9/25/2015

Sostén de Toro

Sostén de Toro no artigo "Inaceptábel":


Os medios de comunicación informaron de fontes da direción madrileña dun partido, “Podemos”, de que organizacións galegas tiñan un acordo formalizado alí para apresentar unha candidatura conxunta ás elecións ao parlamento español.


Si, hai forzas políticas soberanas que dialogan cando o consideran pertinente, non piden permiso a ninguén para facelo e fan público o contido de tales reunións cando o estiman oportuno ou cando lles obrigan as filtracións (por desgraza, como calquera que estea en política sabe, o pan noso de cada día). Do mesmo xeito que a organización, a cuxa fundación pertence o “cidadán” de Toro, se reúne con quen lle peta cando lle peta e acorda o que lle peta sen que ninguén rasgue as vestiduras. Falso de toda falsidade que o pre-acordo político existente formalice a cuestión concreta de presentar unha candidatura conxunta destes partidos ás eleccións xerais.


Sostén de Toro:


Acabamos de ver hai un par de anos o expolio dos aforros de xeracións e xeracións de galegos que investiron nas nosas caixas, ben vimos como todo ese capital acumulado foi parar a Caja Madrid. Pois o que fixestes os dirixentes desas organizacións políticas que negociastes eses tratos en Madrid foi tanto ou máis grave.


O autor mellor faría, para dar certa seriedade e solidez ao argumento, se concretase exactamente que forzas e que dirixentes fixeron que tratos, máis ca nada porque algunhas das forzas que asinaron o pre-acordo nin siquera existían cando se liquidaron as caixas. Por outra banda, o autor faría ben en revisar a hemeroteca e ler o que pensaba o actual Portavoz Nacional do BNG sobre o papel do propio BNG cando o proceso de liquidación das caixas.


Sostén de Toro:


Traizoastes a confianza e as esperanzas das persoas que iniciamos ou participamos no noso movemento cidadán para crear a candidatura unitaria soberana e, supoño, que traizoastes o diálogo cos partidos galegos cos que levades falado.


Cando un se conta un conto a si mesmo e o cre, o problema só o ten quen así actúa, non o resto do mundo. Calquera que bote un ollo á composición dese movemento cidadán pode facerse unha idea da pluralidade existente no mesmo e da procedencia dos seus integrantes. Salvo pola presenza de Suso Díaz (que, con todos os respectos, cumpre a mesma función que cumpría aquela muller negra inmigrante que aparecía no cartel electoral de Esperanza Aguirre: simular diversidade onde só reina a uniformidade) o resto é BNG, Cerna (ou sexa BNG), quintanismo (ou sexa BNG). En suma, atendendo á súa composición humana, IpU é BNG con outro nome. Se alguén dese mundo se sinte traizoado porque 3 forzas políticas distintas ao BNG non asumen a estratexia do BNG, o problema é de quen así se sinte e non de quen non pode traizoar o que nunca creeu. Que o BNG apoie este interfaz non ten nada de malo. Cada organización busca a mellor estratexia para os seus fins. En canto ao de que se traizoou o “diálogo cos partidos galegos cos que levades falado”, en que quedamos, está ben falar con partidos galegos ou é unha aberración que merece a guillotina?


Sostén de Toro:


Mais, sobre todo, fixestes un dano enorme á nosa sociedade, xusto cando é posíbel que unha forza política galega ocupe un lugar importante no panorama político e cando a cidadanía catalá abre un proceso no estado no que o noso país precisa ter voz propia. Non podiades escoller peor momento, nunca o dano tería sido tanto.


Pero entón falabamos de crear unha “forza política”? Tal vez a volta ao BNG preAmio? Polo que se dicía publicamente estabamos nun proceso de confluencia entre actores diferentes, actores que, polo tanto, terán que someterse a un proceso de negociación co fin de chegar a acordos de mínimos.


Sostén de Toro:


O manter negociacións por detrás mentras se teñen outras abertas en público con outros é un comportamento falto de toda ética política que vos deslexitima como dirixentes políticos, que confianza merecedes?E se hai dirixentes tamén haberá bases, sabíano? E apróbano?


De novo. As organizacións políticas soberanas fan o que consideran oportuno para levar a cabo os seus obxectivos. Como calquera pode comprobar, as forzas asinantes do preacordo levan expresado por separado a súa vontade de que haxa un proceso de confluencia de cara ás xerais entre partidos, cidadanía e mareas municipalistas e o pre-acordo político vai nese sentido. En que deslexitima a esas forzas? Onde a falta moral? Esa deslexitimación só pode existir en quen imaxinou na súa cabeza que o seu interfaz era un suposto punto de encontro neutral. Cada un é quen de imaxinar o que queira, pero iso non significa que o imaxinado se corresponda coa realidade.


Sostén de Toro:


Canto ao entregar a unha estratexia madrileña un capital político que en distintos momentos vos fomos entregando a cidadanía galega, voto a voto, na confianza de que erades políticos e organizacións galegas só pode ser considerado como inmoral. Se fósedes directivos dunha caixa de aforro deberiades rendir contas ante os vosos aforradores e investidores, porén esa decisión tamén merecería repulsa pública.


No que se trasluce do pre-acordo, onde está a entrega a unha estratexia madrileña? Polo que a Anova respecta, esta organización leva anos falando da necesidade de creba democrática, de fronte popular con forzas federalistas (federalistas, por certo, como federalista era a solución que propuña para o estado español o Suso de Toro confidente de Zapatero). As organizacións que asinaron o pre-acordo político son galegas,  o que se di nese pre-acordo fala de Galicia como suxeito político e do dereito a decidir. Hai quen preferiría que se dixesen outras cousas? É respectable, pero nun proceso de confluencia non só pode existir unha soa maneira de ver as cousas, e estabamos nun proceso de confluencia que incluía a nacionalistas e non nacionalistas, non si? Por certo, está Suso de Toro, coa biografía recente que atesoura, en condicións de outorgar carnés de pureza nacionalista?


Sostén de Toro:


Como non son un político de profesión podo e debo falar como un cidadán puramente e digo que ese comportamento oféndeme e meréceme repulsa, como supoño que merecerá a moitas outras persoas coas que levades xogado estes meses. Quen pensades que somos? Como podedes tratar así ao voso país e que cultura democrática é esa? O voso comportamento é incalificábel, ou xa o calificará a xente e o tempo.


Suso de Toro político de profesión non será, pero pertencer pertence á fundación dun partido político concreto que é o BNG. Algo perfectamente lexítimo. Os partidos políticos son ferramentas dignas e importantes. Sente repulsa polo que se di no preacordo político entre esas tres forzas? Tamén é respectable. Pero, se o que aí se di lle merece repulsa, en que tipo de confluencia estaba pensando Suso de Toro cando presentaba a IpU como lugar neutral de encontro para nacionalistas e non nacionalistas? Acaso confluír para de Toro é confluír arredor dos seus a priori? Que ten de reprobable que tres forzas políticas, nun proceso de confluencia amplo, asinen un documento no que mostran unha serie de puntos que comparten? A ver se o que ten un "comportamento incalificábel" é o que engana cando só concibe unha candidatura nacionalista ao tempo que di traballar pola confluencia cos non nacionalistas.


Sostén de Toro:


En calquera país deberiades dar desculpas. Con ou sen elas e polo ben do noso país, se aínda credes nel, debedes acudir con humildade, como acudimos os demais, e renunciando a calquera acordo previo que non teña sido aquí entre nós e á vista do público, a xuntanza aberta que convocou sen amaños e sen mentiras a “Iniciativa pola Unión” en Santiago o domingo 27.


Velaquí outra vez o cerne do asunto. Como diría aquel rei de Francia: a confluencia son eu. Pois non. Como IpU non é terreo neutral, e este artigo de Suso de Toro aínda o evidencia con maior contundencia, non pode erixirse como lugar de encontro senón como un actor máis. En canto ao de pedir desculpas, mellor non entrar en disquisicións moralizantes, porque antes calquera podería demandar que o autor se desculpase por vir dando leccións sobre non sei que rendición á estratexia de Madrid despois de facer a pelota ata límites insoportables ao presidente español que introduciu a escravitude do artigo 135 na Constitución.


Sostén de Toro:


Ese día, aniversario tamén do fusilamento de cinco antifranquistas, a cidadanía catalá vai pór sobre a mesa a evidencia de que a única forma de estado que podemos aceptar é a que nos recoñeza como a nación galega que queremos ser.


Agardo que as forzas do preacordo non sexan tamén culpables dos fusilamentos do 75. No pre-acordo político asinado por tres forzas políticas tamén se recoñece a Galicia como nación. Xa temos un punto máis de acordo.


Sostén de Toro:


Ese día precisamos dicirlle ao noso país que temos unha esperanza que ofrecer. E ímoslla ofrecer, esperamos por vós, se vós queredes.


Un pouco cínico facer un convite a quen se acaba de insultar de forma totalmente delirante. Pero non é nada novo, Suso de Toro eríxese en centro da confluencia, pero hai xa tempo que insulta aos que pretende engaiolar coas as bondades da IpU.

Sem comentários: