosos paradigmas e prioridades. O cambio necesario é tan radical, que para que o desenvolvemento sexa sustentable e xusto, nada pode volver ser igual a como é na actualidade. Non son só medidas económicas equitativas ou políticas de contido social as que se precisan, o máis urxente é construírmos os alicerces dunha nova ética, unha nova inversión dos valores nietzscheana que chame malo ao que hoxe é bo e bo ao que hoxe é malo. Porque se xa agora non somos moitos, cantos haberiamos ser na hora verdadeira en que tivesemos que renunciar á nosa colección de DVDs e a outras banalidades a cambio de que desaparecesen do mapa –canda as súas guerras absurdas– todas as Sony e todas as Toshiba? Seriamos suficientes –pregúntome eu– polo menos para encher a praza da Quíntana?

3 comentários:

miriño disse...

A guerra rematou. Gañou Sony co seu Blu-ray. Toshiba dase por vencida.

En principio Toshiba fabricou reproductores que podían ler tanto HD DVD coma os CD e DVD anteriores (ou sexa, os que temos na casa). Isto fixo que Sony seguira os seus pasos, e agora os reproductores de Blu-ray tamén len os formatos CD e DVD. É moi posible que non tendo competencia cambie a súa política e chegue un momento que os seus reproductores non lean os formatos antigos. Non creo que o fagan porque perderían cuota de mercado. Pero todo é posible en canto se ten o monopolio.

Non podo estar dacordo con esta implicación sobre a "tiranía" do novo. Resúltame moi reaccionario.

Soe ocorrer que o novo aínda non o entendemos e podemos reaccionar á contra, máis por comodidade que por coñecemento (isto é así todos os días con case todos os clientes cos que falo... o problema solucionase a maior parte das veces con información e formación).

Se non hai nada novo non se evoluciona.

Esta vez a comparación non me ven a conto. Unha cousa é que as ansias de poder e diñeiro de determinados políticos e empresarios (dos malos, dos que só pensan no seu peto) conleven unhas decisións que perxudican a moita xente. Esta é xente que se manifestou onte. E non é que non queiran o novo, o que non queren son vellas formas de facer que aínda seguen a utilizarse. Estamos fartos de pedir traballo, que se articule un verdadeiro (e ben pensado) tecido industrial que nos permita traballar aquí e non no resto do mundo. Non se está en contra da industria. Non é contra o novo polo que se protesta. (Ou si? Pode ser que prefiramos traballar lonxe para que Galiza siga sendo o paraíso verde onde descansar, coma deus no séptimo día... Realmente, non o creo).

Houbo unha manifestacións de manifestacións. Logrouse que a xente se unise para reivindicar o seu problema local para facelo de todos. Esta manifestación é das que me gustan. Demostrouse o domingo que se instaurou o sentido crítico na xente. (Iso é o que quero pensar, aínda que non estea de todo convencido).

Non entendo tampouco como se fala de novo nacionalismo, ou nova esquerda nacionalista (lino por aí, non foi aquí precisamente) cando na propia manifestación estaban Beiras e Nogueira.

Máis ben penso que se está en contra do mamoneo, da forma de facer política interesada, do caciquismo... todo moi vello xa. O problema non é a modernidade, é o uso que dela se fai.

Estou completamente dacordo en que hai que mudar a perspectiva. Así non se pode seguir. Este nivel de consumismo vainos levar a ruina irremediablemente. Mais serán novas perspectivas, novas formas de vivir para non saturar o mundo no que vivimos. Haberá que procurar novas formas, máis racionais, máis coidadosas coa natureza (e polo tanto, co ser humano). Non se pode escapar do novo. En todo caso haberá que inventalo, crealo, imaxinalo.

O Fuco disse...

Estimado Miriño, a miña crítica ao novo estaba centrada na función que este cumpre na sociedade capitalista, onde parece que, para que o chiringuito siga a funcionar, é necesario sacar ao mercado máis e máis produtos cunha vida cada vez máis curta. Por outra banda, tamén reflexiono sobre a probabilidade de que nunha economía non baseada na lóxica capitalista, todos os aspectos da vida -incluída a innovación- funcionasen a un ritmo máis lento.
Sobre as motivacións da xente que foi á mani, cada un tería as súas, pero alén dos motivos de cada quen, extraíase do conxunto, unha mensaxe clara de fartazgo da deterioración que acarrexa iso que chaman desenvolvemento.
Así, a modo de resumo: 1.Non estou en contra do novo por sistema; 2. Creo que o cambio de paradigma necesario tamén debería implicar que nos adaptásemos a unha sociedade onde os cambios sexan pausados e 3. Ninguén desexa máis a novidade que aquel que desexa mudar o mundo, porque como dixo Durruti "Levamos un mundo novo nos nosos corazóns: ese mundo está crecendo neste instante".

miriño disse...

Desenvolvemento e innovación máis lentas.

A miña pregunta é, onde está o desenvolvemento? e a innovación?

Sería paradóxico que precisamente dende Galiza se pedira calma e lentitude para o desenvolvemento.

Eu sigo dicindo, e crendo, que do que estamos fartos é da mesma forma de facer política. Da mesma forma de entender o caciquismo. Da mesma forma de pensar que o mellor é o que máis e máis rápidos beneficios me reporta.

O outro día dicíame un cliente que el lle pagaba unha cena tódolos meses á garda civil. E explicaba que el traballaba na carretera. Na mesma reunión falouse de que os gardas civís non pagaban en ningún restaurante da zona ningunha das consumicións que tomaban. A cambio non se puñan a facer controis os días de voda. Esta é a forma de pensar que non vai a ningures. É a forma de pensar que o inunda todo, e é do que estamos máis que fartos.

Pero isto non é culpa do desenvolvemento. É culpa de nós mesmos. É culpa da nosa maneira de pensar. E se utilizo a primeira persoa do plural é porque hai que pensalo así. Pensar que son os demais, non soluciona nada.

Nun país onde non existe a investigación e onde a tecnoloxía brilla pola súa ausencia non se pode pedir lentitude na innovación. Nin no desenvolvemento.

Hai que pedir que se faga ben. Que se cren as estructuras necesarias, que se cren postos de traballo (o de digno xa non o poño, ou é necesario?).

Para cada problema que enumeras (Reganosa en Ferrol, macro vertedoiro no Ribeiro, colectivos de afectados por diversas estradas de Noia ou Redondela, a minaría do Courel, o plano acuícola para a costa) o problema é que se está a xestionar fatal. Pero sen embargo, é necesario un porto exterior en Ferrol, son necesarias as estradas, é necesario un plano acuícola para a costa... vamos que son necesarias moitas cousas. Se se protesta non é porque se fagan as cousas, se non porque se fan mal. E moitas veces as consecuencias son peores que se non se fixera nada.

Pero xa dicía. Ao mellor non queremos mellores condicións de vida, ou de traballo AQUÍ. Ou sexa teremos que ir traballar a outros lados porque aquí non queremos desenvolvemento.

Resumindo. 1. Non estás en contra do novo por sistema, máis bótaslle a culpa dos nosos males. Eu penso que esos males xa os levamos nós, con novidades ou sen elas. 2. Cambios pausados? Pois eu creo que os cambios teñen que ser moi rápidos para ir adaptándonos a vivir doutra forma máis dacordo coa natureza e máis humana para con nós. Hai que mudar canto antes as formas de obtención de enerxía, hai que mudar canto antes esta maneira de ser e de pensar, hai que procurar que o desenvolvemento non vaia na nosa contra, o máis rápido posible. 3. Vaia! Deixei o meu libro de citas esquecido nalgures. :p