A illa
Todo é máis bonito visto desde lonxe, acostumaba pensar.
Uns minutos antes de divisar os guindastres do porto, as avenidas, os campos de rugby e os suburbios de beleza xeométrica que conforman Dublín, apareceu baixo a á do avión, moi perto da costa, un pequeno illote cuberto de herba. É coma unha Irlanda de tamaño chaveiro, pensou. Un anaco de veludo enchoupado de océano... unha impoluta moquetiña mol e esponxosa... unha minúscula torrada untada de manteiga.
Podería quedarme con ela no peto e renunciar a coñecer a outra, a grande, díxose. Pagaría a pena desfacerse da Irlanda imaxinada en favor da Irlanda que se pisa, que cheira, que molla?
Aclimatándose, agudizando o ouvido cos novos sons, aprendendo a reprimir o impulso de abandonar o camiño da esquerda, sentiu –el tamén– aquela estraña e tópica sensación de familiaridade en cada farrapo de mapa que percorría. Varias curvas despois foi quen de delimitar o motivo: as de Irlanda tamén eran montañas que non cansan nin homes, lombos de boi vencidos a norte e sur, por lonxanos viaxeiros.
É bo sentirse na casa en calquera lugar, pensou.
Unha civilización que nacera no mediterráneo oriental, e que esmorecía en Europa, recluírase na harmonía primitiva de abadías pétreas coma a de Glenndalough, para lamber as feridas e recadar forzas. Séculos despois, o lugar seguía a emanar a esquiva e pouco científica enerxía que desprenden os mortos.
As tumbas amoreábanse caoticamente, coma se un xigante tivese lanzado dende o ceo –igual que se lanzan os dados da sorte– un cargamento de cruces célticas e laxas pizarrosas.
Todos temos cadáveres detrás nosa –pensou– E moito medo a acumular máis cadáveres.
O caos tampouco non respectou o interior dos edificios: entre os muros ruinosos descansaban máis irlandeses idos. Ruínas que lle fixeron lembrar –cando perdía a ollada entre as nubes, imaxinando que sucedería se se decidise a coller a man dela e a non soltala máis– a igrexa de Santa Mariña, en Cambados, e os seus arcos que, segundo Cunqueiro, sostiñan o ceo.
Era a devecida estampa romántica. Tan próxima que se perdía coma auga entre os dedos. Era o mito feito filigrana entrelazada en pedra. Era a Irlanda celta das lendas, do cine, das axencias de viaxes e de William Butler Yeats.
Por iso, pretendéndose escéptico e despreocupado, el que naquela altura xa intuía que Butler viña, en realidade, de Walter (un nome normando) riu entre os mortos, facendo fotografías, e proxectando a cea daquela noite.
Non se colleron a man, trataron de convencerse, por causa do refrán que citan todos os preguiceiros (e os covardes) do mundo: Deus cando fixo o tempo, fixo dabondo.
Foi por iso que non se colleron da man...
Polo menos. Non aquel día.